de Inés López

Din que a identidade sexual é a máis profunda que temos coma persoas. Pero como se conforma? Nace connosco, ou máis ben é algo que conformamos á medida que nos imos socializando e educando nunha cultura concreta? Por outra banda, son as identidades estáticas ou mudan co paso do tempo e as experiencias? Que ocorrería se nos decatásemos que a nosa conduta, que en principio consideramos como única e plenamente nosa foi en realidade formada a capricho dunha cultura que quería para nós comportamentos específicos? Que pasaría se todo aquilo que tanto nos gusta facer e que tan libremente escollemos non é en verdade un acto tan libre? Por que son eu quen me depilo cando o meu irmán non o fai? Por que a min me gustou xogar con determinadas cousas que o meu irmán ou outra persoa nunca consideraron divertidas? Ou por que cando un compañeiro de clase mostrou gustos parecidos aos meus houbo burlas?

Está claro que a sociedade nos atribúe un xénero determinado (cos seus correspondentes gustos e actitudes) en función da nosa fisioloxía, pero, que pasa coas categorías que denominamos home e muller? Existen realmente ou son máis ben construcións ficticias? Por que é tan importante facer esta distinción e deixala ben claro dende incluso antes do nacemento dun individuo? Sen dúbida, que nos atribúan a categoría de home ou muller vai determinar de xeito fundamental a nosa vida. A pregunta “é neno ou nena?” equivale a “será do grupo dos superiores ou pertencerá ao dos subordinados?” A necesidade que temos de saber se un bebé é neno ou nena indica tamén que as diferenzas anatómicas que temos os individuos na nosa infancia son, polo menos a simple vista, inexistentes. Aínda así, só necesitamos entrar en calquera tenda de roupa ou xoguetes para ver que todo é xa diferente para cada un dos sexos dende o nacemento.

Cabe preguntarse, sen embargo, se cando xorden as diferenzas anatómicas son suficientes para determinar que alguén e home ou muller. Son acaso tan sumamente importantes as diferenzas fisiolóxicas que existan entre os seres humanos coma para construír personalidades “ficticias” ao seu redor?

Probablemente a realidade é que non exista tal cousa como “ser muller” ou “ser home”. Quizás a verdade é que tratar de encaixarnos en calquera outra categoría é totalmente ilusorio e ficticio. Sen embargo, vemos día tras día como o sexo biolóxico determina socialmente como ten que ser a nosa identidade: sexual (se unha persoa é socializada como muller terá que sentirse atraída por homes), social (a muller debe ser tranquila e o home valente e agresivo), estética (cabelo longo ou curto) e incluso política (espazo privado para a muller, espazo público para o home). Son características, calidades e identidades que algunhas persoas abrazamos moitas veces sen cuestionar, ata que, de pronto, quizás a nosa conduta non encaixa co que a sociedade ditou para nós. Outras persoas nunca encaixaron con estes comportamentos  e actitudes que a sociedade lles prescribiu e son censuradas socialmente por iso, dándolles a entender que non estaban a cumprir co que se esperaba delas.

O certo é que probablemente nunca antes viviramos un momento como o actual, no que temos máis liberdade para ser como queiramos ser e para non ser encaixados nun patrón imposto. Sen embargo, a diferenza máis fundamental aínda non se rompeu: o primeiro que queremos saber dunha persoa é se é muller ou varón. Hai moitas formas de ser humano máis alá dos xéneros. Quizás nun futuro non definamos a condutas, gustos ou persoas como femininas ou masculinas, nin empreguemos as categorías home e muller. De seguro que todo o anterior son construcións sociais das que debemos desfacernos pero, cando unha destas construcións domina o mundo, é a medida das cousas e subordina á metade da poboación, pode que sexa un paso ineludible desfacérmonos primeiro da opresión para podermos finalmente exercer a nosa vida como os seres humanos que queiramos ser.

_____________________________________________________________________

ApY81ESCQAAmrHy (1)Son unha moza de Carballo (A Coruña).Estou interesada no feminismo, na literatura e na música. Actualmente escribo un blogue coa miña amiga Marta, chamado Meigas do século XXI, que se pode seguir aquí: https://meigasdoseculoxxi.wordpress.com/.