“Convertémonos en ceros á esquerda, especialmente nos partidos políticos para limpar a súa imaxe” “Todo o que se refire á muller en política é un problema: aborto, coidados…”

Con frases como estas comezaba a sesión “Políticas e Feminismo “ do I Congreso de Mentes Femeninas celebrado no mes de outubro do 2014 en Salobreña (Granada). Frases impactantes que deron paso a unha serie de reflexións e debates que colocaron enriba da mesa, con moita claridade e unha certa incomodidade, o “fracaso” do paso da muller polos poderes políticos, xudiciais, tecnolóxicos e financeiros.

Expoñía a xornalista Elisa Beni que as mulleres non parecemos ser consideradas unha ameaza ou competencia no poder. Somos abnegadas traballadoras que nin esperamos nin demandamos recoñecemento explícito. Acompañamos o liderado masculino como as mellores das técnicas, fieis, e ás veces ata aliviadas de non termos que asumir a responsabilidade do protagonismo, onde se recibe o aplauso… mais tamén a crítica. Mentres tanto os homes entran na política con obxectivos claros: conseguir o poder, manterse nel e perpetuarse o máximo posíbel. Coñecedores de que sendo parte das “camarillas”, e non tanto do traballo duro e dedicación como imaxinamos as mulleres, é onde se ten de poñer atención e esforzo. Non fai falla dicir que nós, por suposto, ficamos fóra destes espazos eminentemente masculinos e que teñen lugar lonxe das asembleas e reunións formais. A nós, despois da xornada de traballo público, tócanos lidar coa responsabilidade “compartida” de coidar das nosas casas, familias, vida privada que consideramos igualmente importante, se ollarmos o tempo e enerxía que lle dedicamos. Isto déixanos máis unha vez, á marxe da construción e participación do poder. Concluía Beli que isto acontecía tanto nos partidos tradicionais como PP, PSOE… como nas novas iniciativas cidadás como Podemos. Faise necesario pois que as mulleres xa non esteamos simplemente na política, pero que teñamos unha axenda propia feminista clara do que queremos facer, para que e como.

E que acontece con aquelas que ousamos ocupar espazos non atribuídos ao noso xénero á marxe da perspectiva do status quo “machirulo”? Nuria Varela recordábanos o tema da cabeza cortada de Olympe de Gouges na Revolución francesa; o humillante abandono ás sufraxistas en 1866, onde o voto é concedido aos escravos e explicitamente prohibido ás mulleres; e a Clara Campo Amor que consigue o dereito ao voto na República española para despois non ser aceptada en ningún partido político rematando así calquera posibilidade de acceder ao poder.

Entre o público cuestionáronse os modelos de liderado, a masculinización das mulleres para poder acceder ao poder, a necesidade de redefinir o concepto de poder e de éxito, de valorármonos e traballar a autoestima… dalgún xeito crear as bases desde onde poder participar sen sentir que non só tocamos teitos de vidro, mas que tamén estamos de pé nun chan gasoso que pode deixarnos caer en calquera momento.

