Campanhas

MACHISMOS, MOITO MÁIS QUE MICRO

Grupo de traballo en Igualdade Fiadeiras, Ceesg

O grupo de traballo Fiadeiras, dentro do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia, Ceesg, nace no ano 2011 coa necesidade de xerar un espazo feminista para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais da nosa comunidade, encamiñado a romper cos modelos sexistas que seguen a frear a día de hoxe os avances cara unha sociedade democrática e xusta.

Os valores fundamentais que sosteñen o noso quefacer son a Igualdade, a Xustiza Social, a Sororidade e a Non Violencia; imprescindibles para comprometer a praxe do Ceesg e situar o Feminismo como valor central da práctica educadora.

Dende vai tempo, as Fiadeiras vimos reflexionando sobre a necesidade de levar adiante unha acción para denunciar o machismo que na vida cotiá continúa afectándonos como mulleres.

Estes elementos de control e dominio teñen sido identificados como de baixa intensidade pero a mente e o corpo que os padece quizais non teñan a mesma opinión; pois a violencia que padecemos, sexa do tipo que sexa, é unha coacción ás nosas posibilidades de ser. Cando polo feito de ser mulleres somos humilladas, sobrecargadas de traballos, tutorizadas, controladas, sexualizadas, silenciadas… Cando non somos escoitadas, tomadas en serio, valoradas, libres… En todos estes casos estamos sendo violentadas e fronte a iso non hai gradacións posibles.

A campaña “Machismos: Moito máis que micro” ten como obxectivo fundamental denunciar que as actitudes e os comportamentos dominantes que os varóns seguen exercendo en relación ás mulleres, por máis que estes teñan lugar de forma sutil ou case imperceptible, son formas de violencia que reproducen a desigualdade de valor e oportunidade en función do xénero.

A idea que nos move é recoller experiencias de mulleres en relación ás formas sutís en que se presenta o patriarcado, precisamente coa intención de visibilizar a súa importancia.

Son moitas as narracións, experiencias e vivencias que foron chegando ao noso blogue durante este último ano e que nos permiten exemplificar a violencia que seguimos aturando na vida cotiá como nenas e mulleres. E serán empregadas nunha publicación contra a violencia machista coa intención de visibilizar todas aquelas situacións cotiás que pasan desapercibidas pero contribúen a que a igualdade entre mulleres e homes sexa máis formal que real.

Queremos que, esta campaña e a conseguinte publicación, sexa unha ferramenta para sensibilizar e formar á cidadanía e tamén ás educadoras e educadores sociais, que como profesionais da educación precisamos integrar unha ollada feminista na nosa labor para que esta sexa efectivamente unha praxis a prol da igualdade e da liberdade das persoas.

De antemán, agradecemos a vosa colaboración e acompañamento na loita feminista.

Máis información: fiadeirasceesg.blogaliza.org ou facebook.com/fiadeiras

Fiadeiras somos: Eva Bastón Martinez, Isabel Taboada Mougán, Maite Sío Docampo, Tania Merelas Iglesias, Noelia Darriba García e Natalia Domínguez Galán.