de Ana María García Fernández – FEMLEGAL

Desde hai algún tempo, cada vez máis, estáse ouvindo a palabra “Mediación” dentro do contexto do Dereito Penal, como unha alternativa máis á resolución dos conflitos a que pretende dar resposta este ramo do dereito, pero, é adecuada no caso da Violencia de Xénero? Imos ver.

A Mediación é un dos modelos dos denominados “métodos alternativos de resolución de conflitos”, que derivan da chamada “Xustiza Restaurativa”, isto é, aquela que busca como obxectivo a reparación do dano causado, en contraposición á preventiva ou a retributiva, que buscan a prevención do delito ou o castigo do infractor, respectivamente. Nestes últimos anos, estas metodoloxías restauradoras están en auxe como resposta, entre outras cousas, á lentitude da xustiza, á procura doutra forma de levar o proceso, entre outras. Pero, son válidas como resposta a calquera tipo de delito?

Ben é certo que noutros campos, como por exemplo, no Dereito Civil ou Administrativo, o camiño andado é outro. De feito, xa existe a Lei de Mediación en asuntos civís e mercantís desde o ano 2012, pero no ámbito do Dereito Penal non existe tal regulación. De feito, no caso que nos ocupa, a Violencia de Xénero, aparece expresamente prohibida na Lei de Medidas de Protección Integrais contra a Violencia de Xénero do ano 2004. Pero é adecuada esta prohibición? Son moitas as voces que a cuestionan e que mesmo, con esta prohibición diante, cuestionan que esta prohibición sexa ao 100% e existan algúns resquícios onde poida ser aplicada. Nós imos ver agora os argumentos que aportan estas voces, para chegar a unha conclusión desde o feminismo, como non poderia ser doutra maneira en Femlegal.

En primeiro lugar, as voces partidarias da Mediación na Violencia de Xénero aportan a propia participación das mulleres no seu destino como o principal beneficio derivado da Mediación. O feito de que o proceso non ocurra como algo “alleo” a nós, de feito é positivo e pode evitar a chamada “vitimización secundaria” da agredida no proceso penal, pero … estamos preparadas para iso, así, sen máis, para sentarmos diante do agresor e falar en igualdade de condicións? É certo que na mediación pode ser máis doado a creación dun ambiente de confianza diferente ao do xuizo penal, pero aínda non existe formación suficiente en todas as partes implicadas no proceso para que as necesidades da vítima sexan tidas en conta.

En segundo lugar, neste proceso supéranse as dificultades do procedemento ordinario, relativas á tramitación, duración, contexto físico, atrasos… Mais… é suficiente?

En terceiro lugar, a maioría das voces partidarias da Mediación neste contexto vinculan o éxito da mesma á ausencia dun longo historial de violencia no agresor, mais estaremos de acordo en que ausencia de denuncias non sempre implica ausencia de violencia. Estímase que só un 20% das agresións por Violencia de Xénero son denunciadas.

Por outro lado, as voces, minoritarias iso si, que entendemos que non é posible, polo menos nun escenario real, destacamos, en primeiro lugar, os riscos para a seguridade da muller, dada as características do delito cometido e do agresor, que non é máis que a expresión máxima de violencia para coas mulleres, só polo mero feito de o serem, e a máxima anulación da nosa vontade. É máis, na totalidade dos casos, do punto de vista legal, o agresor é do entorno máis próximo, o cal pode potenciar a presenza de coaccións para a participación no proceso, dadas as vantaxes penais que lle poderían supor. A garantía de seguridade ten que se converter nunha prioridade do sistema, ainda a risco de perder os posibles beneficios que mencionabamos da Mediación.

En segundo lugar, dada a configuración actual da Mediación, a participación nela ten que ser libre e voluntaria, e é evidente que a vítima non é “libre” para outorgar este consentimento e pódese, mesmo, potenciar o efecto “lúa de mel” do chamado “ciclo da violencia” e que reforza actitudes tendentes ao sacrificio da vítima e á súa “empatía” co agresor para reconducir a relación. Moitas voces mesmo apuntan á Mediación como un dos motivos de retirada de denuncias, se ben, as estatísticas amosan que cada vez máis, menos mulleres o fan.(1)

En terceiro lugar, existe un grande desequilibrio de poder entre ambas partes. Todas as voces que apoian a Mediación como alternativa á resolución do conflito, parten do principio de igualdade sen o cal, segundo por exemplo, a autora Amaya Fernández López (2)sin asegurar este punto de partida la mediación estaria condenada al fracaso”. Pois non, señoras e señores, non somos iguais, nin estamos en igualdade de condicións. Terían que verse presentes toda unha serie de condicións, correctoras desta desigualdade e que a día de hoxe o sistema non presenta. A ausencia de equilibrio non permite unha toma de decisións en liberdade.