“Primeiro temos de sobrevivir e despois facer a revolución” clamaba unha das mulleres do público, e falaba sobre a tremenda presión que poñemos nas nosas costas exixíndonos sobrevivir, coidarnos e coidar ás e aos demais e revolucionar o mundo, todo a un tempo. Cansas de ser súper-mulleres, sen dúbida. Pero, si, precisamos de mulleres con capacidade e recursos que poidan soster as revolucións internas e externas nas que nos estamos a embarcar. Mulleres que apoien e guíen as praxes feministas que tanto ansiamos. Pero se unhas estamos ocupadas sobrevivindo, que non é pouco, que mulleres van ser as que lideren a Revolución? Podía ser, e isto non é proposta nova, tarefa para as mulleres con máis idade e establecidas socioeconomicamente. Pode ser que con máis tempo e recursos do que as máis novas, as migrantes, as nais, as que teñen serios límites vitais que van tornar difícil garantir a constancia e a continuidade no movemento. E mentres nos enredamos en intrínsecos debates sobre quen, como, cando, para que… con pouca sutileza, irrompe periodicamente o sistema patriarcal, a través do partido do momento, con leis e decretos que denigran, se cabe máis, a nosa situación laboral e social, minguando como non o dereito a decidir sobre o noso corpo. De súpeto, deixamos todo para saírmos en masa á rúa, encontrando tempo onde non o hai, loitando rabiosamente para defender os poucos dereitos que puidemos conseguir. Adiamos desta maneira a reflexión e construción de estratexias e liderados feministas e regresamos aos círculos de acción-reacción, intensos e, de momento frutíferos, pero nos que deixamos a pouca enerxía que nos restaba. A axenda feminista máis unha vez non é decidida por nós, o patriarcado mantennos habilmente ocupadas afastándonos do poder.

Concluíase en Granada que os pequenos ou grandes éxitos individuais dunhas poucas mulleres, xa non son abondo para o feminismo, e acceder a cotas de poder se non é con obxectivos feministas, tampouco. Non queremos só o poder, queremos que este sexa feminista, e non será unha Margaret Tatcher ou unha Angela Merkel, que nolo fagan, imos ter que facelo nós, as mulleres feministas.

Uns meses despois no 3º Encontro de Feministas Autónomas celebrado en Ourense, as compañeiras galegas expresaban o seu desánimo e crecente desinterese na participación política en organizacións mixtas. Cansas do “pasotismo” no mellor dos casos dos seus compañeiros ante calquera tema ligado co feminismo ou coas mulleres, ou da burla paternalista e ataques viscerais no peor. Por que gastar enerxías en loitas inertes, cando é mesmo difícil a continuidade e coidado nos propios espazos feministas? Abandonar a organización pública mixta foi percibido como verdadeiramente un acto de auto-coidado, pero entón como participar da vida pública do país e construírmos o noso propio poder? Na Galiza como en Granada unha axenda propia feminista parece ser a resposta, e encontrar tempo, enerxía e recursos para facela o grande reto.

Neste artigo, alén de compartirmos reflexións sobre o poder político e interacción con outros poderes do congreso Mentes Femeninas de Granada e do Encontro de Feministas Autónomas de Ourense, procuramos voces de mulleres feministas en tres dos espazos públicos de construción de poder da cidade da Coruña: un partido tradicional orixinado no século XIX, unha plataforma de dereitos sociais e vivenda, e unha iniciativa municipalista de apenas 9 meses de vida. Mariam Ferreiro, Sara Martínez e Paula Tomé Espiñeira fálannos da súa experiencia persoal e colectiva como activistas de base das organizacións nas que participan.

 

1Mariam Ferreiro – PSOE

Nada en Lourenzá (Lugo). Ten 63 anos e é traballadora social. É militante do PSOE hai máis de 36 anos.

Que é o PSOE?

Cando eu entrei no PSOE hai 36 anos, evidentemente era moi diferente do que é agora. Daquela era unha plataforma política onde pretendíamos cambiar a situación fronte a unha ditadura. Un partido de esquerdas que reflexaba o que queríamos, eu polo menos, unha sociedade democrática. Neste momento as persoas do PSOE, os dirixentes máis ben, perderon realmente os obxectivos socialistas. Non está liderando esa alternativa que tería que beneficiar as clases menos favorecidas polo tanto entendo que non reflicte eses ideais polos que eu no primeiro momento me afiliei ao partido socialista.

Como viviches a época de transición?

