por Rubén Constenla Vilar

Partindo do feito de que a loita entre sistema heteropatriarcal e liberdade social decidirase en función da capacidade para convencer persoas incapaces de argumentar a súa postura en favor de ningunha das dúas posturas, creo que a frase máis odiada pola meirande parte das persoas feministas probablemente é “non son feminista nin machista, creo na igualdade”.

Por que é relativamente común escoitar as persoas dicir esa frase? Entendo que é porque, desde o bando das persoas que queren manter os privilexios que teñen grazas a vivir nun sistema heteropatriarcal, conseguiuse convencer unha porcentaxe considerábel da poboación de que o feminismo non é o que realmente é (segundo a Real Academia Galega trátase dunha “doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”, acóllome a esta definición simplista por non entrar a diferenciar feminismo da igualdade de feminismo da diferenza, etc.), senón que o feminismo viría a ser un sinónimo do discutido neoloxismo “hembrismo” (palabra non aceptada na lingua galega), en referencia á acepción que o considera como misandria, desprezo aos homes ou discriminación sexual cara os varóns (en realidade non é a única definición de hembrismo, pois en certos círculos académicos da socioloxía e a psicoloxía emprégase para referirse a patróns que se consideran como submisión feminina extrema, é dicir, o hembrismo sería o rol de dominadas que reproducen as mulleres).

Unha vez convencida unha parte da poboación de que o feminismo é o contrario do machismo (malia ser mentira), resulta moito máis doado que a xente non vexa como un cualificativo abominábel a palabra feminazi para referirse ás feministas radicais. Vexamos antes que nada cal é a orixe deste termo detestábel. Parece ser que o primeiro en empregalo foi Rush Limbaugh en 1992, un locutor de radio e comentarista político conservador estadounidense. Empregouno para cargar contra as mulleres que defendían o dereito ao aborto por aquel entón, pois consideraba o aborto un holocausto moderno.

Rush Limbaugh obviaba dúas cuestións ao facer tal comparación:

1) En primeiro lugar, a despenalización do aborto, con carácter xeral, acaba supoñendo unha diminución na taxa de interrupción de embarazos. Isto explícase porque ningún goberno despenalízao considerándoo un substitutivo dos métodos anticonceptivos (loxicamente un aborto non evita embarazos non desexados nin enfermidades de transmisión sexual), motivo polo cal dita despenalización sempre se ve acompañada de información sobre o que supón abortar, co cal acaba chegando ás mulleres máis información afectivo-sexual, e así acaba reducíndose o número de mulleres que teñen que abortar (porque, señor Limbaugh, onde está penalizado, a realidade é que tamén se aborta).

2) Hai unha correlación entre estar radicalmente en contra dos abortos (defender a súa penalización, considerar que equivale a un asasinato sempre, etc.) e adoptar tamén unha postura en contra da educación sexual para as persoas máis novas. De tal xeito que, na realidade, en moitas ocasións, quen máis en contra está dos abortos máis contribúe a impedir a súa redución por non permitir que se fale de sexo ás mozas e mozos.

Máis alá de que Rush Limbaugh acuñase ese termo pola cuestión do aborto, o certo é que feminazi supón equiparar as feministas cos nazis. Posto que o fascismo é unha ideoloxía, movemento político e tipo de estado de carácter totalitario e antidemocrático creado polo dirixente italiano Benito Mussolini e difundido na Europa de entreguerras desde 1918 a 1939, e considérase que o nazismo comezou co ascenso ao poder do Partido Nacionalsocialista Obrero Alemán de Adolf Hitler en 1934, é fácil entender, dadas ademais as súas enormes similitudes ideolóxicas, que o nazismo é unha forma de fascismo.

Pero, coa definición de mínimos establecida pola Real Academia Galega para o feminismo (“doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”), é posible ser feminista e nacionalsocialista ou fascista? Penso que resulta obvio a simple vista que non. Centrándonos no que define a un réxime fascista, pois non semella posible ser feminista e totalitario ou antidemocrático, xa que o feminismo o que busca é fundamentalmente unha igualdade / respecto á diferenza, etc., inicialmente entre mulleres e homes (estando o primeiro xénero sometido ao segundo en calquera réxime patriarcal) e, actualmente, por extensión, busca garantir os dereitos tamén dos colectivos LGTBQI+ fronte ao heteropatriarcado (acrónimo de heterosexualidad + patriarcado).

