de Elvira Fente

Para os organismos institucionais que se fan eco das propostas feministas, traducilas en acción político-xurídica significa facer unha análise da situación das mulleres a partir da vida das mulleres, desenvolvendo un discurso inspirado na realidade, cos argumentos necesarios para traballar conxuntamente nos cambios sociais, para evitar situacións de desigualdade. Partimos desas novas teorías sobre os movementos sociais que dan lugar a unha necesidade de reinterpretación da realidade.

Para aquelas persoas non xuristas, que non manexan a terminoloxía do Dereito, resulta moi clarificador comezar pola diferenciación entre os conceptos ‘recoñecemento’ e ‘concesión’ de dereitos.

Na contorna do movemento feminista, enténdese que os homes son suxeitos de pleno dereito. Son persoas ás que se lles recoñecen os seus dereitos. Porén, as mulleres non son recoñecidas como suxeitos, nin tampouco se lles recoñecen os dereitos, senón que se lles conceden dereitos. E do mesmo xeito que se lles conceden, poden ser privadas deles en calquera momento. Dito doutro xeito, as mulleres poden perder os seus dereitos.

O debate, aberto desde hai tempo, sobre a despenalización do aborto é un exemplo moi claro desta diferenza entre recoñecemento e concesión dos dereitos. Era delito na ditadura. En 1985, concedéuselles ás mulleres a posibilidade de abortar en tres supostas circunstancias (supostos terapéutico, criminolóxico, euxenésico). A lei modificouse no ano 2010, permitíndolle á muller abortar se así o decidía durante as primeiras catorce semanas de xestación; e estivo a piques de retirarse o suposto de aborto por malformacións no feto (suposto euxenésico).

En canto á violencia de xénero, tamén se concederon dereitos que antes as mulleres non tiñan. Durante o franquismo, unha muller maltratada podía ser expulsada da súa casa. Se por calquera ruído de madrugada, un veciño chamaba a policía, as forzas da orde botaban literalmente a muller da vivenda. Se a parella tiña fillos ou fillas, ficaban co pai no domicilio conxugal. Só se eran menores de tres anos podían ir coa nai.

Na actualidade, isto xa non sucede. Fíxase a prioridade na protección das vítimas, neste caso as mulleres, con medidas cautelares desde a fase inicial do proceso penal ou en calquera momento do procedemento.

Queda a dúbida de se se trata dunha concesión de dereito á vida, provocada polo escándalo social que supuxo o asasinato de Ana Orantes en 1997 (que espertou a conciencia das institucións), ou se é un recoñecemento do dereito á vida e á protección da integridade física e moral, como di a Constitución Española, porque se supón que España é un Estado democrático e digno e debe protexer a vida das mulleres, das súas cidadás.

Olympe de Gouges redactou, en plena Revolución francesa, a primeira Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá (1791). No artigo X do devandito texto, afirma que a muller, se ten o dereito de subir ao patíbulo, debe ter tamén o dereito de subir á Tribuna. Dito doutro modo, De Gouges sinala que as mulleres, que nunca foron suxeitos de pleno dereito, tiñan, porén, que pagar polos seus actos perante o dereito penal, o único que tradicionalmente recoñecía as mulleres como responsables dos seus actos e debían pagar por eles.

Reivindicacións para unha Lei Integral contra a violencia de xénero

O movemento feminista tentou desarticular todas as formas de lexitimación de violencia contra as mulleres arraigadas na sociedade. A teoría feminista e o movemento de liberación das mulleres ten traballado moito para lograr que socialmente se dea un novo significado para a violencia contra as mulleres e se recoñeza como un asunto social e político.

O imaxinario social pasou de ter unha idea tradicional deste tipo de violencia, ancorada nunha dimensión do considerado normal, en base á natureza biolóxica diferente dos sexos, a facer unha reflexión profunda sobre este tipo de violencia en canto á súa consideración como un problema patolóxico.