A verdade é que a vivín con moita esperanza. Foi moi importante. Era deixar de vivir nunha situación na que había medo a todo, na que calquera cousa era clandestina. De feito aínda hoxe teño algo desa inxenuidade coa cal naquel momento demostrábamos de que eramos capaces de cambiar todo. Recordo sempre o primeiro momento no cal puiden actuar neste sentido. Refírome sobre todo ao tema do feminismo. Eu era representante sindical cando traballaba en Asturias, e alí negociamos o primeiro convenio no que se permitía a media hora de descanso para as mulleres para dar o biberón ou aleitar, e que puidera ser tanto para a muller como para o home. Aquilo si que se me quedou gravado. Era un momento de loita, de ilusión, a xente tiña ganas de verdade, non había o “pasotismo” que hai neste momento. Eu creo que tíñamos en fronte unha ditadura, e moi claros os obxectivos. Logo, claro, veñen os desenganos e as cousas pero, en principio con moita ilusión.

E que actividade desenvolves no PSOE?

Agora no PSOE son unha militante de base. Creo que desde as miñas responsabilidades fixen todo o posíbel tanto para que o partido cambiara, como nas responsabilidades públicas que tiven. Levei a área de Servizos Sociais e de Infraestruturas e procurei dar respostas a aquelas situacións que realmente eran preocupantes e estaban máis abandonadas. Eu creo que de sentirme satisfeita de algo sería de que, polo menos, se puxeron na axenda diaria as cuestións referentes á muller, as cuestións relativas á igualdade e as cuestións que tratan os dereitos das persoas. Neste momento a maneira de facer política do PSOE non responde realmente coas miñas ideas entón non estou participando en nada.

E como está o feminismo no PSOE?

Eu creo que o feminismo tivo moita máis participación nos primeiros anos do PSOE que agora. Co tema das cotas, por exemplo, fomos o partido que entendemos que era unha maneira de forzar realmente a presenza da muller e con esa presenza tentar conseguir outros obxectivos ata que non fosen necesarias as cotas. É verdade que aquí na Coruña había certo “cachondeo” con este tema. Moitos dos compañeiros dicíanme: hahaha igualdade, eh? Cotas, eh? Pero eu creo que para o partido, en xeral, tivo moita importancia como é a creación do Instituto da Muller, as leis contra a violencia de xénero… Pero agora paréceme que non defendemos suficientemente dentro do PSOE o tema das cotas e o do feminismo. Se cadra como o que acontece en xeral con determinada parte da sociedade que pensa que xa está un pouco conseguido todo. Tamén que o feminismo está sendo confundindo con outros termos, como por exemplo a igualdade, a non-violencia… Pénsase que con celebrar o Día da Muller Traballadora ou poñer en Facebook non sei que xa se está facendo feminismo, xa se está loitando a prol da igualdade entre homes e mulleres, e non é así. Por exemplo, Susana, que neste momento é candidata … eu, non lle vin ningún discurso feminista aínda. E dóeme, dóeme porque creo que dentro do socialismo si hai mulleres que teñen realmente un discurso feminista, pero non están en situación de poder. Ese é un dos temas fundamentais neste momento. Non vale con ter un representante na plataforma, ter isto, ter aquilo, iso non sirve; hai que traballar realmente coas mulleres na rúa, nos sitios de traballo, no asociacionismo… temos que ter un discurso para todos os homes e mulleres neste momento, temos de ter un discurso feminista.

Que che parece a situación política actual con novos movementos políticos aparecendo?

Moi interesante. E estou abraiada coa actitude dos partidos tradicionais porque no canto de cuestionar que é o que fixemos mal estase a machacar aos novos que están saíndo. Eu non estou de acordo con iso. Creo que é importante que xurdan outros movementos. A sociedade cambiou e polo tanto os partidos tamén teñen de cambiar. En xeral, paréceme que é unha oportunidade para os cidadáns, e os partidos tradicionais teñen de mudar moitos comportamentos e moitas maneiras de facer políticas se queren realmente seguir existindo como alternativa.

E como vés a Coruña despois de Maio?

