de Alexandra Díaz García

Neste numero referente á muller no ámbito público do traballo, gustaríame facer fincapé na falta de seguridade que vimos sufrindo ata o momento: o acoso sexual no traballo maila infravaloración a nivel profesional da muller con respecto ao home, sobre todo canto máis idade imos tendo.

A normalización desta situación fai perigar o movemento de liberación feminino. O dereito da muller a gañar o seu pan vese ameazado pola presión do capitalismo patriarcal que segue a amedrentar e culpar ás mulleres que desexan ser independentes. Que diferenza hai entre un camareiro e unha camareira? Ademais da brecha salarial, tristemente tamén o é a do acoso sexual tanto por parte dos xefes coma dos compañeiros mais os clientes que se cren co dereito a acosar verbal e físicamente ás traballadoras. Podemos falar doutro tipo de traballos, pero sobre é todo no sector servizos no que a muller é vista coma un obxecto sexual e decorativo máis que coma unha persoa que está a traballar duramente para manterse por si mesma. Todo isto fai que ao final do día cando regresas á túa casa, en lugar de sentirte realizada por gañar o teu propio diñeiro, te sintas culpable, prostituída e ninguneada. Isto é o que o capitalismo patriarcal fai coa psique e o corpo feminino, prostituílos, mentres os nosos compañeiros varóns miran cara outro lado e ata rin ás grazas dun tocamento de cu. «Iso é porque estás boa!». «Ah perdoa! CULPA MIÑA».

Todo isto respondería á pregunta de se queremos traballar… NON. NON DENTRO DESTE SISTEMA.