Compartimos informaçom sobre uma iniciativa nas redes de reflexom e auto-organizaçom laboral feminista

logo manifesto

MANIFESTO

POR UNHAS CONDICIÓNS LABORAIS FEMINISTAS NO SECTOR DA FORMACIÓN, PROMOCIÓN DA IGUALDADE E INTERVENCIÓN SOCIAL E EDUCATIVA

 

Hai uns meses, un grupo de mulleres feministas que actuamos profesionalmente no ámbito da formación, promoción da igualdade e intervención social e educativa comezamos a xuntarnos para compartir experiencias e pensar estratexias fronte á precariedade laboral e vital que nos atravesa.

Incluímos aquí a dimensión vital porque somos conscientes de que a precarización non só atinxe á remuneración e cotización (ou a ausencia dela en moitos casos), coa conseguinte dificultade para satisfacer necesidades básicas (aluguer, subministros, sanidade, alimentación, cultura, etc) mediante o traballo que realizamos e coa redución de cobertura social. Trátase dun esquema de organización e produción que condiciona os ritmos e formas de traballar, e repercute de forma directa sobre a nosa saúde física e emocional, expectativas, relacións e prácticas de autocoidado.

Tamén a calidade e efectividade do traballo que desenvolvemos se ven afectadas por esas condicións precarias, co resultado dun empeoramento da atención e acompañamento ás persoas e unha vulneración dos dereitos da poboación, ao tratarse de actuacións que se encadran na carteira de servizos públicos.

A continuación pasamos a detallar as situacións que identificamos nos sucesivos encontros que mantivemos, así como as demandas de cambio que esiximos por parte das institucións públicas e outros axentes sociais:

QUE OBSERVAMOS?

  • Unha desvalorización do noso traballo. Non se nos ofrecen condicións adecuadas para poder desenvolvelo con profesionalidade nin para poder coidarnos. Non se nos garante continuidade nin se considera a nosa experiencia e coñecementos para poder facer melloras nos servizos ofrecidos
  • Non se nos remunera economicamente de forma xusta. Chegan a ofrecérsenos cantidades ínfimas, que non inclúen transporte ao lugar de traballo, nin gastos derivados e imprescindíbeis para o desenvolvemento da nosa actividade. Asúmese que os temos que pagar nós do noso peto.
  • Dánsenos horarios partidos, que nos deixan con horas entre servizos non pagadas e que non poden ser utilizadas para outros traballos ou para o noso tempo persoal.
  • réxime da seguridade social de autónomas é inasumíbel por moitas de nós, o que fai que non poidamos ser parte do sistema de cotización. Isto supón unha discriminación socioeconómica que contribúe á situación de vulnerabilidade laboral e social en que nos encontramos.
  • Atopámonos coa esperpéntica situación de que as administracións públicas para o desenvolvemento de servizos públicos de tamaña importancia, como por exemplo os que se levan a cabo desde os CIM (Centros de Información ás Mulleres), ofrécennos contratos de servizos botando man da coñecidafórmula das “falsas autónomas”, tan empregada no sector privado para eludir as responsabilidades laborais.
  • As institucións públicas, que deberían ser o maior exemplo de garante de boas condicións laborais, están a deixar a nosa contratación en mans de empresas privadas intermediarias. A estas non se lles esixe que remuneren ás traballadoras de forma adecuada. Non son investigadas nin sancionadas. É especialmente preocupante que isto aconteza nos departamentos de Igualdade, Servizos Sociais… que por un lado fan campañas de sensibilización para a igualdade e por outro non só non están a coidar as traballadoras deste sector senón que están a perpetuar a violencia estrutural e económica mediante a imposición de condicións laborais precarias e mesmo ilegais.

QUE QUEREMOS?

  • Queremos un salario xusto, 1.200€ por mes con dúas pagas extra ; isto é o que necesitamos para vivir e cubrir as nosas necesidades. A remuneración por horas ten que tender a esa contía, ten que ser proporcional a un salario xusto mesmo para aqueles contratos de poucas horas. Non imos seguir aceptando os 9€ por hora que marca un convenio miserábel, o de educación non formal, que moitas veces nin sequera se está a cumprir. Un convenio que non ofrece cobertura a todas nós, xa que no sector coexistimos traballadoras asalariadas por conta allea e traballadoras autónomas (e tamén “falsas autónomas”).
  • Precisamos que se poñan no centro a vida e non o diñeiro, garantindo a estabilidade emocional e vital das traballadoras. Os horarios partidos, os contratos temporais e puntuais, particularmente nos servizos sociais, non permiten procesos completos de execución, seguimento e avaliación de proxectos. Esta inestabilidade e descontinuidade laboral incrementan o desamparo e o estrés sociolaboral e afectan á nosa saúde mental e á calidade do traballo que desenvolvemos.
  • Os Concellos deben incorporar nos pregos de condicións uns requisitos de salarios xustos tanto para as contratadas para proxectos estábeis como para as traballadoras independentes que imos realizar un servizo puntual, por exemplo de formación. Para asegurarse de que isto efectivamente se cumpre teñen que pedir as nóminas das traballadoras que están contratadas por empresas privadas para desenvolver programas e proxectos. Esiximos que os Concellos deixen de acatar unha normativa que prioriza os criterios económicos á custa dunhas condicións laborais dignas ou mesmo antes que os criterios técnicos.
  • Denunciamos as políticas e plans de igualdade que non teñen ningún tipo de aplicación ou efectividade real, que só se elaboran para cumprir e quedar ben cara a galería.
  • Traballo coordinado con traballadoras das propias administracións para recoller información e propostas co fin de construír uns servizos de calidade e axeitados ás necesidades das persoas usuarias. E que estas sexan tamén parte do proceso de deseño dos programas e que participen na avaliación dos mesmos. Sobre todo no ámbito dos servizos sociais, cremos que é necesario rachar co asistencialismo e o control, no canto de formacións e accións dirixidas á autonomía persoal.
  • Abonda xa de deseñar proxectos sen ningunha vinculación coas necesidades e demandas da poboación porque finalmente só serven como estratexia de propaganda e teñen unha efectividade e incidencia social limitada.

Seguiremos a promover espazos e estratexias para compartir información,acompañarnos e buscar as ferramentas colectivas axeitadas para responder á precariedade laboral e vital.

Sabemos que a autoorganización é a única forma de reverter unha realidade inxusta. Tamén o é para xerar iniciativas e propostas encamiñadas a poder soster vidas e actuacións profesionais dignas, estábeis, de calidade, coidadas e co recoñecemento social e económico que merecen.

Somos conscientes do valor do noso traballo, tamén do potencial transformador que ten. Empregar esta forza para acadar mellores condicións laborais e vitais para todas as profesionais do sector social, para acadar servizos públicos de atención, apoio, acompañamento e formación axeitados para a poboación é o noso compromiso.

Negámonos a seguir alimentando o illamento, a culpa, a competitividade entre nós ou a responsabilización individual por un problema que é estrutural e que denota a lóxica patriarcal de desvalorización das tarefas de coidados.

 

Quérennos en soidade, terannos en común!

 

Para saber mais sobre Condicións Laborais feministas ir a www.condicionslaboraisfeministas.wordpress.com