de Eli Torres
(coa idea de Xela Domínguez)

Imaxe de: Rotonio

Pola metade do camiño reducimos o paso porque era imposible que nos dese tempo de coller o autobús. Teriamos que esperar ao seguinte e xa non pagaba a pena deixármonos os pés no chan coa carreira. Con todo, ao chegar á esquina, apareceu a nosa liña. Mirámonos durante un anaquiño e botamos a correr. Entón, xusto na porta do vehículo, a piques de entrar o último pasaxeiro, ocorreu o que sempre nos ocorre e que cada vez odiamos máis: un señor cedeunos o paso. Cedeunos o paso! «Por favor, mozas, pasade». «Non, non; pasa ti». «En absoluto, prégovolo». «Que non, que pases ti». «Por favor…» (esta vez coa man servizal a modo de bandexa). «Mira, meu, chegamos despois ca ti; fainos o favor de subir ao puto autobús ou quedamos en terra». E subiu diante de nós. E nós subimos cun sorriso na cara porque puxeramos en práctica aquilo sobre o que tanto tiñamos teorizado.
Temos a certeza de que todas as mulleres temos moitas historias nas que nos cuestionaron, ou nas que cuestionaron a outras persoas polo feito de seren o que son. Pero calamos. E logo desafogámonos no noso círculo de confianza. Indignámonos, pero polo baixiño. E xa basta.
Basta de: «A túa amiga estará na casa esta tarde para que vaia o electricista?». Mira, señor, esta casa ten unha habitación; é a miña moza. Basta de: «Vixía a ese neno que acaba de entrar na tenda que ten as mans sucias e anda a tocar todo». Señora, que ese neno sexa xitano non quere dicir que vaia roubar. Basta de: «Que fas tan soíña na casa?». Cala, ho, e arranxa a puta caldeira. E así en cada situación coa que nos atopemos. O persoal é político e a política estase a volver fascista. E ante o fascismo: enfrontamento. Ante calquera comentario de merda: enfrontamento. E ante calquera situación que poida danar a unha persoa: enfrontamento. É preciso facérmonos cargo da nosa situación no mundo e defendela. E así, quizais, logremos un cambio social. Ou non. Mais para entón é probable que todas teñamos ido a algunha aula de autodefensa feminista e esteamos preparadas para dar de hostias. Que pensades, compañeiras?

______________________________________________________

Eli TorresSon Eli Torres e nacín nunha vila preto de Granada. Envolta en palabras desde sempre, agora estou en proceso de escritura. Góstame observar o que a xente fai e plantar tomates no meu balcón. Ás veces, algún medra. Estou aquí: https://www.instagram.com/elitorres__/