Antes de 1983, segundo o Código Penal, a relación de parella entre maltratador e vítima actuaba en España como un feito atenuante, que diminuía a gravidade do maltrato do home cara á muller. Esta era unha forma de consentir a violencia contra as mulleres, entendida como algo lexítimo e habitual nas relacións de parella. Por tanto, a violencia contra as mulleres implica entender que durante séculos a cultura popular lexitimou esta violencia.

As primeiras reivindicacións para a creación dunha lei de protección da muller fronte á violencia conxugal realízanse a través de asociacións feministas e organizacións de mulleres.

En 1993 (Las Palmas), durante o VII Congreso Estatal de Mulleres Avogadas, a Rede de Organizacións Feministas contra a Violencia de Xénero presentou unha ponencia a favor desta Lei Integral. Tamén ese ano (25 de xuño, en Viena) fíxase o concepto ‘violencia de xénero’ na Declaración e Programa de Acción da Conferencia Mundial de Dereitos Humanos e adóptase pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas no mesmo ano. No ano 1995, a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller en Beijing, popularizou o termo e marcou as pautas coas que numerosos grupos de mulleres en España traballaron intensamente para incluír a violencia de xénero na axenda dos medios de comunicación.

Pero os malos tratos ás mulleres no ámbito familiar carecían de interese social e xurídico. Non é ata 1997, cando medios e institucións se fan eco da gravidade das consecuencias da violencia contra as mulleres, que se converte nun asunto de interese político. Ata ese momento, este tipo de violencia era un problema que pertencía ao ámbito do privado.

En decembro de 1997, unha muller andaluza chamada Ana Orantes participa nun programa de televisión, onde relata os malos tratos sufridos por parte do seu home durante corenta anos. Trece días despois, o home mátaa prendéndolle lume como represalia.

A indignación que espertou este asasinato sacou do seu letargo os medios de comunicación, que ata entón fora cómplices co seu silencio e co seu desdén cara ao tratamento da violencia contra as mulleres, e súmanse a unha conciencia colectiva e á repulsión social.

A opinión pública comezou unha vaga de protestas e de mobilizacións para manifestar o seu rexeitamento ante un asasinato tan brutal. Esta conmoción provocou o reclamo dunha reforma lexislativa, que se iniciou coa reforma do Código Penal.

O Parlamento aproba a Lei Orgánica 14/99 do 9 de xuño, que modificaba a Lei de Axuizamento Criminal e o Código Penal co gallo de ter instrumentos máis eficaces de loita contra a violencia cara ás mulleres.

Como novidade desta reforma introdúcese a medida de afastamento do agresor; posteriormente, a reforma lexislativa rematou coa aprobación por unanimidade, en decembro de 2004, da Lei Integral contra a violencia de xénero.

O asasinato de Ana Orantes marcou un antes e un despois na visibilización da violencia contra as mulleres e na implicación institucional á hora de loitar contra ela.

A perspectiva dos poderes públicos muda en sintonía coa normativa internacional e, o que tradicionalmente se tiña considerado como unha cuestión privada ou familiar convértese nun problema social, que precisa da intervención do Estado, por afectar a dereitos constitucionais, como o son a vida ou a integridade física e moral (artigo 15 da Constitución Española).

As organizacións de mulleres sinalaron, despois deste crime, a ineficacia do sistema xudicial e as vítimas comezaron a tomar a palabra nos medios de comunicación de masas. A Lei orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero introducía por primeira vez, tanto características específicas, como as necesidades das mulleres en casos de violencia no ámbito da parella e facía posible a vontade do cumprimento por parte do Estado do artigo 9 da CE., que establece que a dignidade da persoa e os dereitos inviolables que lle son inherentes, son fundamentos da orde pública e da paz social (artigo 10 da Carta Magna), obrigando os poderes públicos a promover as condicións para que a liberdade e a igualdade dos individuos sexan reais e efectivas.