E aínda queda outra pregunta por resolver: é posible “non ser fascista nin antifascista, crer na igualdade”? Tampouco o vexo moi posible. Analicemos a definición do fascismo, novamente a dada pola Real Academia Galega (“sistema político de carácter autoritario e nacionalista establecido por Mussolini en Italia” e “doutrina inspirada neste sistema, que se establece noutros países”). É posible estar en contra dos sistemas políticos autoritarios (do fascismo e de calquera outro) e non ser antifascista? Creo que non. É posible non estar a favor nin en contra dos sistemas políticos autoritarios e, por iso, non considerarse fascista nin antifascista? Na miña opinión, esa afirmación (“non estou a favor nin en contra do fascismo”) só se podería facer por dous motivos:

1) Ignorancia: é dicir, descoñecemento de que significa o fascismo.

2) Medo: algunha persoa podería saber o que é o fascismo, ser consciente de que ese tipo de réxime totalitario non a beneficiaría, mais atribuír (en xeral, erroneamente) algúns aspectos positivos ao mesmo (pensar que garante a paz, que permite maior celeridade na toma de decisións cruciais a nivel social, etc.). Nese caso, considero que esa persoa está actuando desde o medo, desde unha derrota anticipada, desde a consideración de que o mundo é un lugar horrible no que vivir, por iso un réxime con esas características asústaa menos (porque, tristemente, seguro que lle resulta máis próximo á situación social actual que vive) que outro réxime que prometa un mundo ideal. A este tipo de persoas só lles podo aconsellar que pensen que é imposible loitar contra a evolución da historia, que o mundo está en constante cambio e que as persoas debemos ser pezas fundamentais dese cambio. A quen pense así recoméndolle que adopte as súas posturas ideolóxicas en función de ideais, e non de medos, que pense no futuro como o que é (algo que está por vir) e non como unha mera reprodución do presente ao longo do tempo.

Volvendo ao comezo do artigo, na miña opinión, acontece o mesmo con quen non se considera machista nin feminista. Considero que só se poden manifestar en contra de ambos termos quen ignoran o significado dalgún deles, ou quen viven con medo todo tipo de cambios (neste caso terían medo a acabar cun sistema heteropatriarcal, saiban ou non que dito sistema existe).

Resumindo, ao meu xuízo, só se pode ser machista, feminista, ignorante, ou “covarde” e, igualmente, só se pode ser fascista, antifascista, ignorante ou “covarde”.

Por todo o anterior, fago varios chamamentos: a acabar coa ignorancia en torno aos termos feminismo ou antifascismo, a perder o medo a mudar as cousas radicalmente cara mellor e, por último, a que todas as persoas que se consideren antifascistas, considérense tamén feministas (pois estar en contra dos réximes autoritarios e defender a opresión dun xénero por parte do outro tamén semella incompatible), e a que todas as persoas feministas sexan conscientes de que tamén son antifascistas.

Viva o feminismo antifascista, construamos a utopía!

______________________________________________________

Foto de Rubén Constenla VilarO meu nome é Rubén Constenla Vilar. Porén, a meirande parte da xente coñéceme como “Cos” (alcume que naceu como diminutivo do meu primeiro apelido).

No ano 2007 entrei en contacto por primeira vez cun movemento social (a Masa Crítica da Coruña, unha reunión mensual de ciclistas urbanos), mais foi tras participar no movemento do 15M de 2011 cando comecei a interesarme realmente polo activismo. Desde entón participei por exemplo no Proxecto Integral da Coruña nos anos 2012 e 2013 e actualmente colaboro co centro social A Comuna ou coa asociación SOS Racismo Galicia.

No tocante ao feminismo, é algo que cada vez me interesa máis. Nos últimos ano participei no obradoiro “Poder, Xénero e Feminismo: transformando as relacións e coidados nos grupos”, ademais de que fixen un Traballo de Fin de Mestrado (dun mestrado do ámbito educativo) sobre como ensinar o acoso sexual como risco laboral a alumnado de FP. Grazas a ese traballo, participei no 2017 no III Feminario da UDC dentro das “novas caras nos estudos de xénero”. Ademais, gosto de compoñer ocasionalmente letras de rap, sendo o nome dunha das últimas cancións que compuxen “Abuchea al patriarcado”.

Se aínda non me coñeces e estás interesada/o, estou no Facebook como “El Cos”: https://www.facebook.com/el.cos.98