O valse de Camille

de Elvira Fente

Ebria de vértigo, atrápote entre as miñas extremidades

caio nun bucle de réplicas do sismo neste templo herexe.

A túa boca no interior da miña, como dúas froitas esmagadas,

desencadea un alude de electrizantes espasmos

que se expanden desde o epicentro de guata encarnada.

Beizos que son aixadas, que cavan e abren sucos

para liberar regos de pracer ata alén das miñas lindes.

Elevación.

Ruxido invisible do sangue que rompe o silencio.

Sinto fundir o corpo na libación,

sinto dilatarse ata os riles e licuadas as carnes

baixo unha subversión aguda e húmida.

Prémiasme cunha dozura sublime,

aínda sumerxido en min coa túa lingua muda

para renderlle culto

ao foxo das miñas raíces.