Uf (risos) A verdade é que… pode ser moi interesante e pode ser unha pena. Eu non creo que o Partido Popular volva gañar e polo tanto tamén lle vexo difícil que goberne en minoría. A min o que me gustaría é que houbese un goberno de esquerdas, evidentemente. Sería moi interesante e bo para a cidade. Se a sociedade dá unha representación a todos eles imos ter de ser capaces, os partidos políticos, de aprender a gobernar xuntos. Senón que mensaxe estamos transmitindo? Que nós non somos quen de poñérmonos de acordo para gobernar unha cidade pero estamos pedíndolle a maioría aos cidadáns? Home, non.

Que necesidades pensas que ten a cidade, especialmente as mulleres?

Unha das principais tarefas sería facilitar a conciliación familiar e laboral. Pero non só porque se poñen os medios necesarios desde as institucións, senón tamén porque os membros da familia comparten responsabilidades entre todos. Iso permitiría que a muller tivese tempo tamén para participar nos movementos ou nas asociacións que queira, que poida e que lle sirvan para formarse ou para participar. Tamén me parecen gravísimos os recortes que están sufrindo as mulleres a nivel de servizos sanitarios. Seguimos tendo un centro de planificación familiar que atende a toda a área coruñesa de 37 concellos. E en vez de completar o outro centro (do Ventorrillo) cun xinecólogo primouse atender a todos os usuarios como fose. Iso fai que moitas mulleres perdan a posibilidade de ter os exames de saúde aos que entendo teñen dereito. E a nivel de saúde mental e de atención primaria creo que non se está dando espazo suficiente ás problemáticas que teñen as mulleres. E logo o tema do paro, que é primordial para que as mulleres poidan ter un medio de vida económico que lles permita ter a súa propia vida, independizarse, e en moitos casos poder separarse para evitar situacións graves de violencia doméstica.

E xa para terminar, baseándote na túa propia experiencia que consello lle darías ás mulleres para poder mellorar a súa vida diaria?

Non sou eu moito de dar consellos pero mira hai unha cousa que é moi importante, que dende o primeiro momento as mulleres se sintan iguais aos homes, que non hai ningún patriarcado que poida mandar e organizar a vida das mulleres. Que desde novas comecen as relacións en plan de igualdade e repartir as cousas da casa para que haxa tempo para todos. Sei que moitas mulleres teñen moitas ilusións e moitos soños, pois que intenten cumprir eses soños, que sempre hai recursos, ou case sempre como para poder facelos. Que fagan todo o necesario para conseguir aqueles soños que realmente teñen e poden cumprir.

 

3Paula Tomé Espiñeira – Marea Atlántica

Nada na Coruña, do barrio dos Maios. Ten 42 anos e actualmente está a facer substitucións como profesora de lingua e literatura castelá. Participa na Marea desde xullo de 2014.

Que é para ti a Marea Atlántica?

Un intento de levar as formas de facer, as formas de sentir dos movementos sociais ao sistema de goberno municipal con todas as contradicións que iso pode implicar.

E que papel tes ti na Marea?

Agora estou algo desvinculada por temas laborais, pero estou na Marea de Feminismo, na Marea de Economía, e tamén estiven na preparación das propostas para o programa electoral para que se debatesen na xornada de programa participativo. Estiven na cohesión social que levaba a parte de coidados, cando aínda non existía a Marea de coidados.

Como soubeches da Marea e como viviches ese momento?

Pois sóubeno porque persoas que estaban pasando o manifesto contactaron comigo e preguntáronme se quería lelo e se quería asinalo. Estaba de acordo con el e así o fixen. Nese momento vino como algo positivo e necesario. Eu nunca fun moito de crer na política oficial, na política que se está facendo, a política tradicional. Incluso nalgúns momentos non votaba porque non me convencía ningunha forza das que se presentaban. Outras veces votaba simplemente por facer un pouco de forza contra o mal maior. E ben, cando apareceu a Marea, pois aínda que me parecía un pouco contraditorio que estivésemos aí a xente que normalmente non estabamos moito pola labor de conseguir as cousas por esa vía, pois sentín que non nos quedaba máis remedio. Case era unha cuestión de necesidade conxuntural máis do que de desexo de que realmente as cousas se ían poder arranxar por esas canles. Pero si, de que había que meterse nesas dinámicas e de loitar nese campo tamén.

