de Ángel Amaro

“A homofobia, como forma sistémica de opresión, forma un entramado moi tupido co resto de formas de opresión, está imbricada con elas, articulada con elas de tal xeito que, se tiras dun extremo, o nó aprétase polo outro, e se afrouxas un cabo, tensas outro (…) Con que dereito imos esixir a un hetero que non sexa homófobo se nós somos tránsfobas ou racistas?”

Paco Vidarte. ÉTICA MARICA (2010)

Recentemente todos os estudos centrados na sexualidade dos homes gais e bisexuais reflicten un incremento exponencial da plumofobia nos ambientes de socialización HSH (Homes que teñen Sexo con Homes). Denígrase a pluma e estigmatízase todo o relativo ao ‘amaneiramento’ no home. A diversidade corporal e de expresión estética que se viviu nos anos 60-80 no seo dos espazos HSH evolúe para un modelo monolítico que se sustenta, cada vez máis, no rexeitamento “do feminino”. Nos días de hoxe, no mundo marica é mainstream non erotizar a pluma, desprezar a cultura drag, ou mesmo, non solidarizarse cos compañeiros que tendo pluma son vítimas de homofobia. Unha barbaridade. Que nos está a pasar no seo das trincheiras gais? O individualismo, o elitismo e a plumofobia actuando xuntas convértense no peor Cabalo de Troia que teñen a día de hoxe os espazos de homosocialización masculina. Por que estamos a padecer este fenómeno que esmaga a nosa autoestima colectiva como maricas? Quen se beneficia do avance da plumofobia?

Increméntase a pasivofobia, o pensamento falocrático e coitocéntrico, o binarismo nos roles e, como non, o machismo e a homofobia dentro do colectivo. Chámase ‘endohomofobia’ a aquel autoodio e violencia exercida contra nós mesmos e cara outros compañeiros. Frases como: “abstéñanse locazas”, “activo busca pasivo discreto”, “activo dotado para pasivo sen pluma” ou “busco rapá alleo ao ambiente” son expresións terribles que están á orde do día nas APPs, no cruising e presente as 24 horas do día.

Os medios de comunicación, as novas tecnoloxías e o ‘capitalismo rosa’ impoñen aos homes gais e bisexuais un corpo apolíneo a imitar. Un estándar inalcanzábel que temos que xestionar e traballar individualmente nas nosas respectivas soidades, vidas precarias, medos concretos e comeduras de cabeza. Hai que ter unha altura e peso de manual, unha musculatura tal, unha actitude identitaria concreta, un rol binario específico e unhas expresións afectivo-sexuais determinadas para cada momento, espazo e interacción. A gordofobia e a vigorexia dispáranse, e con elas, a erotización do ‘modelo gai falocrático’. Eventos como Mister Gay ou FITUR LGBT non veñen máis que a afianzar un canon masculinista que, dun tempo a esta parte, se converteu en medida de todas as cousas. Todo o que escape a esta lóxica é invisibilizado, estigmatizado, ou sinxelamente, parodiado. A orde é directa. É dicir: ser gai sen o parecer, exercer de marica sen aparentalo e vivir como un homosexual sen visibilizarte de máis. En definitiva, mensaxes contraditorias e un senfín de elementos estereotipados que poñen en xeque constantemente as identidades maricas e a forma de xestionar a expresión estética dentro dos espazos de homosocialización masculina. Até o argot marica/bisex que se popularizou recentemente está virando para posicionamentos e visións máis machistas e hipermasculinas. Termos como “bud sex” (sexo entre homes heteros), “cashsexual” (sexo só en troca de elementos materiais) ou “bromance” (relacións eróticas e afectivas entre homes heteros) teñen cinco denominadores comúns: rexeitamento dos comportamentos gais, desaprobación da visibilidade, desprezo do Orgullo como ferramenta política, estigmatización das condutas femininas e non erotización da pluma. Máis do mesmo: machismo e un discurso antiidentitario; iso sí, todo adornado dunha falsa modernidade.

Os activistas GBT non podemos quedar sen analizar o que está acontecendo. Permanecer paralizados e sen actuar ante o avance do autoodio e a insolidariedade non é a alternativa para as maricas conscientes que aspiramos a destruír integramente a heteronorma e calquera lóxica de dominación que se desprenda dela. É hora de non aceptar fisuras no seo do movemento LGBT e decatármonos de que se a plumofobia entra pola porta os feminismos acabarán saltando pola fiestra e, entón, pode que sexa demasiado tarde.

Se a túa pluma lle molesta, espétalla na testa!

http://coeducacionrural.blogspot.com.es/                      https://www.facebook.com/diaspora.transfeminista/

____________________________________________________________________

AmaroO meu nome é Ángel, teño 30 anos, son activista marica e comecei a militancia transmaribibollera no País Valencià fai 12 anos. Na diáspora licencieime en Socioloxía e inicieime na andaina de dinamizar obradoiros e accións formativas centradas na socialización da coeducación e na erradicación das violencias machistas e LGBTfóbicas. En Ourense participo na Comisión de Sexodiversidade da asociación cultural A Galleira e en xuño de 2017 formei parte da coordinación do I Foro LGTBI do Sindicato Labrego Galego (SLG).