de Mai Insua · Lésbicas Creando · Pracer Para Todas

Unha das cousas que é común ás identidades marxinais (as que estamos nas marxes da estrutura social a nivel de dereitos, visibilidade, recoñemento…) é que desenvolvemos creatividade para existir, e isto é un ben humano para todxs (sexa cal sexa a túa identidade) porque xera liberdade e posibilidades. Outra das cousas que compartimos que recibimos violencia, unha violencia que non é anecdótica nin extraordinaria senón que aparece na nosa vida cotiá.

Madrid. Somos 10 mulleres nun obradoiro de sexualidade, pasou cerca dunha hora e temos creado un clima de complicidade, honestidade, confianza. Fixemos un pacto de seguridade e sentímonos co corpo e as vivencias abertas; expresámolo e nótase na enerxía. Estamos no chan formando un círculo con moitos post-its entre nós nos que escribimos elementos que sentimos importantes. A dinámica baséase en que entre todas e por explícito consenso, escollamos cinco para que dende hoxe lideren (aínda) máis a nosa forma de vivirnos. Todas imos escribindo e dicindo o que queremos colocar ao tempo que o poñemos no círculo. Eu escribo “mulleres”. Gústanos, identifícanos; alguén propón situalo no centro como o centro de todo e todas estamos de acordo. Rimos, debatemos e organizámonos improvisando e acordando. Eu escribo “lesbianismo”. Crúzanse conceptos, negociacións… E unha man que colle “lesbianismo” para colocalo só fronte a min, afastado dos outros e fóra do círculo, dicindo “eu isto se non vos importa póñoo aquí”. Fico chocada e boto a rir (que ás veces é o son que vén coas pezas que acaban de moverse por dentro). Cando me recoloco collo o post-it enraizándome no meu lesbianismo e míroa aos ollos: “por que me das isto a min?” O resto do grupo está en silencio. Ela amósase un pouco dubidosa antes de falar pero cando comeza faino de corrido: “Ben, porque estamos a colocar cousas que poidan representarnos a todas e creo que isto só é importante para ti”.

Ais…

A facilitadora fálame cómplice e cun sorriso convídame a compartir o meu concepto de lesbianismo. Míroa de novo e dígolle que está asumindo o lesbianismo só como parte da miña vivencia porque eu o fixen explícito, asumindo que non forma parte das vivencias das demais e que iso me parecía moito asumir (hai movementos de cabeza asentindo e apoiando que, efectivamente, é moito asumir). Dígolle que o Lesbianismo é máis amplo, e que ten a ver con como estamos no mundo en amor e apoio con outras mulleres, con como podemos recoñecernos belas e valiosas nunha sociedade que nos ensina a rexeitarnos, con como podemos estar do noso lado, establecer vínculos profundos e recoñecer que son eses vínculos os que nos conforman de forma importante e os que nos nutren a través do afecto, do coidado, do contacto físico… Que son a través dos que nos fortalecemos, resistimos, medramos e podemos vivir mellor; que tamén, podemos desexarnos, amarnos e elixirnos como compañeiras de vida; que quizais non para todas nin sempre está o desexo de relacionarnos en formas que impliquen os xenitais, establecer parellas… Pero pode que si estea o de, por exemplo, bicarnos moito e acariñarnos outras partes do corpo e podemos facer iso, porque n o n p a s a n a d a.

Dende a primeira frase ela reacciona con honestidade, escoitándome de verdade e dicindo “é certo”. Cando acabo de falar di con enerxía “convencíchesme!” e colle o post-it para, despois dun rápido consenso, colocalo no centro xunto a “mulleres”, como parte do centro de todo. Esta acción súa, e de todas, paréceme altamente feminista e respéctoa. Compartir a experiencia aquí é tamén a miña forma de que esta realidade (co feminismo e a lesbofobia) sexa máis visible, porque compartimos as marxes por opresión, mais estamos a poñer enerxía en compartilos realmente xuntas por decisión.

En realidade creo que temos asumido de forma tan pouco consciente (como aprendemos a asumir as opresións) que o lesbianismo é algo marxinal que lles sucede e incumbe a unhas poucas, que asumimos tamén que non é representativo das “mulleres” e que ese xesto de situarme á marxe, como menos parte do importante para todas nosoutras, foi o corpo falando do que se tomou natural. Tan natural que non precisa consenso; tan natural que aínda que as dúbidas deixen ocos aparece un discurso aprendido para enchelos; tan natural que podes entregarlle lesbofobia a outra compañeira nun espazo de seguridade e afecto.

Seguimos a recibir lesbofobia, en moitos e moi diferentes xestos e tamén recibimos lesbofobia mesturada con feminismo en espazos de seguridade e afecto. A experiencia de todo este obradoiro foi fermosa grazas a nós como grupo e á facilitadora. Cando despois me encontrei coa miña parella sentíame expandida, enteira, fortalecida e doída tamén. Ela abrazoume, agarroume das mans para escoitarme e bicoume moito; falamos dos privilexios e as opresións, de que tería pasado se este apartar o tiveran feito por exemplo cunha muller negra. Do “curioso” que resulta que para representar a sexualidade das mulleres sexa a lésbica a que se pon a un lado, cando é precisamente a sexualidade que vivimos entre nosoutras. De que como sería se eu non falase. De como prepararnos e que facer con estas vivencias.

Esta é outra das cousas que compartimos as identidades nas marxes: incontables veces devolvemos a opresión con pedagoxía, ampliando posibilidades para todxs e especialmente para as persoas que acaban de reproducir opresións contra nós. Achegamos así un ben individual e colectivo. Mentres, nós temos que poñer enerxías en transformar o vivido, en vivir tendo moi en conta que moitas das nosas enerxías imos dedicalas a pelexar. O que desgasta e limita as nosas posibilidade no mundo, no individual e colectivo.

Compartir a experiencia aquí forma parte de moitos actos de Autodefensa feminista para min e de contribuír ao empoderamento de nosoutras e nosoutres, que nos pasou e pasa no cotián. É un acto de orgullo, por vivirnos dende unha identidade que xera, transforma e move a quen comparten opresións con nós, como a machista, ao tempo que reproducen outras contra nós, como a lesbofobia. Seguimos pelexando e precisámosvos con máis amor, máis Lesbianismo, máis forza. Precisámosvos pelexando salvaxes e no día a día con nosoutras.