de Helena Sanmamede

Segues coa idea de ser traballadora por conta propia? Adiante! Vexamos como lidar coa Facenda pública.

Comecemos por desmontar o falso mito dos 3.000 €. Esa idea de que se facturas menos de tres mil euros non tes que declarar a Facenda. É totalmente falsa. Calquera actividade económica, salvo moi concretas exencións, supón pagar impostos; dende o primeiro céntimo.

Esta falsa información nace por causa dunha declaración de IVE chamada “Declaración anual de operacións con terceiras persoas” (impreso 347). Esta declaración non implica pagar impostos, mais supón para Facenda unha valiosa fonte de información, polo que é obrigatorio facela para aquelas entidades e autónomas que teñan que presentar declaracións de IVE. A devandita declaración implica, para as entidades e autónomas, entre outras cousas, facer unha listaxe das provedoras/clientas ás que lles compraron/venderon ao longo do ano por unha contía total superior a 3.005,06 € (IVE incluído). Tal e como está a burocracia fiscal para entidades non consideradas grandes empresas, todas as súas clientas/provedoras que non cheguen a esa cifra non figurarán na declaración, o que implica que para Facenda será moi difícil ter información destas últimas.

Porén, se os teus ingresos están suxeitos a retención, entón Facenda terá información sobre ti dende o primeiro euro que factures.

Que significa “ingresos suxeitos a retención”? Noutro artigo explicaremos máis polo miúdo este concepto.

O primeiro paso en Facenda é “darse de alta”. A expresión correcta é “presentar a Alta Censal” (para o cal existen o impreso 036 e o impreso 037). Tamén é coñecido o trámite coa expresión de “alta no IAE”. Mais iso xa non é correcto, xa que as empresas obrigadas a darse de alta no IAE son as que facturan máis dun millón de euros. Porén, na alta censal si que se usan os epígrafes do IAE para catalogar as decenas de actividades económicas que Facenda contempla.

Ambos os dous impresos son extremadamente complicados e enredosos, escritos nunha xerga estraña case exoplanetaria: que epígrafe escoller, que é estimación directa, obxectiva, réxime simplificado, xeral, módulos, pago fraccionado, artigos de leis que nunca leremos,…? Verémonos nun mar de dúbidas. Podemos acudir ao departamento de censos das oficinas da Axencia Tributaria na procura de asistencia. Non teñas reparo en preguntar e preguntar, en pedir axuda, incluso en solicitar que a funcionaria cubra o impreso en todas os apartados que che sexan incomprensibles. É deber das funcionarias informar ás cidadás, neste caso contribuíntes, sobre aquelas materias que teñan o dereito a coñecer e facilitarlles o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, e ademais deben facelo sempre con atención e respecto.

Nesta primeira fase de facer a Alta Censal, estamos a comunicar a Facenda que iniciamos unha actividade económica (xa sexa como empresarias ou como profesionais) dende una data determinada. Comunicámoslle: nome, NIF, enderezo fiscal, se temos un local para a actividade ou non e as características deste, … e as obrigas que asumimos nos impostos do IRPF (Imposto da Renda das Persoas Físicas) e IVE.

Esta Alta Censal é obrigatoria para poder presentar as declaracións correspondentes a Facenda. E ten que ser anterior no tempo a esas declaracións. A presentación de declaracións de IVE e/ou IRPF sen a presentación previa da Alta Censal é unha infracción tributaria que pode ser sancionada.

[Continuará]