de Beatriz Gómez.

No medio rural, no urbano, en moitos ámbitos e contextos as mulleres somos invisibles. Desta volta, centrareime na situación de invisibilidade das mulleres no medio rural:

As mulleres do rural raramente son o foco de atención, polo que os desafíos aos que se enfrontan non soen ser tidos en conta, xa que non soen ser escoitadas nin as súas opinións valoradas.

A “crise” volveu sepultar a poboación feminina nos lares e na economía submersa.

É primordial que se recoñeza non so a gran contribución das mulleres no campo, na produción agrícola, etc. senón tamén que ese recoñecemento se traduza en políticas que transformen a realidade do rural coa presenza e participación activa das mulleres.

As mulleres do medio rural enfróntanse a grandes desafíos como as dificultades do acceso a diferentes recursos (propiedade da terra, educación, capacitación, créditos, etc, etc.), á invisibilización do seu traballo (gran parte das actividades produtivas que realizan están ligadas ao ámbito doméstico, menos valorado socialmente que outros ámbitos), etc.

Coidar dos/das fillos/as, coidar dos familiares maiores, asumir a xestión doméstica, traballar no campo, etc. Son tarefas habituais que realizan maioritariamente as mulleres, carecendo en moitas ocasións de vacacións e do máis mínimo recoñecemento pola súa laboura. Son moitas, pero invisibles.

 

A continuidade de determinados ecosistemas e formas de produción e de vida no rural dependen do mantemento dunha estrutura social mínima e os seus cimentos básicos son as persoas, nomeadamente, as mulleres, que queren ter os mesmos dereitos polo mesmo traballo, que queren protagonizar as súas vidas sen depender de ninguén, acceder ao mercado laboral, ocupar postos de representación, formarse, informarse, etc, etc.

A modo de exemplo, a titularidade compartida é un primeiro paso para a visibilización do traballo de agricultoras e gandeiras nas explotacións familiares (titularidade que ata non fai moito tempo era case exclusiva dos homes, alcanzando estes aproximadamente o 72%), pero a burocracia, desidia por parte das administracións e falta de información para as mulleres fixo que o seu espazo figurativo fose ínfimo: desde o 2011, de 9000 explotacións, só 14 pasaron a titularidade compartida.

 

Das mulleres que forman parte das cooperativas agrarias, o 49% delas son socias, só un 12% están nas xuntas diretivas e so un 3% son presidentas. Estes datos reflicten a inexistencia de igualdade real, a necesidade de continuar fomentando e mellorando políticas de igualdade.

Para fixar poboación no rural é preciso unha análise de cada contexto concreto, e adecuar as medidas á realidade social de cada un, ainda que haxa eixos comúns:

É fundamental a procura, estímulo e impulso de novos xacementos de emprego, a atención ás aspiracións e expectativas das mulleres xoves que seguen no medio rural, a apertura á participación das mulleres en tódolos aspectos da vida local, non só en actividades agrícolas senón buscando fórmulas innovadoras, sen esquecer necesidades sociais que teñen vetas sen cubrir (ampliación de recursos de Servizos Sociais en servizos de proximidade, fomento do cooperativismo e a economía social no sector dos coidados, na promoción do turismo social, etc).

 

Para que estas potenciais propostas teñan sentido pleno, é fundamental traballar e pór en valor (no canto de desmantelar como se tenta facer dun tempo a esta parte) a descentralización de certos servizos, recursos e equipamentos. Un axeitado transporte público no rural e a conexión coas vilas e cidades próximas é algo esencial.

Non nos debemos deixar levar pola miopía diagnóstica de algúns/has: que nunha lei ou nun plan haxa medidas xerais que rematen cun ”con especial atención ao medio rural” non é abondo, a análise debe ser máis profunda, exhaustiva e transversal. Tódalas políticas públicas teñen que abordar e buscar solucións ás especificidades do medio rural, que son moitas e diversas (despoboamento, illamento, carencia de recursos públicos de proximidade, etc). E unha cousa é segura: se perdemos de vista a perspectiva de xénero, as desigualdades seguirán reproducíndose.  A débeda histórica da sociedade en xeral e da clase política en particular coas mulleres do rural é enorme.

 

Hai vieiros e alternativas para mudar a situación actual. As mulleres estamos fartas de ser invisibles. Como escoitei fai pouco tempo: “non está nas nosas mans facer da noite día, pero si somos quen de pór lampións” para seguir camiñando, para seguir loitando pola equidade, polo rural… Porque é de xustiza!.

__________________________________________________________________________

Bea

Son Beatriz Gómez, de Ourense. Son Traballadora Social e estudante de Educación Social. Apaixoame todo o relacionado co social. Hai moito que facer e moito que achegar para mellorar nos temas de ámbito social, polo que aquí deixo as miñas humildes achegas.