Natalia Domínguez Galán

Hai uns anos, nalgún dos blogs nos que participo activamente reivindicaba o papel das mulleres no ciberespazo, coa finalidade de conseguir unha maior visibilidade na rede e denunciar e romper, dunha vez por todas, a fenda dixital de xénero, da que se serve o patriarcado para continuar a reforzar a desigualdade entre mulleres e homes no acceso, intensidade e uso das TICS.

tecnoloxía

* Mulleres traballando co primeiro computador electrónico, chamado ENIAC (electronic numerical integrator and calculator), fabricado no ano 1946.

Na actualidade, seguen a reproducirse as mesmas relacións de poder desiguais, de sempre, os estereotipos e as prácticas sociais machistas, que están a obstaculizar a nosa total incorporación en igualdade de condicións, a todos os ámbitos da sociedade, tamén á sociedade da información na que se favorecen desigualdades no acceso, como usuarias da rede, e desigualdades nos usos, como creadoras de contidos e de tecnoloxía, evitando ter un papel activo dentro das redes.

tecnoloxía

O persoal encargado do seu mantemento estaba composto só por mulleres. As mulleres de ENIAC, foron as que desenvolveron os primeiros programas de software do primeiro computador electrónico. A mediados dos anos corenta do século pasado elas eran as únicas programadoras de computadoras de múltiples funcións a nivel mundial. E convertéronse nas mestras da primeira xeración de programadoras/es dixitais. Fonte: http://ochobitshacenunbyte.blogspot.com.es

Segundo os estudos realizados polo, xa desaparecido, Instituto da Muller, na actualidade no estado español existe unha fenda próxima aos 10 puntos no que se refire ao acceso á Internet entre mulleres e homes; fenda que aumenta cando falamos de aplicacións e de usos avanzados da tecnoloxía.

Así, fálannos de 3 niveis de fendas dixitais de xénero:

1ª.- A fenda de xénero que aínda persiste no acceso ás TICS. Respecto á Internet, o nivel de acceso das mulleres é un 9,2% menos que o dos homes.

2ª.- A fenda de xénero que fai referencia á menor intensidade da incorporación de mulleres a Internet de forma regular. As mulleres conéctanse con un 10% menos de frecuencia que os homes. Destacando, ademais que a fenda aumenta canto máis técnicas e complexas sexan as tarefas.

3ª.- A fenda de xénero en aplicacións avanzadas. Por exemplo, en móbiles con conexión a Internet as mulleres utilizan 50% menos que os homes e noutros usos avanzados como a TV, a radio e o teléfono por Internet a diferenza é dun 25%.

Os únicos nomes que se mencionan cando escoitamos falar de tecnoloxías dixitais son, practicamente, nomes masculinos pois, o traballo das mulleres, e concretamente neste ámbito, segue a ser invisible.

Os libros, as redes ou o noso profesorado raras veces nos contan que mulleres coma Augusta Ada Byron King (Ada Lovelace, 1815- 1852), realizou estudos científicos, matemáticas e ciencia, e foi a creadora da programación informática, a primeira programadora da historia. Hedy Lamarr, (1914-2000), actriz, enxeñeira e inventora, foi a precursora da telefonía moderna e da wifi.

Tampouco se comenta que existiu un grupo de mulleres alá polos anos 40 que, se encargaron de facer funcionar a ENIAC, primeira computadora de propósito xeral do mundo. Facéndose un lugar entre os homes estaba Adele Katz, redactora do manual de uso do ENIAC e formadora das seis mulleres que se encargaron de facer funcionar este computador: Jean Bartik, Kay Antonelli, Marlyn Meltzer, Betty Holberton, Frances Spence e Ruth Teitelbaum. A súa historia foi ocultada durante anos e foi visible grazas á investigación en 1986, de Kathryn Kleiman, unha estudante de Harvard.

Na nosa historia actual, é necesario darlle visibilidade á figura da filosofa británica Sadie Plant, pioneira no uso do termo “ciberfeminismo”, xunto ás artistas australianas VNSMatrix que redactaron o primeiro Manifesto Ciberfeminista, como homenaxe a Donna Haraway.

Todas estas experiencias, anímannos a todas as mulleres a ser creadoras activas das tecnoloxías dixitais, a través da creación de blogs ou webs onde se reivindique o Feminismo e desde os que loitemos de forma conxunta contra os medios de comunicación e información patriarcais e machistas.

Máis información:

http://www.e-mujeres.net/

http://www.e-institutoasturianodelamujer.com/enredadas20