I Concurso de Poesía Feminista da Comuna

Co gallo do noso propio Día do Libro, que se celebrarará o vindeiro 20 de Agosto, O Centro Social Autoxestionado “A Comuna” da Coruña, convoca o I Concurso de Poesía Feminista da Comuna co obxectivo de incentivar a participación no centro, compartir a creatividade e reivindicar a necesidade do feminismo nas nosas vidas.

Os poemas premiados serán publicados na Revirada, revista feminista.

Bases do concurso:

1. Poderá presentarse calquera persoa sen importar a súa idade ou xénero. Cada participante poderá concursar con ata dous poemas. Se por erro alguén presentara máis de dous, só se terán en conta os dous primeiros atendendo á hora e data do envío dos correos.

2. Os poemas teñen que ter necesariamente relación co feminismo. Non hai extensión mínima nin máxima pero non se valorarán os traballos polo número de versos senón pola calidade dos mesmos. Non importa se os poemas xa foron publicados por algún motivo ou presentados a outros concursos ou certames, sempre que non teñan comprometidos dereitos de publicación en exclusiva, e de gañar, poidan ser publicado por A Comuna.

3. Cada participante será responsable de que as obras presentadas sexan súas, eximindo á Comuna ante calquera reclamación motivada por esta razón e que viñese realizada por terceiros.

4. Para participar é preciso enviar dous correos electrónicos ao seguinte enderezo: csacomuna@gmail.com.

4.1. Un deles levará: no “Asunto” o título seguido do pseudónimo entre paréntese e no “corpo do correo”, o poema.

4.2. O segundo correo levará: no “Asunto” o pseudónimo e no corpo do correo os datos persoais e de contacto. Estes datos serán: título do poema, pseudónimo, nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. A Comuna comprométese a non compartir estes datos con ninguén.

4.3. Quen presente dúas obras pode facelo nun mesmo correo poñendo, no “Asunto” os títulos dos dous poemas e o pseudónimo, e no corpo do correo os dous poemas con cadanseu título.

5. A data límite para enviar os poemas será ás 14 horas do mércores 17 de agosto de 2016.

6. O xurado será designado polo CSA A Comuna e non se dará a coñecer ata o día da entrega do premio.

7. Haberá un único poema gañador que terá a obriga de asistir á entrega do premio que será na tarde do 20 de agosto de 2016 (hora pendente de confirmar). De non poder acudir, quedará fóra do concurso. O xurado terá decidido previamente en orde de votación outro poema (ou outros, segundo considere) en previsión da renuncia ao premio ou da non asistencia á entrega do mesmo daquel que tiñan seleccionado como gañador.

8. O xurado é libre de decidir que elementos terá en conta para designar a obra gañadora (orixinalidade, creatividade, contido, fondo ou calquera outro elemento que considere).

9. A decisión do xurado é inapelable agás que se detectase incumprimento dalgunha das presentes bases.

10. Previo á entrega do premio, comunicaráselle (por teléfono ou ao correo dende o que enviou a súa obra) á persoa gañadora, que o manterá en secreto.

11. A persoa gañadora cédelle ao CSA A Comuna (sen outra retribución por parte desta, á parte do premio do concurso) o dereito de publicación non exclusiva; é dicir, o dereito a publicalo polo medio que considere e polo prazo máximo que marque a lei sempre acompañado do nome de quen o escribiu mantendo dita persoa os seus dereitos de autoría e de utilizalo cando e como queira. De publicalo por outros medios ou pola súa conta, non ten obriga algunha de citar que ten gañado o devandito premio, mais agradécese que o faga se o ten a ben.

12. Establécese un único premio que consta de:

– Dous libros de poetas galegas: “Todas as mulleres que fun” Andrea Nunes Brións (Edit. Corsárias) e “Escolma poética” de Rosalía de Castro e con imaxes de Belén Padrón (Edit. Faktoría de Libros)

– Un ano de socio/a colaborador/a de A Comuna sen custo (taxado en 50€). De gañar o premio algunha persoa xa asociada, regalaráselle no seu nome o carné por un ano a quen queira.

– Unha bolsa ou mochila co logo de A Comuna.

13. A participación no concurso implica a aceptación das bases. Se xurdise algún conflito na interpretación, a organización do concurso (A Comuna) será quen decida a resolución.

Para mais informaçom AQUI