por María Lucía Alonso Robleda

A naturalización e romantización do traballo doméstico e de coidados sobre as mulleres como un “traballo por amor” comporta unha serie de custos sobre os corpos e as mentes que, para o caso das mulleres rurais, vense recruados con motivo da dobre xornada laboral e as características socioeconómicas e mecánicas do traballo agrario. 

WhatsApp Image 2020-01-24 at 17.53.43

De cara ao vindeiro 8M, as asambleas feministas galegas están a facer un chamamento á mobilización social destacando o eido dos coidados como eixo central de reivindicación. Esta estratexia supón poñer sobre a mesa cuestións como o traballo reprodutivo e produtivo, a división sexual do traballo, as relacións de poder e os roles de xénero. Ao mirar cara ás mulleres rurais galegas dende estas realidades, suxeitas á dobre xornada laboral (aquela que comprende o traballo doméstico e de coidados mais o traballo agrario) coa que se ven obrigadas a cumprir, debúxase un panorama no que o coidado, valéndose da súa potencial transversalidade para estar presente tanto no espazo doméstico coma no espazo agrario, constitúese como unha fábrica de malestares e de custos físicos e emocionais que devastan os corpos e a saúde mental das mulleres. O que imos ler a continuación forma parte dos resultados obtidos a partir dunha etnografía recentemente realizada nun conxunto de aldeas do concello de Carballeda de Valdeorras. Partindo dende as coordenadas epistemolóxicas propostas pola antropoloxía do xénero e a antropoloxía feminista, e contando coas perspectivas da socioloxía e a fenomenoloxía sobre a cuestión xeracional e os corpos —respectivamente—, o obxecto de estudo centrouse na articulación identitaria e discursiva proxectada por parte dun grupo de mulleres rurais dende as súas identidades de muller, de labrega e de xeración social. Sendo a pregunta de investigación “que involucra ser muller dende as vivencias e os corpos destas mulleres’ nos termos que suxeriu de Beauvoir (1949), prestouse atención ao diálogo destas identidades coas variables xénero, traballo e mobilidade que artellan a cotiandade destas mulleres. Os relatos destas mulleres falan precisamente de como os coidados aos que a chamada feminista deste ano apela, pero tamén o traballo doméstico e o traballo agrario, constrúen e determinan as vidas das mulleres rurais galegas. 

314090_336415216441513_1511123738_n

Nos límites que nos que o sistema patriarcal mistifica e referenda o traballo doméstico e de coidados este é, antes de nada, un “traballo por amor”. Artellado sobre as bases do pacto sexual-social (Pateman, 2009), a súa naturalización e a romantización como un “acto de amor” expón ás mulleres á que é “a manipulación máis perversa e a violencia máis sutil que o capitalismo perpetrou nunca contra calquera segmento da clase obreira” (Federici, 2013: 36). De feito, é moi oportuno falar aquí de perversidade e de violencia cando a lóxica do “coidado da vida” (Pérez-Orozco, 2006: 166), apoiada sobre unha base de tipo afectivo-comunicativa e corporal-sexual na que a xestión e o mantemento son depositados por completo sobre un suxeito produtivo determinado, é un opresivo réxime emocional no que se somete ás mulleres corporal, simbólico e sexo-afectivamente (Esteban, 2011: 50). Un sistema de explotación do que dimana un maiúsculo impacto na súa calidade de vida, na saúde, no traballo extradoméstico, na economía, no uso do tempo e nas relacións familiares e sociais; o cal, á mesma vez, se traduce nunha serie de custos e desgastes físicos e emocionais que comportan un prezo moi alto para os corpos e as mentes das mulleres. A carón desta dinámica é dende onde nos falan as voces das mulleres rurais; e fano a través do que se coñece como narrativas de malestar (González Fernández, 1996).

