Por Aranxa Vicens

Patria, Minerva y Maria Teresa Mirabal, coñecidas como “As Bolboretas”, en múltiples ocasións foron vítimas do terror ditatorial de Trujillo (encarceladas, violadas e torturadas) xa que loitaban pola liberación da República Dominicana. O 25 de novembro de 1960, os cadáveres das irmás Mirabal foron atopados, destruídos, no interior dun vehiculo afundido nun barranco. Horas antes, as tres mulleres, militantes activas contra o réxime de Trujillo, foran asasinadas por un escuadrón enviado polo ditador. Os homes do autócrata golpeáronas ata a morte e metéronnas dentro do vehículo para simular un accidente. Pero nunca houbo dúbidas de que se trataba dun delito. O asasinato das irmás Mirabal foi un dos desencadeantes da caída de Trujillo. As mulleres que a día de hoxe marchamos todos os 25N polas Violencia(s) de Xénero(s) estamos facéndoo en honor a esas mulleres colonizadas que foron asasinadas fai case 60 anos.
Non fai falla dicir que o movemento feminista en Compostela é, na sua maioría, hexemónico e que hai moito por deconstruír e decolonizar en cada colectivo. Asumindo que a maioría de nós temos libre circulación polo territorio e dentro da Unión Europea, é normal que a deconstrución dos privilexios moitas veces quede nun segundo plano. Iso é o traballo que dende o movemento feminista compostelán está pendente, e debe realizarse. Porén, as institucións publicas deben manter a coherencia cando inclúen na súa axenda política campañas de concienciación e solidariedade co feminismo.
A coñecida campaña “Galicia en negro” este ano lanzou distintos produtos, como cartazes para os negocios locais, bandeiras e camisetas. Estas últimas están feitas en Bangladesh, como indicado na etiqueta. Moitas das mulleres racializadas e migrantes denunciamos este abuso colonial por parte do Concello; centos de mulleres no inicios de ano protestaban en Bangladesh pola
explotación téxtil e as condicións laborais inhumanas ás que son sometidas.
O seu salario mínimo en 2018 era de 82€ ao mes, sen contar horas extra, transporte, etc. Que unha institución publica europeia produza camisetas “feministas” con mán de obra barata (que en realidade é mais unha neo-escravitude) de mulleres explotadas e que non sexa relevante porque non estamos preto desa realidade é un falta de ética e unha forte contradición cos obxectivos do feminismo antirracista e decolonial. Esta explotación non sería posible sen as relacións coloniais xurdidas entre territorios que foron colonizados fai séculos, e que os criollos e/ou a clase alta conservaron, xa que esas dinámicas favorecen os seus intereses económicos e políticos.
Na paxina do Concello de Santiago de Compostela atopamos datos transparentes dos investimentos e pagos, pero non están actualizados. A última cifra que se ten da campaña de Galicia en negro é do 2017: “Campaña “en negro contra as violencias” (2017-12-28) – 20.952 €”.
Nesta listaxe están separados os prezos por categorías: a campaña, os materiais e unha lona, pero todo do ano 2017 ou previo. Non está demais dicir que non solo é unha campaña colonialista e antifeminista (se entendemos como feminismo a busca real da igualdade para todas e a comprensión das distintas opresións), senón que tamén deixa de lado os negocios locais que ofrecen estos mesmo servizos e garantizan un comercio xusto.
O Concello de Santiago de Compostela e Territorio de Mulleres, ambos promotores desta campaña, deben asumir a súa responsabilidade. E o movemento feminista compostelán debe facer autocrítica do consumo e uso de roupa con mensaxes feministas que son incoherentes e contradictorios polos seus orixes e que apelan á sensibilidade das mulleres que loitamos no feminismo dende o antirracismo e a decolonidade. Se unha prenda oprime a outra, que sentido ten usala nunha protesta feminista? Pola outra banda, non debemos permitir que o feminismo caia na trampa da instrumentalización política, pois moitas veces é engadido a axendas políticas para manter a careta do “politicamente correcto” dun partido político. Temos unha tarefa importantísima de cara ao futuro, debemos empezar a entender que a decolonización das institucións, costumes, mentes e ideoloxías é fundamental para a existencias doutras, das precarias, das coidadoras, das migradas, das racializadas, das mulleres que son de aquí e de alá e de ningún sitio. O antirracismo interpela a todas e todes, é a base para unha sociedade libre,
xusta e combativa coas desigualdades. Sigamos saíndo á rúa polas irmás Mirabal, e loitemos contra ese colonialismo que condicionou as súas vidas. Non só é traballo das oprimidas, tamén dos e das opresoras.
Fontes:
Protestas
Salario mínimo
Datos da campaña. Pagos Concello