por María Pérez

Neste artigo a autora reflexiona sobre os límites da súa propia pel, as contradicións do día a día, o medo á precariedade e a importancia dos autocoidados.

As compañeiras da Revirada propoñen unhas preguntas ben interesantes sobre a nosa propia pel. Apetecíame falar sobre o tema, compartir as reflexións que sobre este asunto roldan a miña cabeza nos últimos tempos. Sinto un desexo de saír dos meus propios límites. Unha parte de min síntese presa. As limitacións dunha patoloxía que leva comigo moitos anos fanse, co paso do tempo, máis presentes. 

A miña pel é suave. Gosto dela, mais desexo saír, ir máis aló dos límites que me impón. Onde está a liberdade? 

Gosto da miña pel branca. Faime lembrar a da avoa Clara. 

Ás veces, estou contenta comigo, coa miña capacidade para afrontar os golpes e a precariedade da vida. Outras, desexo voltar aos quince anos, cando a boa saúde me acompañaba e a miña agoiraba un futuro prometedor. 

Amor e odio, mais nunca indiferenza fronte esta miña pel que contén todo o que son.

Doe sentirme incapaz de gañar os cartos para pagar o aluguer, as facturas, para facer fronte a esa vida sinxela que eu mesma programei, adaptada ás miñas limitacións.

A familia está apoiando e axudando. Teño sorte. É certo, mais eu desexo ser independente, e resulta unha tarefa ben complicada. Ben sei que non todo depende de min. 

Dentro da miña pel habitan moitas cousas. Algunhas non me gustan, outras si. Comezo a ter un conflito co meu corpo. Gustábame, mais agora xa non sei que está a pasar.

Amar a pel2

A báscula sinala dez kilos de máis. A gordofobiachama á miña porta.

“Estás gorda”. “Tes barriga”. ”Comes muito”. “Non che serve a roupa”. “Tes que adelgazar”. O “teño que”, “non podo”, repítese moito na cabeciña. Mais a pesares das obsesións, das dificultades, sigo cara adiante, nun intento de contruír unha vida digna dentro das carencias que podo ter. Sei que estou a facelo ben. Rodéome de amor do bo, dese que fai sorrir e engrandece o corazón. Cóidome todo o que podo, déixome coidar, teño iniciativa para facer actividades que me fan ben. Constrúo, xunto co meu compañeiro, unha relación linda baseada no amor e no respecto mutuos. Quero a miña familia, as miñas amigas e, por enriba de todo, quérome.

______________________________________________________

Maria Perez

María Pérez

Nacín na Coruña o 3 de decembro de 1976. Encántame o mundo no que vivo. As baleas. As árbores. As flores dos tilos e das cerdeiras silvestres. Observo o que me rodea coa curiosidade dunha nena e a mirada adulta. Teño cadernos escritos por toda a casa. Disfruto a vida lenta, o silencio, a música que me transporta a outros lugares. Interésame o ser humano, as súas formas de comportarse, sentir, os seus usos e costumes, os seus conflitos internos. Os libros son compañeiros fieis. Son muller. Son feminista.

http://entrenubesysalitre.blogspot.com/

https://www.facebook.com/maria.perezminones

https://www.instagram.com/mariaperezminones/