En cuarto lugar, outorgarlle o carácter de “dispoñible”, de “merecedora” dun acordo persoal, (fronte á rixidez do sistema xudicial) ao ben xurídico que protexe a loita contra a Violencia de Xénero, fraco favor lle fai aos esforzos feministas que conseguiron que as agresións machistas saísen do ámbito privado para visibilizarse en algo público. Non podemos voltar a ver como a loita contra a Violencia de Xénero volta a ser algo “acordable” entre as partes.

Para finalizar, diremos que a Mediación está ausente da nosa cultura nacional, sendo máis ben propia da cultura anglosaxona e isto é algo que só poderia ser superado co tempo. 

Pois ben, neste escenario poderíamos plantexar que se a este proceso lle sumamos toda unha serie de condicionantes que “correxisen” ou compensasen os efectos negativos mencionados, podería darse un escenario hipotético onde a Mediación sexa posible. A ter en conta:

  • a voluntariedade e a liberdade de participar no proceso ten que seguie sendo unha condición.
  • Existencia dun historial de violencia non prolongado por parte do agresor, se ben, eu entendo que isto non é posible, que non existe o “maltrato esporádico”, xa que a agresión é a punta do iceberg doutra serie de condutas previas.
  • Metodoloxía de traballo complementaria e non substitutiva do proceso penal.
  • Fundamental o traballo de empoderamento e protección das vítimas de xeito paralelo ao proceso, dotándonos as mulleres dunha serie de mecanismos de cara ao encontro co agresor: a confianza na nosa experiencia, na nosa forza, a non culpabilización da vítima e a ausencia de consellos, entre outros…

Una concepción basada en el empoderamiento toma como punto de partida el reconocimiento de que la violência contra la mujer es inherente a hecho de estar sometida al poder y el control de otro ser humano y ser tratada como inferior” (Raquel Castillejo Manzanares).

  • Apoio psicolóxico feminista para a vítima e tratamento profesional para o agresor, que incida na súa responsabilización, rompendo a relación de subordinación, e que estexa acompañado de obradoiros de reeducación e novas masculinidades.
  • Formación especializada en Feminismo e Igualdade de Xénero para todas as profesionais que acompañen o proceso, especialmente para a Mediadora.

Se aplicamos todas as garantias necesarias, se a isto acrecentamos unha asistencia letrada feminista que garanta que as garantias se dan no caso en cuestión e que supervise os acordos, se temos en conta todo isto, quedarían tan reducidos os casos (existirían?) que non poderíamos estar a falar de xeito xeral da Mediación como un mecanismo válido e útil para tratar os casos de Violencia de Xénero no Dereito Penal. A desigualdade das partes, os condicionantes sociais e culturais, a falta de recursos … sitúan a Mediación nunha situación de incerteza e dificultade tal, que, polo menos nun primeiro momento, deriva na imposibilidade de aplicala como metodoloxía alternativa á resolución do conflito. Un sistema que pretende que as partes, vítima e agresor, nos sentemos diante nun plano de igualdade non ten solidez por si para erixirse en solución viable.

1 A porcentaxe actual sitúase nun 10´15%, fronte a case un 12% do ano pasado, 2016.

Fernández López, M. A. “La Mediación en procesos por Violencia de Género”. Thomson Reuters Aranzadi, 2015.

_____________________________________________________________________

IMG_20161204_130308 (1)Ana María García Fernández, licenciada en dereito e Master en Igualdade. Responsable de FEMLEGAL, consultoría/asesoría legal e entidade formativa especializada en Igualdade de Xénero e dereitos das mulleres.

http://www.femlegal.es
femlegal@femlegal.es
http://facebook.com/femlegal
@Femlegal