por Helena Sanmamede Maneiro

Vimos falando en capítulos anteriores que, como empresarias ou como profesionais, temos a priori unhas obrigas con Facenda de pago de impostos e de presentación de declaracións. Imos obviar as grandes empresarias de grandes facturacións. Entre outras, as obrigas son:

No eido do IRPF:

>retencións nas facturas emitidas [capítulo III]

>pagos fraccionados trimestrais [capítulo IV]

>declaración da renda (anual)

No eido do IVE:

>liquidacións de IVE trimestrais [capítulo VI e VII]

>resumo anual de IVE

>declaración de operacións intracomunitarias [capítulo VI]

>declaración de operacións con terceiras persoas [capítulo II]

As declaracións trimestrais teñen uns prazos fixos de presentación e pago, que son o día 20 dos meses de abril, xullo, outubro e xaneiro.

Ademais, en xaneiro temos que presentar o resumo anual de IVE, que é unha recapitulación das declaracións trimestrais.

En canto á declaración de operacións intracomunitarias, a priori é trimestral. Pero en determinadas circunstancias de baixos importes, pódese presentar tan só unha vez no ano.

Por último, a declaración de operacións con terceiras persoas é anual e preséntase no mes de febreiro.

E teñamos ben en conta que as presentacións e pagos fóra de prazo ou a non presentación son punibles e moi facilmente detectables por Facenda.

Ademais das obrigas de declaración, tamén hai unhas obrigas formais e documentais,

tales como gardar as facturas e demais documentos económicos durante un prazo de 4 anos (que é o prazo de prescrición e que comeza a contarse cando remata o prazo da última declaración do ano), ou a de levar unha especie de contabilidade ou rexistro de todos eses documentos e facturas.

Ese rexistro de documentos son os Libros de facturas Recibidas, de facturas Emitidas e de Bens de Investimento (para IVE) e os Libros de Vendas e Ingresos, de Compras e Gastos, de Bens de Investimento e de Provisións e Suplidos (para IRPF).

[Continuará]

______________________________________________________

Helena Sanmamede (2)Helena Sanmamede Maneiro.

Malabarista bici-pessoa do circo a tres pistas da asesoría fiscal, autoconstrución, formación, feminismo, consumo responsable, cultura, linguas, galeguismo, deporte, medio ambiente, finanzas éticas… Sempre aprendendo. Sempre medrando.

www.etikas.org