Na medida en que as mulleres rurais foron e continúan sendo “a base do mantemento, conservación e desenvolvemento das áreas rurais en termos económicos, sociais e culturais” (López- Arranz, 2015: 94-95), e que a súa actividade se desenvolve nun escenario de dobre xornada laboral, de sobrecarga de traballo, de falta de oportunidades de desenvolvemento e promoción persoal, onde os roles de xénero restrinxen e reducen excesivamente a actividade da muller ás necesidades da estrutura familiar tradicional, constitúese con relativa facilidade un clima hostil e opresivo que erosiona paulatinamente a saúde da mulleres labregas até converterse nun elemento da súa cotiandade e rematar conformando parte da súa identidade. Esta situación, que non é senón unha máis entre as formas de violencia que o sistema patriarcal exerce sobre os corpos femininos, maniféstase través dos corpos. Os corpos, como xacementos da interacción social e territorios de encontro das formas de construción da subxectividade, espazos simbólicos do eu e coordenadas da existencia e ademais, instrumento de traballo, son a entidade primaria onde os coidados, o traballo doméstico e o traballo agrario deixan a pegada indeleble da violencia capitalista e patriarcal. A este respecto, gustaríame deixar claro que partimos da base de que a arremetida destes malestares sobre o corpo non é gradual, no sentido de que non existen danos “físicos” sen levar consigo unha carga emocional. Para comprender dunha forma máis dixerible a complexidade desta cuestión, farase uso dunha perspectiva metafísica que nos dá a oportunidade de mirar dende dous ángulos: o que ten que ver coa corporalidade, que implica ao corpo no seu sentido máis somático; e o que irrompe na dimensión emocional e afectivo-comunicativa.

“…o coidado, valéndose da súa potencial transversalidade para estar presente tanto no espazo doméstico coma no espazo agrario, constitúese como unha fábrica de malestares e de custos físicos e emocionais que devastan os corpos e a saúde mental das mulleres.”

No primeiro caso, o traballo do campo é unha das principais fábricas de produción de malestares físicos. Trátase dun tipo de actividade en extremo traballosa e até certo punto monótona (xa que se fan exercicios que requiren repetición e constancia); o que en todo caso recrúe a tarefa. En todo momento as mulleres aluden a esta cuestión de forma categórica, reiteran en todo momento —e en todas as entrevistas— o dura que é esta actividade. Testemuños máis fáciles de comprender se temos en conta que as condicións na que este traballo é levado a cabo son de longas xornadas de traballo que demandan un investimento de forza física e mental grande e constante, estando a maioría das veces de pé cando non agachadas —e en tensión—. O que, por engadido, faise máis custoso cando o tempo corre en contra da idade e da saúde: “sobre todo nestas idades… Agora xa se fai mui custoso, porque non hai a mesma forza” (Asunción). Xornadas, ademais, que permanecen suxeitas aos ritmos naturais da terra e por tanto non permiten establecer unha rutina laboral estable e facilmente xestionable. Un escenario que non mellora se temos en conta que, polas características xeográficas desta rexión e a graduada estacionalidade dos cultivos, é unha cotiandade exposta a unha climatoloxía a miúdo adversa (López- Arranz, 2015: 102-103): “teis que madrugar cando é non vrao, pra facer as labores do campo, porque se non despois pola calor non podes a certas horas; e teis que regar, teis que recoller” (Helena), “ teis que estar cas maos na terra, muito non sucio, ó sol, á auga, ó aire… ó que caia!” (Mercedes). Do mesmo xeito, non hai que esquecer que, no traballo agrario, a miúdo é preciso empregar produtos químicos e outras substancias nocivas para a saúde; e que o contacto e a exposición continuada a estas é un risco para o benestar da traballadora (López- Arranz, 2015: 101). Ademais de que “este sector ten altos índices de siniestrabilidad rexistrados oficialmente, e ademais existe un subrexistro de accidentes de diferente gravidade non contabilizados” (López- Arranz, 2015: 103). Pero, por encima de todo, é un traballo que nunca se ve recompensado, nin social nin economicamente: “o traballo do campo é o peor, ou menos validado e ou que menos che recompensan en todo. […] Nunca foi pago, nin agradecido!” (Mercedes). Todo isto déixanos con radiografías narrativas que falan de “dores de costas principalmente; artrite, lumbalxias” (Ángeles), danos nos “ósos, as cervicais, os brazos” (Asunción), e unha longa lista de trastornos de tipo musculoesquelético, enfermidades psicosomáticas e sobreenvellecemento (López- Arranz, 2015: 101-103) que dificultan a tolerancia da cotiandade e ensombrecen o camiño cara á vellez.