É difícil combater a violencia que se exerce contra as mulleres sen ir ás súas causas e sen vencellar as actuacións coas políticas de igualdade. A Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero determinou unha interpretación dos conceptos, causas e posibles solucións deste delito, ademais de incorporar o factor cultural como causa do fenómeno. O Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero de 2007-2008 expón que a Lei parte da existencia dun modelo de relación entre homes e mulleres que, forxado desde un sistema patriarcal de interacción entre os sexos, debe ser cuestionado para dar paso a outro paradigma de identidade e de relación que se adecúe de forma máis precisa ao noso sistema de convivencia democrática e veña corresponderse coa orde dos dereitos humanos.

Críticas á Lei Integral

O movemento feminista, coas súas reivindicacións, reclamou, e reclama, unha sociedade máis igualitaria e conseguiu un apoio institucional progresivo que deslexitimou a violencia contra as mulleres e logrou que se considerase un problema social. O respaldo das institucións concretouse nunha política reivindicativa para erradicar este tipo de conduta violenta contra as mulleres.

A Lei Integral precisou do apoio dunha contorna favorable de denuncia pública e criminalización da violencia contra as mulleres, que se considerou durante moito tempo como unha conduta propia da esfera privada. Estas políticas centráronse especialmente en medidas preventivas e punitivas.

É evidente que a Lei integral contra a violencia de xénero do ano 2004 supuxo un avance moi importante no terreo da violencia contra a muller, ata o punto de que serviu de punto de referencia para as feministas doutros países europeos como Francia. Porén, non se pode obviar que o número de mortes non só non diminuíu senón que segue a medrar.

En 2012, Amnistía Internacional fai público un dossier cunha enumeración de obstáculos que impiden a execución da xustiza e a protección das mulleres vítimas da violencia de xénero.

Segundo este informe, convídanse as mulleres insistentemente a denunciar os malos tratos, sen ter en conta a autonomía das mulleres para enfrontarse á súa situación.

O texto recomenda claramente que, as institucións non deben xustificar a súa inacción descargando nas vítimas a obriga de denunciar, para acabar coa violencia de xénero, senón que as autoridades deben verificar a efectividade da protección legal disposta e identificar os obstáculos que, na lei na súa aplicación, impiden ás mulleres acceder e obter xustiza e protección.

Entre os aspectos que, na práctica, perden forza e dificultan a aplicación da Lei Integral están:

  • 1. Dificultades das mulleres maltratadas á hora de acceder á información sobre os seus dereitos. A situación complícase cando a muller non entende o idioma.
  • 2. Déficits na dispoñibilidade e calidade de asistencia de avogados defensores, que resultan non ser expertos en violencia de xénero.
  • 3. Falta de dilixencias na investigación xudicial. Sobre todo no caso de violencia que non é física. Dado que o maltrato prodúcese nunha contorna de intimidade, as mulleres deben achegar probas de que están sendo realmente maltratadas.
  • 4. Se unha muller non ten “marcas físicas” increméntanse os obstáculos. Se non hai un parte de lesións, se se trata de violencia verbal ou psicolóxica, incluso sexual as denuncias non adoitan prosperar. Non existen medios que permitan investigar casos de acoso, ameazas ou violencia psicolóxica.
  • 5. A contradenuncia como estratexia de impunidade. Os agresores denuncian as mulleres cun parte de lesións provocadas ao home por parte da muller cando trata de defenderse.
  • 6. Trato irrespectuoso na obtención dos testemuños das vítimas. Segundo o informe de Amnistía Internacional, as mulleres maltratadas deben enfrontarse a prexuízos de xuíces, fiscalía e outros profesionais do ámbito xudicial, que poñen en dúbida a credibilidade dos seus testemuños.

A análise feminista entende o fenómeno da violencia contra as mulleres non como un problema individual, senón como un problema social. O obxectivo é transformar simultaneamente a persoa e a sociedade. A voz feminista vai parella á acción político-xurídica; é dicir, ten a finalidade de reorganizar e equilibrar o poder entre mulleres e homes e o Estado. Esta busca da toma de poder, por e para as mulleres, permite devolverlles o poder para a súa propia vida na sociedade.