E do proceso, que cres que foi o máis fácil, o máis gratificante?

O máis gratificante para min era ver como se ía debatendo e como eses debates ían seguindo uns procesos cos que eu estaba moi de acordo. A toma de decisións que se usaba parecíame xusta, horizontal, que estaba moi ben pensada. Dende o inicio gustoume tamén que había moitísima xente, e que cada vez se ía unindo máis. Era e é un proxecto que chama, que ilusiona a xente e que a fai involucrarse e poñerlle ganas porque a cousa está realmente moi mal.

Por que decidiches non candidatarte?

Moi fácil, porque non me vía preparada para asumir esa responsabilidade. Creo que foi así unha semana na que tiven un pouco de dúbida, se debería dar o paso e estar aí. Pero as dúbidas disipáronse porque realmente non me vía facendo iso. Penso que igual é un pouco de covardía pola miña parte, non o sei, pero coido que é un mundo no que podes estar sometida a moitas presións, e eu un pouco polo coidado da miña saúde mental non me vía na primeira liña.

Como ves ti a situación política actual?

Pois como un momento sobre todo de grande incerteza, no que pode pasar calquera cousa, incluso que nos quedemos igual. Ogallá que non. Espero que poidamos ir a mellor, que pase algo que poida ilusionar a unha gran cantidade de xente. En relación en concreto coa Marea Atlántica, que é no que estou máis próxima, penso que si hai posibilidades de entrar no goberno para poder facer cousas. Non sei ata que punto e cantas cousas se poderán facer unha vez dentro, pero neste momento véxoo con ilusión e con ganas de ver que pasa. . . Cales son as túas expectativas no caso de que a Marea tivese representación no Concello da Coruña? As miñas expectativas serían que na Coruña se puxesen os medios desde o goberno municipal para crear comunidade entre as persoas. Este capitalismo desenfreado, de “pelotazo” e de exclusión, ten a capacidade de deixarnos a todos literalmente espidos. Desfai completamente o sentimento de comunidade, no sentido de coidado para a xente, de vínculos, de capacidade para resolver problemas… O goberno municipal para min tería que ter o papel de converter a cidade nun sitio onde a xente puidese estar próxima e se puidese coidar, fortalecer as redes que existen e de crear redes novas. Se non fose así eu viviríao mal. Para min o principal problema da cidade ou de calquera país é este individualismo capitalista e feroz que vai separando as persoas, illándoas, excluíndoas e meténdonos a sensación de que non se pode mudar nada, de que non se pode facer nada. O peor é a resignación que vai inoculando todo ese tipo de non-valores.

E como están as mulleres e o feminismo na Marea?

Iso sempre hai que pelexalo, e a Marea non ía ser unha excepción. Estou contenta porque as listas son efectivamente “listas cremalleira”. Non está mal, xa é unha boa cousa. E o feminismo na Marea é unha aposta de principios. O que pasa é que aínda así hai moita xente que non está formada en xénero, nin en conciencia feminista, e que van formándose sobre a marcha. Van xurdindo situacións que ás veces hai que resolver, explicando cousas que nós como mulleres feministas, xa damos por feitas. Hai que explicárllelas aos compañeiros e ás compañeiras tamén; pois polo feito de ser muller non te convertes en feminista. Hai que ir pouco a pouco.

A pesar do chamamento da Marea Feminista moitas feministas independentes da cidade non se adheriron finalmente á Marea, como recibiches ti isto?