10553890_800231726697465_7000537014418309091_o

Así e todo, a expresión que compendia e que evidencia a dimensión da violencia que estas condicións e tipo de traballo proxectan sobre o corpo das mulleres é a que verbalizan, literalmente, como escravitude: “É un traballo (mui) esclavo” (todas). Evidentemente, esta expresión non remata de completar o seu sentido sen pór sobre a mesa os custos afectivo-emocionais que comporta o traballo agrario. Con todo, é un feito sumamente revelador que esta reflexión estea presente en todas e cada unha das entrevistas. Do mesmo xeito que reflicte unha forma de sistematización do rol que representan e desempeñan, do peso da estrutura patriarcal-capitalista que invisibiliza o seu traballo e invisibilízaas dentro da cadea produtiva, e do propio desastre físico que se deriva desta actividade laboral, a través dunha retórica de reflexiva consciencia, de clara denuncia e de fondo agravio. Trátase dunha forma de reflexionar ao redor da escravitude moi próxima á que, baixo o termo “escravitude civil”, Pateman (2009: 221) expón para o status da muller no matrimonio e no traballo. Nunha liña similar, Pérez-Orozco (2006: 128) reflexiona —á luz de estudos relacionados coa economía de coidados e o traballo emocional— que “exclusividade e gratuidade están intimamente ligadas, para dar lugar a unha relación de servidume”. Desta maneira, as mulleres do estudo están a falar do seu corpo como suxeito político e terra de explotación.

859747_735600886451513_1399469862_o

A outra parte do desgaste físico é aquel que se orixina do traballo doméstico e de coidados. Esta foi unha cuestión fortemente invisibilizada pola historia económica e o pacto de silencio patriarcal. Con todo, está aí, e así o veñen reivindicado cada vez con maior frecuencia os estudos con perspectiva de xénero e feministas. Tal como veñen observando, o traballo que se desenvolve no ámbito do fogar e que vai fundamentalmente dirixido ao mantemento e xestión diarios da vida da rede social inmediata (fundamentalmente familiares) comporta unha serie de custos de tipo bio-psico-sociais (Murguialday Martínez e Bosque Pérez, 1994: 5). Se seguimos atendendo á parte máis somática do termo, estes custos poden ser contemplados a través do que se coñecen como “Factores de Risco” ou “cargas”. Dende aquí, pódense distinguir: “cargas físicas: ligadas a determinadas condicións de humidade, temperatura, ventilación, ruído, vibracións, iluminación, esforzo físico, sobrecarga postural… no espazo de traballo; cargas químicas: relacionadas coa presenza de fibras, pos, fumes, gases, líquidos contaminantes, vapores, radiacións…; [e] cargas mecánicas: como aquelas condicións inseguras que interveñen na dinámica dos accidentes (caídas, electrocución, queimaduras), así como deficientes medidas de seguridade” (Murguialday Martínez e Bosque Pérez, 1994: 13-14). Pero tamén desde o sobreesforzo físico que é preciso desenvolver para poder efectuar a dobre xornada laboral; e das manifestacións de esgotamento físico nos discursos das entrevistadas, que cando non din directamente que “fais de casa e xa salgues cansada ó campo” (María), fan referencia ao que desde a nosa perspectiva etic chamamos densificación do traballo (Durán Heras, 2018). Así o transmite Isabel:

“É unha merda de traballo. […] Non teis horas. Teis muto que facer, porque si empezas aquí, vas alí e vas acá… E cando acabas no final, volves empezar no principio”

Respecto ao plano afectivo-relacional, as narracións de malestares deslíganse un chisco da visión esquemática exposta ata o de agora; superándoa e evidenciando como os custos emocionais entre o traballo doméstico, os coidados e o traballo agrario interrelaciónanse e interaccionan co corpo a través do que poderiamos referirnos como feitos sociais concretos. Estamos a falar, en primeiro lugar, do coidado. O coidado é unha das principais fontes de produción de malestares emocionais; circunstancia coherente se temos en conta que neste invístese unha considerable dose diaria de enerxía e esforzo intelectual para garantir o mantemento do benestar económico, social e emocional do núcleo familiar. O pensamento amoroso (Esteban, 2011) descarga sobre as mulleres a responsabilidade de alimentar un escenario no que continuar un determinado modelo de familia e convivencia. Neste senso, cabe ter moi presente que cando falamos de responsabilidade, estamos a facer referencia a unha tesitura na que un suxeito é “obrigado a responder de algo ou por alguén” (Durán Heras, 2018: 136). Por riba, partindo da base de que esta responsabilidade é diaria e intransferible, cabe reflexionar sobre o desmesurado e cruel peso que supón saberse ao fronte dun fogar (con todos os efectivos que o conforman); xunto co verse no compromiso permanente de manterse nese “posto”, xa que se entende que a súa presenza é imprescindible e por tanto delas depende a familia. E é que “o traballo de coidados é, en moitos casos, un traballo de dispoñibilidade máis que de intervención activa” (Durán Heras, 2018: 384). E nesta transacción de forza de traballo cobran transcendental relevancia o “traballo emocional” (Morini, 2014: 179) e a satisfacción da necesidade de afecto, de recoñecemento e de autonomía (Durán Heras, 2018: 345). Neste contexto, aparecen custos motivados pola intensidade ou grao de atención investida, a dificultade sobre a xestión da vida relacional de e entre os individuos que compoñen o núcleo familiar, e o estado de preocupación e tensión emocional que suxire a busca e construción dun porvir favorable para a familia.

