de Sol Queiro

“Eu chámolle euforia de xénero, para min non é disforia ningunha, estou contentísimo, e máis contento estarei en testosterona.” David Kalevala

Que é para ti ser trans?

Ser trans é non estar de acordo cun xénero que un diagnóstico médico che asignou. É transcender unha categoría médica. Hai peña que pode ser trans e non ser un señor ou unha señora, senón outra cousa. Vexo o xénero como un rizoma, non o vexo nin sequera como un contínuum, nin coma un vector; o problemático sería que fose un vector porque implicaría que hai unha orixe e unha meta.

Entón… non hai unha meta a onde chegar?

Eu teño un xénero, son un chaval, pero non hai necesidade de ser un tío ou unha tía. Hai necesidade social: temos o xénero para estar no ámbito do social, para sermos visibles. Isto non é nada novo, xa o dixo Butler nos 90’. Xénero é o que é, para estar no ámbito do social, pero, despois na cama e na casa podes estar sen xénero se queres… é como un “binder”, que é para andar pola vida sen tetas, despois chegas á casa e quítalo. O xénero é un pouco así. Entón, quero chegar a un certo nivel de masculinización. Non sei se quero estar toda a miña vida chutándome ata a fin dos tempos, pero non penso parar de momento de tomar testosterona, non penso “tomo dous anos e paro”. Non sei se tendo algún problema de saúde sería máis doado parar de tomar testosterona ou quitar os ovarios: chegado o momento non sabería que decisión tomar. Non che podo contestar agora a iso, porque nin sequera estou en testosterona. Pero, obviamente, quero chegar a un nivel de masculinización que sexa imposible lerme en feminino. Agora lenme en masculino pero parezo un adolescente, e iso é problemático. Ás veces pídenme o DNI, non sei, para tomar unha caña.

Falando de DNI, tes pensado cambiar o nome no DNI?

Tes que estar dous anos en hormonación. Hai moitísima exclusión social con todo o trans. Unha movida tan simple como ir buscar curro e pon menganita no DNI, e logo tes barba e todo iso. Está ben facer a loita, pero, en realidade, a nosa vida é complicadísima por estas cuestións como o nome no DNI. Para min é incluso complicado agora sen hormonarme nin nada. Eu, por exemplo, vou ao banco, ou a renovar o Carné Xove e míranme chunguísimo no portelo. Por exemplo, no ximnasio, uso o vestiario de rapazas e hai unha policía do xénero brutal, obsérvante un montón e, aínda por riba, eu poño o “binder” sen pudor. Normalmente uso os baños de tíos, pero no ximnasio non.

E… cando comezou todo?

Todo comezou cando era neno que dixen “son un neno”. Entón redobráronse os esforzos para feminizarme e, claro, non puiden cortar o pelo ata que fun bastante maior e cousas así. Eu sempre souben que era un rapaz, aínda que moitos anos vivín como bollera e, a ver, foi guai pero non acababa de sentirme ben. Así que, desde que saín do armario como un rapaz, estou moito máis contento. Eu chámolle euforia de xénero, para min non é disforia ningunha, estou contentísimo, e máis contento estarei en testosterona. E agora estou en toda esta movida de psicóloga que me ten que derivar ao endocrino para tomar “testo”.

Entón.. como é o proceso?

Fun ao centro de saúde de Vite, pedín un rollo de desprazados e mandáronme á psicóloga. A rapaza do centro de saúde flipou un pouco e non sabía o que había que facer así que, con toda a calma do mundo, díxenlle “pois tes que derivarme ao psicólogx, chámolle psicólogx de asuntos trans, pero en realidade é psicologx de orientación familiar pública”.

Ela daría o visto e prace para a testosterona?

Si claro, pero iso tamén foi guai, porque ela non o tomou como que me ten que avaliar para saber se son Clint Eastwood ou unha dama vitoriana, non funciona así. A tipa tratoume moi guai dende o principio, sabendo que era unha formalidade e que realmente non me ten que vir un señor de fóra a dicirme se son un pavo ou unha pava.

E canto durou o proceso dende que iniciaches ata que che deu o informe?

