de Elena Sanmamede Maneiro

Xa para comezar non gosto nadiña do termo “autónomo”. Pola incorrección, posto que en realidade é unha abreviación do nome dun réxime da Seguridade Social (réxime especial de traballadores autónomos). E pola dificultade de feminizar a parola sen que esvaeza lixeiramente o senso: “eu son autónoma”. Prefiro, e é máis axustado á realidade, a expresión de traballadora por conta propia: “traballo pola miña conta”.

E unha vez definidas, comeza a quebradura de cabeza de pescudar en que sarillo nos estamos a meter.

Para comezar debemos ter claro con quen temos obrigas e por que.

Das múltiples administracións do estado español, temos dúas que nos afectan a todas e que son as que máis medo dan:

-Seguridade Social

-Facenda

A Seguridade Social é a que se encarga de recadar cartos para o pagamento da sanidade, pensións, prestacións de desemprego, discapacidade, … E faino mediante as nosas cotizacións. Se traballas para unha empresa (es traballadora por conta allea), verás que todos os meses deducen da túa nómina tres porcentaxes sobre o salario por conceptos da Seguridade Social. Se es traballadora por conta propia e dada de alta na Seguridade Social tes que pagar do teu peto mensualmente como mínimo a nada desprezable contía de 264,44€.

A coñecida como Facenda é en realidade o Ministerio de Economía e Facenda a través do seu órgano da Axencia Tributaria.

Encárgase de recadar os nosos cartos a través dos impostos e doutros tributos para sufragar os gastos do estado: educación, infraestruturas, salarios dos empregados públicos, defensa, casa real, … Pero esa é outra historia que contaremos outro día.

Se es traballadora por conta allea atopas na nómina un cuarto concepto que resta do salario que é a retención do IRPF. Se traballas pola túa conta ou ben terás retencións nas túas facturas ou terás que facer pagamentos cada trimestre como anticipo do IRPF.

Por aclarar, o IRPF é o Imposto da Renda das Persoas Físicas; ese que que se materializa cada ano coa nosa Declaración da renda.

E entre todas, independentemente dos nosos recursos económicos, contribuímos a pagar o IVE simplemente polo feito de consumir, de comprar e vender cousas ou servizos.

Outra cuestión que hai que ter en conta é a interconexión entre estas dúas administracións que é NINGUNHA.

Para darnos de alta na Seguridade Social un dos requisitos formais que nos piden é estar de alta en Facenda. Pero a Facenda non lle incumbe o mais mínimo a nosa situación coa Seguridade Social.

No momento en que comezamos a facer transaccións económicas aínda que sexa por 1€ teremos obrigas con Facenda. Mais non por iso teremos que estar de alta na Seguridade Social.

A Lei Xeral de Seguridade Social di que estará obrigado a darse de alta na Seguridade Social aquela persoa que “realiza de xeito habitual, persoal e directo unha actividade que é económica a título lucrativo”.

O concepto de habitualidade é clave. Pero a lei non concreta os criterios para definir ese concepto.

Por iso temos as interpretacións que as xuízas fan das leis coas súas sentenzas (xurisprudencia). Así que remontándonos ao ano 1997 temos unha Sentenza da Sala do Social do Tribunal Supremo que establece que para que exista frecuencia ou continuidade na actividade empresarial ou profesional os beneficios teñen que superar o Salario Mínimo Interprofesional. A partir de aí podemos atopar moitas outras sentenzas na mesma liña.

Ollo, que isto non exime de que a algunha funcionaria se lle ocorra decidir que si que estabamos obrigadas a darnos de alta na Seguridade Social, e por conseguinte nos solicite pagar as cotas de autónomos supostamente atrasadas coas súas sancións correspondentes. Iso, polo que veño de explicar, pódese recorrer e gañar. Pero o susto do corpo non nolo quitan.

[Continuará]