WhatsApp Image 2020-01-24 at 17.54.00

“…cabe reflexionar sobre o desmesurado e cruel peso que supón saberse ao fronte dun fogar (con todos os efectivos que o conforman); xunto co verse no compromiso permanente de manterse nese “posto”, xa que se entende que a súa presenza é imprescindible e por tanto delas depende a familia.”

Con todo, o exemplo que mellor exemplifica a cuestión anteriormente descrita é aquel que ten un aspecto máis socialmente perceptible. Trátase do coidado asociado á atención sociosanitaria cara a colectivos en situación de dependencia, como son persoas da terceira idade, enfermxs crónicxs e persoas con diversidades funcionais de tipo físico, psíquico ou sensorial. Segundo puidemos ver a partir dos testemuños recolleitos, as mulleres rurais coidaron de persoas de avanzada idade, a miúdo doentes dalgún tipo de enfermidade e sempre tratándose de familiares fillxs, pais, sogrxs, parellas, netxs). Estamos a falar de coidados desenvolvidos durante anos e ás veces cara máis dunha persoa; o que nos fala dunha situación de densificación de traballo sobre un mesmo suxeito. Todo iso xera situacións de tensión, illamento, sensación de catividade, desazón, tensión; de verse soa diante dunha situación que empeora ante a máis que posible situación na que a persoa para coidar non facilite/poida facilitar o seu coidado. Exemplo diso é o caso da nai de María, a cal tivo que facerse cargo do coidado da súa nai de forma íntegra:

“Había que deitala, e cuando estaba o neno axudábame; pero cuantas veces a levantei e a deitei eu sola! E cun corpo morto, que no te axuda nada, nada, nada… Ao contrario, que se che poin rígidos! É mui duro. Naide o sabe máis que o que o pasa”.

As voces destas mulleres achegan unha idea moi formada sobre os custos xa non só físicos (que son evidentes, pois se ven sometidas a cargar pesos e a facer esforzos diarios e continuos), senón tamén emocionais. Nesta liña, é imperativo destacar o “sometemento a situacións de emerxencia” (Murguialday Martínez e Bosque Pérez, 1994: 14) que se deveñen da inestabilidade e a ameaza que produce a enfermidade e/ou a ausencia de saúde, traducíndose nunha constante de preocupación e sufrimento sobre a coidadora que remata por trascender sobre a súa propia saúde mental: “Eu sempre tiña medo de chegar e pillala morta. Sempre pensaba neso. Porque sería mui duro chegar de fóra e coller así a unha persoa morta” (María). Por outra banda, este tipo de situacións explican que “a miúdo se establecen unhas relacións fortemente ambivalentes —entre o amor e a obriga, a satisfacción e o abafo— que, a miúdo, fan sumamente difícil e dolorosa a relación” (Pérez-Orozco, 2006: 227). Dende esta lóxica enténdese como xorden relatos cargados de sentimentos negativos e escenarios de aflición e malestar como os que acabamos de ver. Pero tamén poden entrar en xogo, ás veces en conflito coa capacidade de elección do coidado e o sentimento de satisfacción, moi na liña do que expón Izquierdo (2003: 6).

photo_2020-01-23_23-10-42

Con todo, existen outras actividades externas ao coidado (ou, polo menos, non causantes directas de malestar) máis relacionadas co traballo doméstico e de coidados e sobre os que tamén se percibe unha nada desprezable sobrecarga. Dous ámbitos de traballo que requiren investimento de forza de traballo, tempo, capacidade intelectual, etc. Neste senso, xestionar a densidade de traballo e a superposición de ambas actividades é un exercicio de planificación e coordinación diario do que xorden relatos de ansiedade, abafo, tensión, tristeza, decaemento, irritabilidade, esgotamento, insatisfacción e perda de ilusión pola vida:
“Ás veces é muito estrés psicológico. Hai agobio porque dices “ai Dios, éme a auga, vai chover e a herba tirada… E mutas veces xa non é o tema do traballo senon o agobio. […] Estás mui nerviosa, irritable, non teis humor e saltas á primeira. Mui irritable cuando estás mui agobiada que nin tu misma te aguantas. Nun puesto de traballo hasta o día siguiente non volves, pero o traballo do campo non. Non hai descanso, ou pouco” (Ángeles)

