por Laura M. Castro

A tecnoloxía, axente demoledor de fronteiras e creador de fendas

A Terra, na configuración que ten neste período xeoloxicamente insignificante que é a presenza do ser humano sobre o planeta, seméllanos unha verdade inamovíbel. A ciencia dinos que os continentes se moven, que as montañas nacen e morren, que os mares aparecen e desaparecen… mais xa non só como individuas, senón como especie, estanos vedada a observación deses cambios, demasiado lentos para ser compatíbeis coa nosa existencia. Con todo, enfrontamos as que consideramos “fronteiras naturais” (ríos, mares, cordilleiras), tratando con frecuencia de “dominalas”: construímos pontes, facemos túneles, botamos cabos dun lado a outro do océano para comunicarnos.

O avance implacábel da tecnoloxía no seu sentido máis amplo diríase unha ferramenta adicional na demolición desas fronteiras físicas.

Porén, a tecnoloxía informática adoece dun problema novo: a creación de fendas, que non son outra cousa que novas desigualdades.

Certamente, os correos electrónicos, a mensaxería, as videochamadas, etc. xogaron e continúan a xogar un papel chave no noso obrigado afastamento social nesta pandemia, por exemplo. Mais, ao mesmo tempo, puxo en boca de todos a fenda dixital entre o mundo rural e urbano debida á diferenza na calidade e velocidade dos accesos dispoñíbeis nunha e noutra contorna; a fenda interxeracional entre usuarias, empeorada polos cambios constantes na tecnoloxía cambios na localización de disposición de elementos de interacción, cambios no vocabulario empregado, na accesibilidade das funcionalidades, etc. por motivos só estéticos que provocan inseguridade e menoscaban o seu empoderamento; ou a fenda de xénero existente especialmente no colectivo de persoas creadoras da mesma, da que xa falamos no número anterior, mais tamén debido ás diferenzas na cantidade de tempo de ocio dispoñíbel entre homes e mulleres.

Como loitar contra estas fendas, estas novas desigualdades? Nalgúns países, o acceso a internet xa é un dereito, igual que o acceso á auga ou á electricidade.

Debemos denunciar a común e prexudicial asunción existente no mundo do desenvolvemento de software de que a mellora dun sistema ou a publicación dunha nova versión ou actualización dun software ou aplicación debe ir da man de cambios significativos na interface de uso das persoas, algo que deprecia os seus esforzos de aprendizaxe. Cando esa aprendizaxe non se pode realizar de xeito autónomo e require da asistencia doutras persoas, crea dependencia e mingua a autonomía. Esa constante renovación do superfluo, signo característico do consumismo, ten na informática un efecto segregador e discriminatorio.

Canto á fenda de xénero, as mulleres fomos gañando presenza como usuarias nas últimas décadas, mais a fraxilidade dese avance tamén se puxo de manifesto no inmediato regreso aos roles patriarcais froito do confinamento. Un novo lembrete de que os avances da loita feminista non se poden dar nunca por definitivos.

______________________________________________________

Laura Castro

Laura M. Castro

Nacín en Madrid no 80, de nai e pai galegos que anos mais tarde voltaron á terriña; vivín un tempo preto de Santiago, onde fun ao instituto, e agora levo xa case 18 anos na Coruña, onde estudei e traballo. Tamén vivín durante algúns meses nos USA (en Houston, Texas) e en Suecia (en Göteborg). Son profesora na Facultade de Informática Universidade da Coruña desde o 2005, onde compaxino as tarefas de docencia, moi gratificantes, coa investigación, moi esixentes. Gústame bailar (especialmente cando ninguén me ve), e resolver puzzles. Gústame aprender cousas novas e viaxar con pouca equipaxe. Non leo tanto como me gustaría, e probablemente vexo máis series de TV das que debería.