de Laura Castro

Este artigo conclúe a serie adicada ao concepto de software libre, no que vimos de familiarizarnos coas catro liberdades que o definen. Xa falamos de que para que un programa se poida considerar libre debe permitirnos executalo con calquera fin, estudalo e cambialo, e redistribuír copias para axudarnos mutuamente. Hoxe completaremos esta visión coa derradeira, a liberdade de redistribuír copias modificadas.

En realidade esta última liberdade é a combinación explícita das dúas anteriores, a liberdade de ter acceso ao código e posibilidade de facer cambios nel (lembremos que non importa que nós persoalmente non poidamos facelo, trátase de que exista a posibilidade de que así sexa), e a liberdade de axudar a outras compartido o software (que non, non é algo malo nin inxusto, senón todo o contrario). O software libre, por tanto, garante ademais que podemos compartir as modificacións que facemos (ou mandamos facer) no software, de xeito que toda a comunidade en xeral, e calquera persoa en particular, se poida beneficiar deses cambios ou adaptacións.

E… que liberdades deberían garantir ese software modificado que podemos compartir? É obrigatorio que as manteñamos todas? Podemos restrinxir algunha, ou todas? Pois vai depender da licenza concreta de cada programa. A licenza é un documento que acompaña ao software (igual que o manual de uso, por exemplo) e especifica, en linguaxe legal, os termos que rexen ese programa no que ás liberdades que vimos de comentar se refire, e tamén en canto a calquera outro aspecto que as persoas que o crearon consideren. De feito, non hai unha única licenza libre, senón varios tipos de licenzas que, garantindo estas catro liberdades que nos permiten dicir que o software é libre, tamén falan sobre outros aspectos.

Curiosamente, hai licenzas libres que non obrigan a garantir ningunha das catro liberdades na distribución de modificacións. Pode parecer contraditorio, pero hai quen leva a liberdade realmente ao extremo de permitir deixar de ser libre! O feito de que unha licenza libre garanta que non se engaden restricións ás catro liberdades “centrais” en ningún momento chámase copyleft. Dito doutro xeito, unha licenza libre con copyleft, non só garante, senón que protexe as catro liberdades.

Protéxanse ou non as liberdades na licenza dun determinado programa, o que si debe facer toda licenza libre é ser irrevogable (alomenos, mentres non se faga un uso incorrecto, inxusto, ou ilegal do propio programa). Unha licenza que indica que quen escribiu o software se “reserva o dereito” de revogar a licenza, non se considera unha licenza libre, por moito que inclúa nos seus termos as catro liberdades centrais.

A modo de resumo, o certo é que ser libre non depende de cuestións técnicas dos programas. Estes poden ser útiles ou superfluos, funcionar ben ou ter erros, ser complexos ou sinxelos,… nada diso define que sexan libres. As liberdades do software fannos pensar en quen vai usar o software, non en quen o constrúe. Cambiamos a perspectiva para que sexan as usuarias as que controlen os programas e non ao revés. Ao fin e ao cabo, que sentido ten un software que non se usa? É máis, que sentido ten un software que non se usa libremente?

_____________________________________________________________________

laura_castro_tecnologia (1)Nacín en Madrid no 80, de nai e pai galegos que anos mais tarde voltaron á terriña; vivín un tempo preto de Santiago, onde fun ao instituto, e agora levo xa case 18 anos na Coruña, onde estudei e traballo. Tamén vivín durante algúns meses nos USA (en Houston, Texas) e en Suecia (en Göteborg). Son profesora na Facultade de Informática Universidade da Coruña desde o 2005, onde compaxino as tarefas de docencia, moi gratificantes, coa investigación, moi esixentes. Gústame bailar (especialmente cando ninguén me ve), e resolver puzzles. Gústame aprender cousas novas e viaxar con pouca equipaxe. Non leo tanto como me gustaría, e probablemente vexo máis series de TV das que debería.