de Helena Sanmamede Maneiro

Para Facenda as “autónomas” son dividas en dous grandes grupos: Empresarias e Profesionais. Esta distinción implica diferenzas nas obrigas fiscais para efectos do IRPF (Imposto da Renda das Persoas Físicas).

Es Empresaria se te adicas a actividades como: construción, hostelería, fabricación, academia de ensino, comercio minorista ou maiorista, … Estas actividades implican que temos que facer unhas compras (incorrer en gastos) para efectuar unhas vendas (obter ingresos).

Cando os ingresos son maiores que os gastos obtemos un beneficio polo que teremos que pagar impostos. Unha vez ao ano, entre abril e xuño, teremos que facer a nosa declaración da Renda e informar a Facenda das cifras do noso negocio.

Pero isto non é suficiente, porque, como xa explicamos en capítulos anteriores, Facenda precisa ingresar cartos vía impostos ao longo do ano. Para as Empresarias, isto transfórmase nos “Pagamentos Fraccionados”; que, como seu nome indica, se traducen en pagamentos a Facenda que imos facendo fraccionadamente cada trimestre.

Así, trimestralmente temos que botar contas dos nosos ingresos e gastos e, se temos beneficio, pagaremos un 20% sobre ese beneficio.

Este 20% (pago fraccionado) é o adianto que facemos 4 veces no ano (abril, xullo, outubro e xaneiro) a Facenda polo Imposto da Renda. Se polas nosas circunstancias particulares, Facenda tivese que devolvernos todo ou parte deses cartos adiantados, isto non acontecerá até finais do ano seguinte.

Outra vez estamos ante unha carga tributaria excesiva e moi ríxida que non cumpre o principio de “equitativa distribución da carga tributaria”: non ten en conta as circunstancias persoais da Empresaria, tales como persoas a cargo (fillas/os, nais/pais, cónxuxe); tampouco ten en conta as circunstancias propias do negocio, tales como a estacionalidade, que se traduce na concentración dos ingresos nuns poucos meses, ou a falta de liquidez (típica na construción ou en empresas que traballan coa administración).

[Continuará]

____________________________________________________________________

Helena SanmamedeHelena Sanmamede Maneiro. Malabarista bici-pessoa do circo a tres pistas da asesoría fiscal, autoconstrución, formación, feminismo, consumo responsable, cultura, linguas, galeguismo, deporte, medio ambiente, finanzas éticas… Sempre aprendendo. Sempre medrando.

etikas.org /  etikas@etikas.org