Por Libraría de Mulleres Lila de Lilith
www.facebook.com/LiladeLilith

Hai moitos libros que podemos suxerir, mais, desde que pasou Diana J. Torres pola Lila, co seu tsunami da revolución das conas non podemos máis que recomendalo.

A intención do libro é que tomemos consciencia do poder que adquirimos cando coñecemos e gozamos do noso corpo e, nomeadamente, da nosa cona. Fala, fundamentalmente, da exaculación das mulleres. Parte da súa propia experiencia exaculadora e vai buscando información na bibliografía especializada (moi escasa), na rede, nas culturas non occidentais, nas experiencias das outras mulleres a través de obradoiros, etc. Todas, as que experimentan/experimentaron a exaculación (cara a fóra, porque todas exaculamos pero gardámolo…) pasan por un proceso semellante; nun primeiro momento pensan que se están a mexar e pouco a pouco van descubrindo que é outra cousa… unha cousa da que, case, non se fala.

Diana J. Torres defende que o patriarcado interiorizado fainos reprimir eses chorros que poderiamos expulsar. As mulleres vimos a este mundo a limpar o lixo dos demais e non a andar desparramándonos por aí, dinos ese señor patriarcado desde moitos lugares distintos… A ciencia médica, que non é neutra, senón, pola contra, sumamente misóxina, leva séculos invisibilizando e/ou patoloxizando o corpo e a sexualidade das mulleres. Diana fálanos de máis orificios dos que pensamos, de que temos próstata, e convídanos a autocoñecernos e deixarnos fluír…

literatura5

Outros libros sobre a vulva:

Historia de la vagina. Un territorio virgen al descubierto. Catherine Blackledge. Península. 2005.

Monólogos de la vagina. Eve Ensler. Emecé. 2005 (1998)

O clítoris e os seus segredos. María Lameiras. Iolanda Rodríguez. María Victoria Carrera. 2013. Difusora das Letras. Universidade de Vigo.

Vagina. Una nueva biografía de la sexualidad femenina. Naomi Wolf. 2013. Editorial Kairós.

Vulva. La revelación del sexo invisible. Mithu M Sanyal. Anagrama. 2012

Yo amo mi vulva. Conoce el tesoro que te da vida. Silvia Maza, Dina Cedano, Liz Cabrel. Mandala Ediciones. 2010.