por Mónica Rodríguez Vázquez (MaterFem)

Incómodos son os suxeitadores… e sempre levo.
Incómodos son os tacóns… e algún me puxen.
Incómodo é maquillarse, depilarse, adobiarse… e, de cando en vez, claudico.
As mulleres feministas que somos nais, máis do que incomodar, irritamos a todo o mundo. Ás feministas non nais tamén.

Irrítanse algúns se ven unha teta amamantando unha crianza… Irrítanse outras que consideran un privilexio os permisos de maternidade, as horas de lactación…

Irrítanse cos laios das crianzas os que non entenden que deberían ter prioridade nesa ringleira e nos espazos públicos en xeral… Irrítase o persoal do Punto de Encontro familiar co teu xeito de criar…

Irrítanse os sanitarios se levas un plan de parto para desautorizar intervencións non desexadas sobre o teu corpo…

Irrítanse algunhas feministas se ousamos militar conciliando coa vida familiar (compañeiras: algunha desas asembleas das 20h de certo que poderían se celebrar ás 18h sen minguar a asistencia).

O choio vén de lonxe e eu, maternando, non teño tempo de debates bizantinos: que se olla que dicía a Élisabeth Badinter, que se mira para a Shulamit Firestone, que se hoxe estou coa Esther Vivas e a Marga Tojo máis do que coa Beatriz Gimeno, a nova directora do Instituto de la Mujer, que se declara antilactación materna e antimaternalista en xeral…

O asunto da maternidade é unha matrioska infinita da que case todas as xenealoxías feministas teñen opinado. É o debate incómodo primixenio que nós, Maternidades Feministas en Compostela (MaterFem), como colectivo feminista de nais, xa o traemos debatido da casa. Por pragmatismo, pola escaseza de tempo á que nos obriga a dupla ou tripla xornada, e porque sabemos, entre outras cousas, que o 53% do PIB é traballo de coidados (dos coidados propiamente ditos, os das persoas non autónomas, pequenas ou maiores… o resto chamémolo compañeirismo, empatía ou sororidade). Eu mesma pasei de ser maternófoba, porque vía a maternidade como unha escravitude patriarcal para a muller, a posicionarme nesta especie de esencialismo en deconstrución, previo paso por unha fase de arrepentimento… Conclusión: agora non podo evitar ser nai (antipatriarcal, por suposto) igual que non podo evitar ser feminista. Conxuguemos pois esas dúas facetas, sen pretender facer apostolado da primeira.

“…criar a un fillo practicamente
soa fíxome aínda máis
anticapitalista, ecoloxista e
feminista.”

O conflito entre o público e o privado traémolo de serie no noso seo, lactante ou non (outra cuestión incomoda). Se o espazo público, físico ou simbólico, non é acolledor para as crianzas, tampouco o é para as nais e iso vainos confinar de volta ao lugar que o patriarcado nos reservou: a casa, o privado máis unha vez. Noutras linguas falan de ‘espazos amigábeis coas crianzas’; aquí non temos nin termo e as mulleres xa sabemos que pasa co que non se nomea. Parques infantís sen abrigadoiro para a chuvia, autobuses interurbanos onde non caben carriños, sentenzas de divorcio que obrigan a custodias compartidas por defecto, cuestionamentos sobre as habilidades como nai, carencia de espazos de socialización para adolescentes, permisos de maternidade insuficientes que nos obrigan a renuncias ou externalizacións… Parece que esa división de ambientes fose o grande problema feminino, cando non debería selo: ou acaso o traballo de coidados das crianzas e dos dependentes é apolítico, aeconómico e alienado? (como di a Carolina Pombo).

Cando topei co cartaz que convocaba a unha primeira xuntanza de mulleres nais feministas baixo o lema «Maternar é político» pensei: «Desta si que poderei volver militar!» Activista nunca deixara de ser; criar a un fillo practicamente soa fíxome aínda máis anticapitalista, ecoloxista e feminista… mais ninguén o estaba a ver. As mulleres que criamos adquirimos o superpoder da invisibilidade.

Maternar desde esta perspectiva política, completamente diverxente da romántica neoliberal, faiche cuestionar aínda máis o sistema patriarcal capitalista porque reparas en todos os elementos que o fan incompatíbel coa vida, coa nosa condición de seres dependentes no nacemento e na vellez.

Así xurdiu o noso Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan as mulleres na maternidade e as súas crianzas: da necesidade de expor todas esas situacións, lugares e feitos que nos violentan, nos ignoran e nos fan sentir invisíbeis.

___________________________________

Foto da capa:

https://commons.wikimedia.org/wiki/Category:Scold%27s_bridles#/media/File:Scoldengravingalpha.jpg)

Muller penando coa máscara reprendedora posta, acompañada das súas crianzas. Litografía de New England recollida por Joel Dorman Steele & Esther Baker Steele (1885): A Brief History of the United States.

Desde o século XVI até o XIX, desde Escocia até Alemaña e EE.UU., o scold’s bridle (‘enfreo reprendedor’) foi um instrumento de tortura de punición usado contra mulleres. Moitas daquelas máscaras incorporaban pezas bucais de ferro que mutilaban permanentemente a lingua con púas afiadas e follas cortantes. As vítimas, coa cabeza engaiolada nas máscaras e expostas na praza pública, tamén eran maltratadas pola multitude.  Esta tortura aplicábaselle as mulleres problemáticas que supostamente tentaban «quebrar a paz, aumentar a discordia e tornarse un incomodo público».

____________________________________

DSC_0286 (1)Mónica Rodríguez Vázquez é profesora. Noutras vidas e continentes foi editora, tradutora, empresaria de enerxías renovábeis…

Fai parte de MaterFem, Maternidades Feministas en Compostela, asociación formada por mulleres nais de crianzas que dende 2018 debaten nun espazo non mixto, horizontal e aberto sobre a maternidade como feito social, económico e político (alén de íntimo), dende unha perspectiva feminista. Na actualidade están levando a cabo un estudo (o Observatorio) sobre os tipos de violencias machistas que sofren as mulleres con crianzas na vida cotiá. É un proxecto pioneiro, feito por mulleres nais para mulleres nais, sen organizacións nin empresas detrás, no que nos convidan a todas a participar.… Porque maternar é político.

MaterFem / Observatorio: https://forms.gle/K6VuLMqPjSiR2AU97

https://materfeministas.wixsite.com/materfem