de Laura M. Castro

Como muller e profesional da enxeñaría do software, non hai cousa que máis rabia me dea que escoitar a outra muller frases como: “non me entendo coa tecnoloxía”, “non me levo ben cos ordenadores”, “non se me dá ben a informática”. As máis das veces, é cun ton de desculpa, como se fose culpa nosa, como se algo non estivese ben configurado (por usar terminoloxía acorde) nas nosas cabezas. Outras, as menos, cun ton de orgullo, como rebelándonos contra un inevitable futuro que chegou sen consultarnos.

Ás mulleres do primeiro grupo, quero dicirlles que non é culpa súa se usar ordenador ou calquera outra tecnoloxía se lles fai complicado. A tecnoloxía non é un fin en si mesma, non é unha lei da física que debemos desentrañar, non ten personalidade coa que poidamos ser máis ou menos compatibles. A tecnoloxía é creada por persoas e, cando está destinada para ser empregada por persoas, é fundamental que resulte doada e intuitiva. Se non é así, non cumpre co seu cometido, fracasa. Cambiemos o noso discurso, digamos: “esta tecnoloxía é difícil de entender”, “usar este ordenador é frustrante”, “as opcións deste programa non son claras”. A responsabilidade pasa así ao tellado das profesionais que desenvolvemos software.

Ás mulleres do segundo grupo diríalles que a tecnoloxía ten un enorme potencial para facilitar a vida cotiá tanto no plano persoal coma no profesional. Poder interactuar coa administración de xeito seguro e fiable para todo tipo de trámites (presentación e pagamento de impostos, solicitude de certificados, etc.) debería estar ao alcance de todas, por poñer un exemplo. Se rexeitamos participar dela, a tecnoloxía non vai deixar de alcanzar máis e máis aspectos das nosas vidas; pero farao á marxe da nosa perspectiva, das nosas necesidades, das nosas opinións, das nosas prioridades. Fagamos oír as nosas voces como usuarias, sinalemos as limitacións da tecnoloxía actual (ou convirtámonos nós mesmas en creadoras de tecnoloxía… pero iso é tema que dará para outros revirados artigos!).

Identifíqueste co grupo que te identifiques, e mesmo se a argumentación anterior non te convenceu nin un chisquiño, o certo é que, hoxe e mañá e a semana e o mes que vén, os móbiles seguirán tendo milleiros de opcións escuras e os ordenadores seguirán “colgándose”. A boa noticia é que desde este recuncho revirado, compartiremos número a número pequenos consellos para ir tratando a tecnoloxía como o que debe ser: unha ferramenta ao noso servizo. Aceptamos preguntas/consultas, reviradas ou non!!