Aínda non me deu o informe porque o outro día foi o primeiro día que tiven cita coa psicóloga. Normalmente fan o test de Minessota que é un test no que che preguntan movidas en plan…”Te gusta arreglar manillas de puertas?” para definir se es un home ou unha muller. A min non me gusta arreglar manillas. Pero tampouco vou facer ese test, vou facer outro, que en realidade é unha formalidade, pero necesaria, sobre todo para cando vaia a facer a mastectomía, ou incluso coa visita ao endocrino. Por iso ten que estar todo moi ben documentado, cada paso, para que non falte ningún papel e chorradas destas. Despois, cando estea en testosterona, tamén teño que estar dous anos en acompañamento psicolóxico. Eu estou seguro de que me quero hormonar, mais se queres testosterona teste que meter nun rollo destes.

E cando pensas que vas comezar coa testosterona?

Eu penso que no verán xa estarei chutándome alegremente.

E neste tránsito, como te definirías con respecto ao feminismo?

Eu son transfeminista, síntome no meollo do feminismo. Non me sinto apartado como se fose unha subcláusula do feminismo porque para min iso non é feminismo. O feminismo que antepón, por exemplo, o aborto à loita polos papeis das mulleres migrantes non me parece feminismo, paréceme feminismo supremachista branco. Entón o que penso non é o que o feminismo ten que facer por min, senón o que nós estamos facendo dentro do feminismo. Eu síntome súper apoiado polas compañeiras feministas.

Que emerxe do sistema sexo/xénero para unha persoa trans?

Eu non nacín muller, nacín sendo un feto, muller veu despois cando dixeron: “ah vale, é unha muller”. É un acto performativo que xa pon en marcha un montón de dispositivos que, ao longo da túa vida, implanta roles. Se me diagnosticasen home ao nacer sería moito máis fácil pero non levaría este estupendo “binder”, por exemplo. A xente para obter un diagnóstico de trastorno en identidade de xénero talvez necesita unha vivencia super tráxica de –“Ai como sufría porque tiña tetas”. Obviamente a min fódeme ter tetas, pero a miña vida non son as miñas tetas, son outras moitas cousas, e eu vivo o meu xénero con moitísima alegría.

Existe o xénero?

Claro que existe e nótase cando abres os xornais e ves que hai mulleres que morren a mans dos maridos e, non morren, mátanas… E tes o valor de dicirme que o xénero non existe? Ou por exemplo, no propio DNI tes que marcar o cadriño correspondente.

Enton… a teoría queer…

O que di a teoría queer é que os xéneros son e mudan ao logo do tempo por moi diversas razóns: poden mudar por cambios políticos, porque de repente hai, eu que sei, unha crise epistemolóxica. Parece moi filosófico, pero realmente isto vese cando hai crises das identidades, ou aberturas, puntos de fuga… O que quere dicir a teoría queer é que hai puntos de fuga dentro do binarismo e que podemos rachar con eles, e establecer xéneros que nos molen máis e que non sexan hexemónicos, nin eses, nin os que había antes. Estámonos cachondeando sobre todo das identidades home/muller. Se me din que ao ser un tío con cona isto, dalgún modo, ratifica o binarismo, me parto la goma. Quero dicir, de que modo vou estar eu facendo que sexa máis forte o binarismo cando son un señor con cona? Paréceme absurdo, non? Pero, a verdade, é que a teoría queer pode ser chunga se a les literalmente, e si dis “non, non hai xénero”, porque a teoría queer pode ser unha escusa para cargarnos a loita feminista… nin de coña! Para min, precisamente, a teoría queer, a loita queer, teoría e práctica, o que sirve é para que teñamos capacidade crítica, e máis campo de traballo, máis xente metida no feminismo para facer fronte a toda esta merda de heteropatriacado e capitalismo que tanto nos fode.

Como sentes o movemento trans a nivel galego?

Hai xente pero tampouco estamos organizadas en plan plataforma, vai un pouco máis por libre e molaría facer algo guai. Fixeron unha asociación de menores e familias dos trans…”, mais rebéntame todo isto de que sen familia non hai nada. Hai que chimpar tamén coa noción de que a familia é a célula. Eu penso que ten que haber outros tipos de lazos, que non vaian por aí sempre. Está Laura Bugalho en Galiza, pero a maioría de xente trans que coñezo son da Coruña, o que pasa é que normalmente quedamos para outras movidas que non son saír á rúa facer a “revolu”. Penso que saindo à rúa xa estou facendo a “revolu”, vou a un vestiario e estou facendo a “revolu”. Pero si que me gustaría estarmos mellor organizadxs.