de Pomba Paporroiba

Fotos: Pomba Paporroiba

Unha das características máis comúns na maioría dos casos de maltrato psicolóxico é que as afectadas en moitos dos casos semellan non percibir o que está a ocorrer ata que deixan atrás a relación tóxica na que se ven inmersas. Foi por isto polo que eu realmente non lle souben pór nome ao que me estaba pasando ata que conseguín saír da néboa que me afogaba.

Secomd-11

Como muller feminista, o teu cerebro trata de xustificar calquera situación para non aceptar que si, que che está pasando a ti, simplemente polo feito de que te consideras bastante informada acerca do tema e absolutamente concienciada. Sempre hai un motivo “de peso” e unha razón que xustifican o trato que recibes ata que ti mesma comezas a dubidar de se non estarás esaxerando, de se realmente as cousas non son coma ti as pensas, de se estás tola. A túa parella, consciente e inconscientemente, utiliza todas as ferramentas que lle proporciona o patriarcado para afianzarse nos seus argumentos de que si, que es unha esaxerada, unha celosa, unha controladora, unha histérica. Pon así en dúbida todos os teus argumentos, as túas razóns, os teus recordos ata que che custa diferenciar o que foi real do que non o foi, simplemente porque ti sempre fuches algo desmemoriada e é a túa palabra contra a súa.

Secomd-6

Durante anos non souben porlle nome ao que me estaba pasando ata que atopei un artigo que falaba dun termo absolutamente novo para min, o “gaslighting” (que traduciriamos coma “luz de gas” pero que aínda nom non ten termo oficial en galego). Entendemos como “gaslighting” un mecanismo de violencia psicolóxica na que o abusador se aproveita da vítima facéndolle entrar nun estado de permanente dúbida das súas capacidades de percepción, memoria, cordura e manexo dos propios sentimentos. Inmediatamente, recordei todas as nosas discusións nas que se me acusaba de alterar o que realmente acontecera aínda que eu tivese probas tanxibles de que “a miña versión” era a realidade. Nalgunha ocasión tiven que ata sacar capturas de pantalla e fotografías de conversas previas para demostrar que era certo o que estaba dicindo. Outras veces simplemente tiña que acatar a súa versión e calar a boca para rematar coas interminables discusións. E así, pouco a pouco, entras nun bucle no que a realidade na que vives falla pero non estás segura de por que.

Secomd

Esta fase das relacións violentas (ou tóxicas se queremos empregar o “eufemismo”) describe á perfección o que me ocorría a min, dá nome á causa de todos os meus ataques de ansiedade, dos meus estados depresivos e da miña necesidade de comezar a tomar ansiolíticos cada vez que a miña parella/ex parella volvía á miña vida. Cando lin aquel artigo, vino claro: non estaba tola, estábanme facendo tola. Agora, co paso do tempo, agradezo ter atopado ese texto. Sentir que o que che pasa ten nome, que hai testemuños doutras mulleres que falan do mesmo que che pasou a ti, faiche ver que non estás soa, que tes unha forza de sororidade detrás que te apoia e que te empuxa a saír adiante. Por iso é importante falar de termos coma estes, de informarnos, de crear revistas que falen dos nosos problemas.

Secomd-4

Nunca sabes como o teu relato do que che aconteceu pode axudar a outra muller a saír da néboa que a afoga, a buscar axuda, a contarllo ás amigas, a bloquealo en todas as canles para que non se poida comunicar contigo de ningún xeito, a expulsar a esa persoa da súa vida. En definitiva, a escapar desa realidade que a oprime e á que non lle dás atopado sentido. Se estás lendo isto, e te sentes identificada, lémbrate de que nin estás tola, nin estás soa.

_____________________________________________________________________

Pomba Paporroiba

Secomd-4 (1)Nada na Galiza, terra da cal é a máxima embaixadora. Sempre que pode cunha cámara na man móvese perfectamente en mundos contrapostos retratando a súa visión irónica e honesta do seu mundo.

Firme defensora das mulleres, do medioambiente e da verdadeira equidade social, participa, sempre cun sorriso na cara, en diversas causas para mellorar a realidade na que se atopa inmersa. Equilibrista sentimental con tendencia á fuga, actualmente reside no extranxeiro máis lonxano onde compaxina o seu traballo co seu afán incansable de aventuras porque, como di ela: “A vida hai que vivila agora, xa descansaremos cando estemos mortas”.