de Laura Castro

Pregúntaste algunha vez quen constrúe as aplicacións que empregas no móbil, os programas de ordenador que utilizas, os que utilizan na túa consulta médica, no colexio, no supermercado…?

Moitas desas aplicacións ou programas (software, en xeral) son creadas por equipos de persoas por encargo: pode ser o caso nun taller mecánico, por exemplo, onde se precise un programa específico para atender necesidades concretas (xestión de pezas e recambios, reciclaxe de residuos, citas de clientes…), que poden non ser as mesmas para outros talleres, e desde logo son diferentes das de outros negocios.

Noutros casos, equipos de persoas desenvolven un programa ou aplicación que atende necesidades moi estendidas, coa intención de que o use canta máis xente mellor: pode ser o caso dun navegador web, que calquera de nós navegue por internet.

Deixaremos a parte económica de cada modelo (software a medida vs. software de uso xeral) para outra ocasión, e centrarémonos hoxe na propiedade do software. É probable que algunha vez escoitases falar do software libre. Acotío asimílase o concepto de software libre ao de software gratuíto, é dicir, programas ou aplicacións polos que non temos que pagar, pero esta asimilación non só é simplista, senón que é errónea. Se eu son propietaria dun taller mecánico e encargo o desenvolvemento dun programa como o que comentabamos, pagarei á empresa de desenvolvemento de software que realice o traballo, pero iso non significa que o programa resultante non sexa ou poida ser software libre. Da mesma maneira, un programa que descargamos de internet e instalamos sen pagar por el non ten por que ser software libre.

A Free Software Foundation definiu o software libre como aquel que garante ás persoas que o usan 4 liberdades fundamentais. Estas liberdades son as seguintes:

  • “A liberdade de executar o programa, con calquera propósito” (liberdade 0)
  • “A liberdade de estudar como traballa o programa, e adaptalo ás propias necesidades” (liberdade 1)
  • “A liberdade de redistribuír copias do programa” (liberdade 2)
  • “A liberdade de redistribuír modificacións realizadas no programa” (liberdade 3)

Hoxe falaremos da liberdade 0, que se considera a liberdade fundamental. Pode parecer un tanto trivial: liberdade para executar un programa? Acaso non decidimos libremente cada vez que facemos dobre clic que queremos executar un programa? Pode parecer que sempre somos “libres” para executar un programa, pero hai programas que restrinxen certos usos a persoas individuais, ou que os permiten unicamente sen ánimo de lucro, ou con fines educativos. Programas que desactivan ou inhabilitan opcións ou funcións, ou impiden que máis de certo número de persoas os poidan instalar ou usar ao mesmo tempo. Aplicacións que precisan que esteamos conectadas a internet, xa que se comunican cun ordenador remoto para verificar que estamos autorizadas a usalas. Aplicacións que impoñen restricións técnicas para funcionar, como por exemplo esixir a presenza dun CD, dun DVD ou dunha chave USB especiais introducidos ou conectados ao ordenador. Por último, hai aplicacións que non poden ser executadas con certos propósitos ou mesmo en certos países.

Todos estes exemplos non respectan a liberdade de cada usuaria a decidir como, cando e para que usar o software, e polo tanto non se consideran software libre. Un software que garanta a liberdade de uso non ten por que ser necesariamente software libre, xa que deberá garantir tamén as outras tres liberdades!