A min deume moita pena porque eu estaría máis a gusto probabelmente se o resto de compañeiras feministas que coñezo tamén estivesen aquí, que estiveramos todas xuntas, tanto a nivel persoal como político. Evidentemente tampouco sei a razón que ten cada persoa, pero a min así a nivel persoal pois doeume. Fíxome ilusión que viñeran á convocatoria pero deume pena que despois non continuasen.

Como de forte ou débil continúa a Marea feminista?

Eu creo que segue aí, xa hai bastante tempo que non vou ás reunións, pero efectivamente, segue aí. A segunda persoa que vai de candidata despois de Xulio, é Rocío da Marea Feminista. É unha das persoas que máis está traballando na Marea, tanto no tema feminista como en xeral. A función da Marea feminista é transversalizar o feminismo a toda a Marea. Despois pódese facer unha análise do programa, ver se hai propostas feministas, e se nas outras propostas hai percepción do feminismo.

Cales dirías que son as necesidades das mulleres desta cidade?

As mulleres aínda seguen levando unha parte importantísima de coidados, tanto de nenos e nenas como de persoas que o precisan polas razóns que sexan, de saúde… e creo que precisarían de moito apoio institucional e recursos para organizar ben eses coidados. É traballo que se fai con cariño e afecto, pero non deixan de ser moitas horas que non se poden usar noutras cousas. Tamén está o tema da feminización da pobreza, o espertar da conciencia feminista e a seguridade nas rúas.

E xa a última, baseada na túa experiencia, que consellos lles darías ás mulleres para a súa vida diaria?

Tecer vínculos sólidos con outras mulleres e, en xeral, cos amigos para comezar a crear esa comunidade da que falaba antes. E respectarse moito, coidarse moito a unha mesma. Encontrar o punto entre a independencia e a autonomía e o estar cos demais no mundo. Non calar ante as inxustizas, buscar apoios, compartir redes… todo dirixido a crear esa comunidade ausente que tanta falta fai.

Algunha cousa máis que che apeteza dicir aínda que non forme parte das preguntas?

Creo que o feminismo ten moito que ver con obxectivos para mellorar a vida das mulleres, mais tamén coa forma de conseguilos. Ten de ser diferente ás formas patriarcais, e iso ás veces é o máis complicado. Os obxectivos son máis fáciles de ver, máis claros, mesmo persoas que non son feministas poden incluso estar de acordo con eles: eliminar a violencia, eliminar a precariedade, coidados compartidos… pero talvez nas formas de facer haxa máis carencias, menos práctica, máis que aprender, máis sobre o que reflexionar… E refírome á horizontalidade, ao cariño, ao coidado, a que non sexan formas de relacionarse ou traballar agresivas, ou contigo ou contra min, ese tipo de cousas.

 

SaraSara Martínez – Stop Desafiuzamentos

Nada na Coruña, no barrio de Eirís. Ten 28 anos e está rematando a formación de Integración Social. Participa en Stop Desafiuzamentos hai algo máis de 2 anos.

Que é Stop Desafiuzamentos?

En principio é unha ferramenta de presión non só sobre o tema da vivenda, tamén de todo aquilo transversal do sistema no que vivimos. Tamén creo que é un espazo de apoio, e de empoderar a xente, que moitas veces chega e está totalmente anulada polo que o sistema lle di que é un erro, a súa culpa, etc. Na Coruña tamén é unha pequeniña comunidade de xente.

E que tipo de xente conforma na Coruña Stop Desafiuzamentos?

Cando comezou era máis xente afín ao 15-M, e despois co tema de Aurelia , chegou xente de distintas ramas políticas e sociais que fixo que mudara esa dinámica. Agora somos un grupo moi diverso. De feito, chegamos a falar de seguir como estabamos ou mudar de formato, para dar resposta a esa efervescencia de ideas, transformación social, anticapitalismo, feminismo… Algo así como “Situación Social” ou “Delitos Sociais”. O caso é que finalmente decidimos non mudar porque en realidade é un formato que funciona bastante ben, é visíbel e potente, tamén a nivel estatal.

