de Ana María García Fernández, FEMLEGAL

Poucas situacións na miña vida me revolveron tanto, por dentro e por fóra, como a miña maternidade. Tamén dende o meu militante feminismo. Moitos foron os motivos que cruzaron feminismo e maternidade nesa etapa, algúns dos cales aínda son quen de analizalos agora con fría perspectiva libre de exceso hormonal.

Os primeiros encontronazos coa sociedade viñeron xa dende o inicio, xa que, no meu caso, parecía que tiña todos os elementos para decidirme xa a procrear pero, simplemente, non tomara “A” decisión. Pasaba de 35, tiña parella estable, traballo estable (ja!), unha casa, un coche, un can… Pero simplemente non, non era o momento para min, nin ouvindo todas esas etiquetas de “mamá añosa”, “arroz pasado”, etc. etc. … Primeiro momento no que, dun xeito suave, eu pensaba… o meu corpo, a miña vida, a miña decisión.

Aiiii, mais… iso só foi o principio… Pasado un tempo e tomada libre (todo o libre que se pode tomar…) e conscientemente “A” decisión comezaba un periplo de reivindicacións e vontades expresadas en voz alta ou por escrito que, inocente de min, non chegaba a imaxinar. Certo que a miña formación en Dereito e a miña vinculación aos dereitos das mulleres e o feminismo quizais me mantiñan nunha posición “privilexiada” para esa ollada coas lentes violetas no ámbito da sanidade e a maternidade. E non daba creto

Pois ben, tomada a decisión (e collendo puntería á primeira) o meu corpo comeza a mudar, de xeito paralelo á miña mente (que se “radicaliza” dende o punto de vista do meu “entorno cercano non feminista”). Dende aquel momento eu tiña moi claro que cousas non quería con respecto á miña propiedade máis íntima, con respecto ao meu corpo, aínda que a maioría das que si quería funas deixando pasar, xa chegaría o momento…

Primeira ferramenta útil neste momento: o chamado Plan de Parto, que dadas as circunstancias, máis ben foi tomado como una auténtica conspiración contra a contorna sanitaria, nada máis lonxe da miña intención por certo. Pois ben, que é o plan de parto entendido como ferramenta útil para a apropiación feminista do propio corpo? Un documento CON VALIDEZ LEGAL onde a “doente” expresa a súa vontade (despois dun proceso reflexivo, senón para min non ten senso algún…) e o seu consentimento sobre as prácticas que permite (ou non) en relación ao SEU embarazo e o SEU parto. Ohhh!! Sorpresa!! Podemos decidir!!! Siiiiii!!! As mulleres, en xeral e con honrosas excepcións, podemos tomar una morea de decisións sobre diferentes aspectos nesta etapa como, por exemplo, a voluntariedade das probas médicas, o libre movemento no paritorio, ou o propio paritorio en si. E todo iso debe reflectirse nun documento que, como tal documento legal, ten que entregarse polos cauces axeitados no hospital de referencia ou no que teñamos decidido parir (ahh, que podemos escoller??? MODO IRONIA ON. Pois si, e cun mínimo de información atoparemos centros sanitarios máis ou menos respectuosos cos dereitos e co corpo das mulleres, isto no caso de que decidamos parir nun centro sanitario…).

Volvendo ao documento, a maioría de prácticas incluídas nos protocolos sanitarios NON SON OBRIGATORIAS. Podemos tomar decisións, podemos apropiarnos delas, e, ademais, moitas son feitas dende a autoridade que impón “a santa bata blanca” e o patriarcado dos estudos sanitarios (feitos por homes, pensados por homes, levados a cabo por homes…), e non pensades logo, que unha muller que toma as súas propias decisións neste ámbito terá atopado moi boa cara do outro lado da mesa. Mais, certo é, que todo vai avanzando e hoxe non é o mesmo ca esta película que vos conto que vai facer 5 anos. O patriarcado está altamente instaurado no mundo sanitario, onde o corpo das mulleres non é máis que un obxecto de estudo, unha propiedade do estado sobre a que actuar, e un método máis de sometemento: eu son home, son o que teño o poder, os estudos, o coñecemento, que carallo fas ti muller decidindo sobre algo?? O plan de parto? Outra carallada máis destas feminazis… Por iso, esta ocasión, do noso dereito a decidir sobre o noso corpo, as nosas decisións, a nosa maternidade é un momento excepcional para utilizar o documento Plan de Parto como excepcional ferramenta de empoderamento feminista. Nota: plan de parto como documento reflexivo, que leva un bo tempo elaborar, e non o que habitualmente están a distribuír nos centros de saúde, apenas un formulario onde pór e situar cruces, que, baixo o meu punto de vista, é un xeito camuflado de dicir sobre o que podes decidir ou non. Pois non, PODEMOS DECIDIR TODO. Todo aquilo sobre o que queiramos decidir, claro está, que a liberdade tamén está em deixarse ir… ainda que a tese que defendemos aqui e o documento plan de parto como momento de reflexión, de decisión, de saber que é o que ocorre no noso corpo e poder decidir, con información completa, sobre todas as opcións, e non que outros, en nome da ciencia, decidan por nós. É un exemplo máis de que a vontade das mulleres foi anulada per secula seculorum e estamos agora mesmo nun renacemento da visibilización dos nosos dereitos e de todo o proceso que conleva un plan de parto feito como ferramenta de apropiación e consciencia.

VISITA FEMLEGAL

_____________________________________________________________________

Fotoram.ioAna María García Fernández, licenciada en dereito e Master en Igualdade. Responsable de FEMLEGAL, consultoría/asesoría legal e entidade formativa especializada en Igualdade de Xénero e dereitos das mulleres.