Hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega.
Nese espírito, dende A Sega convocamos o DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. Escollemos o día 15 de agosto como data central dos actos de celebración por ser o día DA NOSA SEÑORA (das letras galegas).

 

“A amante nunca ten dentes postizos”, María Xosé Queizán GL-FR from Anxela Lema on Vimeo.

JE SUIS…

Manifesto d’A Sega para a celebración do

III DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS

Para o patriarcado as treboadas teñen nome de muller. Ao patriarcado dálle medo o vento, a choiva e os eventos da terra e do mar. Mais nosoutras gardamos no noso seo un trebón, unha forza da natureza, pero totalmente racional. Un trebón que nos pensou para podernos logo repensar. Unha voz que non admite xustillos, que os habitou e os rachou todos, incluídos os máis duros.

Se algunha de nós pode sentir a violencia do privado que os homes da cultura levan ao espazo público é ela. Os silencios, as exclusións, as insinuacións e as infamias que ela encheu de luz cunha voz firme e controvertido, total e iconoclasta. Case todos os séculos foron algo escuros para ela porque a sombra patriarcal non acepta francotiradoras. Mais nosoutras si.

Nosoutras habémonos deixar arrastrar pola forza dos ventos, caer nas catástrofes que ela crea e nas redencións marabillosas que nos outorga para sementar e multiplicar a súa obra inmensa e vizosa. Aprendemos dela, que devolve cada agravio cunha palabra certeira, cunha reflexión, cunha obra universal porque nada do que acontece lle é indiferente. Ela devolve cada agravio cunha palmada, co ritmo dun rap, cun baile e cunha festa.

Antes de que fósemos modernas e falásemos do queer ela xa escribira vidas trans, lésbicas, fóra de ningún canon. Antes da reflexión sobre as reescritas ela regresara a Antígona, a Medea. Antes das intertextualidades ela puxera a orella no buraco para escoitar falas doutros lugares. Catou moitas bandeiras pero só para pasalas -con perdón- polo seu soberano cu e seguir sendo irreverentemente quen ela é.

Nun momento no que as bandeiras, a egalitè-libertè-fraternitè, as nacións e os estados se usan adoito para calquera cousa menos para acabar co patriarcado, nosoutras, coma ela, facemos do noso cu un pandeiro e subvertemos o aberrante JE SUIS pola causa das mulleres. Porque se temos que ser alguén, seremos MARÍA XOSÉ QUEIZÁN ou non seremos ninguén.

>> Máis información sobre o Día das Galegas nas Letras