No caso de Aurelia, o problema era por un alugueiro, non por unha hipoteca, non?

Non é que fora o problema, pero era como unha realidade invisibilizada. No seu momento co tema da vivenda parece que todo tiña que pasar pola hipoteca. O movemento baseou a denuncia en todo o tema da crise, a estafa bancaria… que ao final afectábanos a todas, claro, pero, digamos que iso invisibilizaba dalgún xeito a realidade da xente que tiña alugueiro, que era moita, e que estaba a pasar por procesos aínda, se cabe máis duros. No caso de Aurelia, nós non tivemos dúbidas en denunciar ao propietario do inmoble, por iso de que ten dereitos e demais. Supoño que non tiñamos esa moral de a “sacrosanta” propiedade privada. E a parte nese caso, enganchaba co tema especulativo, dunha zona concreta, dun tema de clase…

E ti que tipo de actividade fas dentro de Stop Desafiuzamentos?

Creo que a parte na que mellor me sinto eu é na de acoller á xente e tratar de clarificar… non é acoller como unha cuestión de coidados, senón tratar de que a xente teña un pouco de voz, aínda que as dinámicas son as que son. E logo tamén toda a parte do que é organizar, de buscar información, a parte máis teórica. Teño tamén acompañado a bastante xente. E claro, a parte “cañera”, de estar cando hai que plantar cara, mais non é a que a min máis me representa, como por así dicilo.

Cal foi o momento máis complicado para ti dentro de Stop Desafiuzamentos?

O máis complicado foi o desaloxamento de Álvaro . Creo que en xeral para toda a xente que estabamos alí foi como máis duro, en parte porque xa levabamos un cansazo acumulado, de moito tempo, de “curro” coa xente… de estar en contacto coa exclusión e coa miseria. Tamén pola represión oficial, represión política… E iso, foi como un momento de dalo todo sabendo de antemán que ías perder. Vivino coma algo moi duro. Eu chorei moito ese dia, moito. Foi coma un dó e pasounos o mesmo un pouco a todo o colectivo. Xa viviramos antes a represión pero aquí foi máis evidente ver que o sistema é obsceno, do modo máis estúpido e máis cruel, con toda esa frialdade do poder que é ridícula.

Stop Desafiuzamentos é un activismo onde se traballa coa xente, con problemas reais, e ao mellor noutros movementos a loita é mais abstracta; como viviches iso a nivel persoal?

Houbo un momento no que o vivín mal por estar ao lado de xente que non eran ideoloxicamente perfectos, pero que estaban a pasar por toda a merda que vivimos, a todos os niveis, pois sentía que os outros movementos estaban un pouco nas súas ideas en abstracto, pechadas, como na súa propia nube. Pero penso que fun madurando durante o proceso e entendín que hai espazos para todo, e que esa outra parte a min tamén me axudaba a levalo a esa práctica. Como feminista podía ter unhas ideas concretas e un repensar na miña vida cotiá, pero claro, logo enfrontándose con outras mulleres doutro tipo, doutro universo, como que todo se cambalea un pouco. Iso é moi interesante porque ao final acabas cuestionando e conformando o teu xeito de pensar e de estar no mundo de maneiras distintas.

E como está o feminismo dentro de Stop Desafiuzamentos?

Creo que está máis presente do que ao mellor se pode ver desde fóra, porque ao final os medios sempre sacan os homes, sempre. Mesmo a policía multa máis os homes. Desde a súa ideoloxía e moral pensan que o liderado é masculino. Pero creo que hai mulleres en Stop Desafiuzamentos moi fortes. Non fortes nun sentido patriarcal, sabes? senón fortes nun sentido de recoñecemento e escoita da súa voz. Como pasa sempre, as mulleres non queremos ser voceiras ou coller o protagonismo, pero como que se van dando pasos. Á charla da Marcha das Dignidades que tivo lugar a semana pasada foi unha compañeira nosa. Unha compañeira que nin sequera é unha persoa “clásica” dos movementos sociais. É unha persoa entre comiñas “normal”, unha persoa que pasou por un proceso de perda da vivenda e que de repente pois… que aceitou estar aí falando de si mesma, e iso é moi bonito.

