de Helena Sanmamede

O imposto do IVE é moi amplo e afecta a case todos os servizos ou bens que consumimos e ofertamos. Dentro deste imposto existe a posibilidade excepcional de estarmos exentas, que significa que as facturas que emitimos non levan IVE e, por tanto, non facemos declaración.

Porén, a situación normal e máis habitual é a contraria, a de termos que facer facturas con IVE. Ese IVE das nosas facturas chámase “IVE devengado” (ou repercutido). E temos que ter claro que non é un diñeiro noso. O prezo das nosas vendas ou dos nosos servizos é tan só a parte da factura chamada base impoñible. Co resto do importe da factura estamos a facer de recaudadoras de Facenda e, trimestralmente, terémosllo que pagar facendo a declaración de IVE (modelo 303).

Pero se temos gastos, veremos que tamén temos pagado IVE nesas facturas. Por iso Facenda permítenos restalo (deducilo) do IVE devengado (das nosas facturas) para que non esteamos pagando IVE dúas veces.

Cando nun trimestre temos máis ingresos que gastos teremos máis IVE devengado (facturas de venda) que IVE deducible, polo que a declaración sairá “a pagar”. Cando temos máis IVE deducible (facturas gastos) que IVE devengado (facturas ingresos), sairanos “a compensar” cos trimestres seguintes. Neste segundo caso, só no último trimestre do ano poderemos pedir a Facenda que nos devolva ese importe.

Por outra banda, son cada vez máis habituais as compras e vendas e prestacións de servizos (por exemplo, publicidade contratada nalgunha rede social) a proveedoras e clientas doutros países da UE, feito que ten consecuencias no ámbito do IVE. Entre outras cousas, obríganos a estar inscritas no Rexistro de Operadores Intracomunitarios (VIES na Unión Europea). Outra obriga derivada destas compras e vendas, chamadas intracomunitarias, é a de ter que facer declaracións de operacións intracomunitarias, nas que informamos a Facenda dos detalles destas transaccións.

[Continuará]

______________________________________________________

Helena Sanmamede (1) (1)Helena Sanmamede Maneiro. Malabarista bici-pessoa do circo a tres pistas da asesoría fiscal, autoconstrución, formación, feminismo, consumo responsable, cultura, linguas, galeguismo, deporte, medio ambiente, finanzas éticas… Sempre aprendendo. Sempre medrando.

www.etikas.org