de Beatriz Reboredo Viso

Como supoño que todas temos algo que dicir ao respecto das contradicións dentro do feminismo, e no mundo da ciencia e das relación laborais nas que me atopo —habelas hailas—, pareceume unha boa idea escribir dende a miña propia experiencia. 

Chegas como ben podes a terminar un doutorado e atópaste, con 30 anos, na outra punta do mundo (literal) pensando en canto tempo che queda para organizar os seguintes anos da túa vida de xeito que:

  1. Sexas feliz co que fas (todo o tempo?) 
  2. O traballo cumpra as túas expectativas salariais. En España sería moi probablemente o poder chegar a fin de mes; en Nova Zelanda, onde vivo, ter tamén para algunha que outra escapada (a Galicia na súa maioría claro).
  3. Atopes a estabilidade necesaria para que de querer formar unha familia, sexa factible facelo.

Con respecto ao punto 3, cando digo ¨sexa factible facelo¨ refírome en realidade a se o momento adecuado algunha vez chega. Para resolver isto, Facebook e Apple —Google uniuse despois— tiveron a idea de incluír como parte das súas prestacións de empresa para as mulleres do persoal o poder conxelar os seus óvulos. Dende Apple comunicaron o seguinte:

 “We want to empower women at Apple to do the best work of their lives as they care for loved ones and raise their families.” [Queremos empoderar ás mulleres en Apple para levar a cabo o mellor traballo das súas vidas namentres coidan dos seus seres queridos e crean unha familia.] 

Supoño que dito desa forma, unha pensa que unha empresa como Apple verdadeiramente preocúpase por ese benestar, e non que gastan tanto en I+D+I como en preparar xente para réplicas cando anuncian cousas coma esa. Cando souben disto por primeira vez hai uns anos, como outras cousas que pasan varios filtros na miña cabeza antes de formar opinión (moitas están aínda nun limbo), non souben se era una idea súper innovadora que axudaría realmente as mulleres a ser libres de decidir en que momento queren ser nais (é realmente unha decisión libre o aprazamento aínda considerando a proposta?) ou se era outra forma máis de servilismo da muller aos novos tempos. Algunha vez escoitei referirse a esta estratexia como un ¨regalo envelenado¨. Agora, un tempo despois e cunha idea xa máis formada, penso que custou moitos anos que as mulleres metésemos a cabeza nas chamadas profesións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics), historicamente profesións dominadas por homes. E agora que parece que as xoves non só amosan interese nestes ámbitos, senón que pouco a pouco somos recoñecidas, aparecen novas dificultades: producir e aprazar a túa maternidade, todo subvencionado pola empresa, que por riba o vende como prestación e incentivo. Non sei, para min isto é só un exemplo de como certas correntes son por natureza contraditorias e non teñen cabida no mundo feminista que moitos aspiramos ver, como son o avance da economía liberal de mercado e capitalización de todo progreso tecnolóxico, e o papel que desempeñan as mulleres neste novo marco. Laura Flores Anarte, doutora en Ciencias Xurídicas e Políticas, fala ao respecto das técnicas de reprodución asistida dende o contexto do dereito constitucional (Flores, 2016). No seu traballo chámanos a reflexionar sobre as súas vantaxes e contradicións en canto a súa configuración legal e social, e a valorar se realmente esta configuración está ao servizo das mulleres e da súa autonomía reprodutiva ou doutros intereses. Esta proposta dalgunhas das compañías do chamado Big Five atópase no que eu penso son as antípodas do que un adianto tecnolóxico e científico, como é a reprodución asistida, debería supor en canto a empoderamento feminino. Se para que eu sexa recoñecida como profesional e poida seguir subindo chanzos nas xerarquías de poder de empresas como Apple, a miña vida persoal ten que ser posta en pausa (aínda que o vendan como una opción). Quizais isto non me pon en igualdade de condicións co xénero contrario, senón nunha situación claramente de inferioridade ao depender esta escalada non só das miñas capacidades, senón do meu compromiso para coa empresa dándolle prioridade a miña profesión, non?

“…a síndrome do impostor, ese padrón psicolóxico tan facilmente detectable nos doutorandos nos que existe un medo interiorizado de ser un fraude a pesares de obxectivamente ter merecido o posto, afecta máis as mulleres…”

E xa que falo de capacidades: eu mesma cheguei a dicir, cando comecei a carreira de física, que cría que os homes tiñan mellores —NON OUTRAS!, mellores— capacidades para certos aspectos da estatística, a asimilación do espazo matemático, o abstracto… Co paso dos anos, e en ambientes de maioría masculina, dinme conta de que aquilo que pensaba non estaba baseado en xestas senón en aptitudes, como o feito de que polo xeral eles semellan máis seguros. Confundín seguridade con capacidade. Unha das mellores amigas que teño neste país e que traballa no departamento de física da Universidade de Auckland como investigadora postdoutoral, confiábame que sentía que os seus progresos non estaban nunca nunha fase madura para considerar publicalos. Tamén confesaba, e eu coincido, que nunca vira tanta dúbida nos compañeiros, coma se nós sempre necesitásemos unha aprobación externa. Estou de acordo, a síndrome do impostor, ese padrón psicolóxico tan facilmente detectable nos doutorandos nos que existe un medo interiorizado de ser un fraude a pesares de obxectivamente ter merecido o posto, afecta máis as mulleres (Lavender, 2013), e particularmente nestas profesións STEM das que falo e formo parte. Así que sinto moito orgullo cando algunha das que foron alumnas de laboratorios de física que tutelei me din que decidiron empezar unha carreira nalgún destes campos porque viron exemplo noutras mulleres da contorna, entre as que me inclúen. Este aspecto para min manifesta a forza que teñen os roles de xénero impostos durante anos no mundo académico tamén, e a importancia de inverter e forzar certos cambios para que chegue o momento no que a elección de profesión sexa un acto verdadeiramente libre, aínda que son consciente de que outros moitos factores poden axudar a que non o sexa.

Remato dicindo que escribo isto dende un MacBook, Google é o meu motor de busca predeterminado e Facebook a rede social que máis utilizo. Son 100% consecuente coa miña crítica as súas políticas? Por suposto que non, pero estou aprendendo a vivir en contradición.

Fontes:

Flores, L. (2016), Las técnicas de reproducción asistida en España ¿Mercantilización de la maternidad o empoderamiento femenino?, Tirant lo Blanch.

Lavender, G. (2013), ‘Impostor syndrome shown to drive women away from physics’, Physics World , 26(10), 10-10.

______________________________________________________

imaxe_bio

Beatriz Reboredo Viso

Ourensá levando unha vida kiwi. Mudeime a Nova Zelanda en 2015, onde me doutorei en Física atmosférica pola Universidade de Auckland. Na actualidade compaxino o meu traballo e investigación en aplicación de radares meteorolóxicos con excursións polo rural neozelandés. Comidista e amante do queixo, interésame a transversalidade que existe entre as accións para frear o cambio climático e a axenda feminista. Pracer culpable: os realities.