Como ves a aparición de iniciativas políticas alternativas á política tradicional?

Ben, eu, a nivel persoal, respéctoo pero a min non me interesa construír novos xeitos de facer dende ese lugar, porque me parece cansado, paréceme frustrante, paréceme difícil, paréceme moi pechado. Creo que hai xente que ten moita valentía por querer intentalo, pero tamén creo que se debe respectar a xente que non queremos entrar aí. Porque sen a xente que está fora, sen a xente independente e autónoma nunca se vai mudar nada. Véxoo con respecto e na distancia, como algo interesante e a ver que pasa.

Pensas que ten afectado dalgún xeito a Stop Desafiuzamentos?

Xerou, non divisións pero si debates fortes, sobre se iamos ter comunicación con esas novas prácticas ou non. Hai xente que quere ter contacto con todas estas formas políticas novas, pero isto tamén contaminaba a nosa práctica cotiá que para nós é o primeiro. Decidimos que mellor non mesturar porque queriamos preservar a nosa independencia. Pero ao final é algo que sempre está aí.

Pensas que pode mudar algo cunha mudanza de goberno?

Creo que se todo o proceso que está en marcha é sincero e honesto pode ser que muden pequenas cousas. Esperas que non che prometan cousas que son imposíbeis de cumprir dende unha lóxica institucional na que os limites son enormes. As persoas que están nese proceso deben ser valentes tamén, recoñecer os límites, e non entrar no xogo habitual da política institucional que ao final é como algo estético, non? e sempre na mesma liña. Ese defecto véxoo algunha vez nestas novas formas como tamén vexo algunhas virtudes. Pero non creo que os cambios vaian ser substanciais. Igual me equivoco, ogallá.

Que necesidades pensas que ten esta cidade, especialmente as mulleres?

Penso que esta cidade precisa construír espazos comúns, colectivizar o traballo dende as necesidades reais das persoas e poñer os coidados e as nosas vidas como punto central. E que se poida crear paseniño, que non nos afogue, sobre todo ás mulleres. Son as que máis se moven para saír adiante e a resposta que damos como sociedade son parches que culpabilizan, que abafan. Potenciar a comunidade, os lugares de encontro dende a diversidade e a humildade; a memoria e a creación colectiva de alternativas nas que se escoiten as nosas voces sen necesidade de grandes eventos é fundamental para recuperar esta cidade que nola teñen roubada.

Baseándote na túa experiencia que consellos lles darías ás mulleres que lles puidesen servir para mellorar a súa vida no día a día?

Un consello que me dou a min mesma no día a día é tratar de afastar os medos a ser, a sentir, a crear e inventar novos horizontes. Tamén aprender pouco a pouco a poñer límites: non afogarse no día a día e darse momentos de calma e gozo, valorándonos máis e apreciando os pasos no camiño, para que o tempo sexa cada vez menos tempo e máis vida. Parece mentira, pero custa bastante facelo. Por último, penso moito na necesidade de que liberemos a parte creativa que temos, xa sexa escribir un conto, darlle forma aos nosos desexos ou plantar cenorias.

 

 

REFERENCIAS

I Congreso Mentes Femeninas: http://mentesfemeninas.com/

Stop Desafiuzamentos: http://www.stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/

Marea Atlántica: http://mareatlantica.org/

Marea Feminista: http://mareatlantica.org/blog/feminista/

http://bambuser.com/v/4932883

PSOE: http://www.psoe.es/ambito/coruna/news/index.do

Marchas da Dignidade: http://marchasdadignidade.blogspot.com.es/