“Eu póñome mui nerviosa. Veiste máis torpe, non teis a misma cousa. […] Cos nervios sintes que estás agobiada, que non sabes por donde vas salir. Que non tes salida para ningún lado” (Asunción)

“Síntome máis nerviosa, máis agitada. Porque veis que non podes; que queres facer e non podes. E sínteste agobiada. […] Mutas veces estás hasta aburrida. Porque chegas, ves de fóra, ves cansada… e, qué ganas tes de facer o de casa? […] Hai veces que te agobias, pero teis que facelo, porque naide cho fai” (María)

Para as mulleres rurais deste estudo, trátase dunha situación agravada pola falta de redes de socialización e de apoio emocional e psicolóxico dende o ámbito institucional e social. Unha carencia fronte unha necesidade básica que, ao non suplirse, condena a estas mulleres á tesitura dunha nova acumulación, esta vez de malestares: “non o conta, víveo pra ela” (Ángeles). 

Todo isto déixanos cun contexto onde o malestar físico e emocional da muller labrega é unha cuestión biográfica. Cunha traxectoria de custos físicos e emocionais que, coma as cicatrices, quedan gravadas en corporalidades desgastadas. Con corpos de consumo esgotados e papeleiras emocionais colectivas. Con que “se vives aquí, teis que ser unha escrava” (María). Con que o que se segue chamando amor, é traballo. E ese traballo, custa.

Notas:

1. Tomo prestada esta expresión do libro (2013) Revolución en punto cero. Traballo doméstico, reprodución e loitas feministas, Madrid, Traficantes de Soños, p. 36, da autora e activista feminista Silvia Federici.

_____________________________________________________

BIBLIOGRAFIA

De Beauvoir, S. (1949 / 2019). El segundo sexo. Madrid: Ediciones Cátedra.

Durán Heras, M. A. (2018). La riqueza invisible del cuidado. Valencia: Universitat de València.

Esteban, M. L. (2011). Crítica del pensamiento amoroso. Barcelona: Edicions Bellaterra.

Federici, S. (2013). Revolución en punto cero. Trabajo doméstico, reproducción y luchas feministas. Madrid: Traficantes de sueños.

García-Calvente, M. del M., Mateo-Rodríguez, I. y Maroto-Navarro, G. (2004). “El impacto de cuidar en la salud y la calidad de vida de las mujeres”, Gaceta sanitaria: Órgano oficial de la Sociedad Española de Salud Pública y Administración Sanitaria, 18 (NºE. 2), 83-92.

González Vázquez, M. (2003). A Situación das mulleres no ámbito rural galego. Santiago de Compostela: Servizo Galego de Igualdade.

Izquierdo, M. J. (2003). “Del sexismo y la mercantilización del cuidado a su socialización: Hacia una política democrática del cuidado”, SARE 2003. Cuidar Cuesta: costes y beneficios del cuidado. Vitoria-Gasteiz: Emakunde.

López-Arranz, A. (2015). “Algunas consideraciones sobre las trabajadoras del rural gallego”, en Novo-Corti, I. y López-Arranz, A. (Eds.), Ruralidade e pobreza na euro-rexión Galicia-Norte de Portugal: efectos da crise. 89-111. A Coruña: Economic Development and Social Sustainability. EDaSS.

Morini, C. (2014). Por amor o a la fuerza. Feminización del trabajo y biopolítica del cuerpo. Madrid: Traficantes de Sueños.

Murguialday Martínez, B. y Bosque Pérez, A. (1994). Riesgos de salud en el trabajo de ama de casa. Vitoria-Gasteiz: Emakunde.

Pateman, C. (1995). El contrato sexual. Barcelona: Editorial Anthropos.

Pérez-Orozco, A. (2006). Perspectivas feministas en torno a la economía: el caso de los cuidados. Madrid: Consejo Económico y Social.

______________________________________________________

FotoAnarquista e feminista, arqueóloga e antropóloga, veño facer ruído dende o xénero e o rural. 

marialuciaalonsorobleda@gmail.com