de Enya Antelo.

Aborrezo dicir que o feminismo está de moda. Moda é un termo que lle queda curto, que banaliza o movemento reducíndoo ao máis puro simplismo. Pero quizais non é absurdo afirmalo ante unha industria da vestimenta que imprime o termo en cada pedazo de tea que queda baleiro. Quizais non é absurdo entender que esa industria botou man nos últimos tempos dun concepto que non comprende, pero que emprega indiscriminadamente. Quizais non é absurdo supoñer  que ao feminismo se lle está a dar unha nova utilidade con ánimo de lucro. Igual que se utiliza e utilizou á española.

Ollo co título do artigo, que non pretendo co termo “española” xeneralizar a condición nacional de tódalas mulleres que habitaron e habitan no  territorio do Estado español, aínda que a primeira impresión poida ser precisamente esa. Non me vou mergullar nun debate que non procede aquí e agora, arredor  de cuestións como o concepto e idea de España, a diversidade nacional, e a identidade dos seus habitantes. O que si quero é aclarar que o termo “española” é empregado de xeito consciente, cun cariz pragmático e simbólico. Pragmático, porque cando falo da española refírome ao conxunto de mulleres que se viron afectadas e utilizadas polas políticas postas en marcha por un goberno centralista. Simbólico, porque con el quero transmitir esa idea de utilidade da muller, coma se, en efecto, de propiedade do Estado se tratase.

Así, coma un obxecto maleable ao que dar forma en función destas ou aqueloutras necesidades se empregou á muller. Un uso que vai alén do espazo e do tempo que aquí presento. Mais quixen, desta volta, facer un percorrido rápido, encadrado nun espazo máis pequeno, co fin de facilitar a comprensión dunha realidade moito máis ampla e complexa.

Comezamos, pois, esta andaina fugaz nos albores do pasado século. Van xa alá máis de cen anos dende que o Movemento Feminista deu na Península os seus primeiros pasos. Facíao con saia longa, zapato de tacón e aire burgués (falando en termos xerais, e deixando a un lado ese feminismo proletario de menor influencia). Primo de Rivera, moi esperto el, e farto dunha actitude paternalista, dálle á muller a man e introdúcea na política municipal (e en menos casos, tamén provincial). Un adiantado ao seu tempo. A muller, durante a ditadura de Primo, tiña cabida na política! Pero ollo, que eran mulleres católicas, apostólicas e romanas, que dalgún xeito prolongaban os seus labores tradicionais no ámbito público (ensino, beneficencia, saúde, etc). Eran as mulleres do chamado “feminismo católico” ou “aceptable”, tal como tiña acuñado o xesuíta Alarcón y Melendez [1] . A efectos prácticos, isto traducíase nunha reticencia baixa á súa participación na política, e nunha imaxe máis ca beneficiosa para o réxime.

A II República, pola súa parte, costuma presentársenos como unha primavera. Un caldo de cultivo de liberdade e igualdade que dá á muller novas oportunidades. Non hai ausencia de verdade nisto, pero falemos con tino, porque a mentalidade social continuaba a ser profundamente machista, e o uso da española faise máis ca evidente na guerra. Esa muller miliciana que en tantos carteis foi impresa, presentada como un individuo libre e independente que comparte heroicidade co home no campo de batalla, non deixou de ser unha ícona empregado polo goberno central. Unha imaxe de propaganda e captación. Un símbolo da igualdade que quería representar á República. Pero, na práctica, a muller na fronte cargou máis das veces ca tixola ca co fusil, realizando tarefas complementarias encadradas nos roles de xénero preestablecidos. E moi cedo (xa no outono do 36), cando o exército republicano se reorganiza para unha guerra de longa duración, Largo Caballero dita a frase “Hombres al frente, mujeres a la retaguardia”.

2

 

3A ditadura de Franco, pese a relegala ao ámbito doméstico e empregala como obxecto reprodutivo e educativo nos primeiros anos (para dar e crear novos cidadáns á imaxe e semellanza do réxime), amplía a súa utilidade na medida en que muda o contexto económico. Non é difícil aprezar como co abandono da autarquía e o establecemento de pactos cos EUA (á altura dos anos 60), a española pasa a ser tamén un obxecto de consumo e un suxeito produtivo.  Agora que se precisa de máis man de obra non hai dúbida en ampliar o espazo de actuación feminino alén das fronteiras do lar. Agora que nos abrimos ao mundo, subamos ao carro dese capitalismo que fai do corpo feminino un obxecto de consumo. E non esquezamos, que todo isto, construía e proxectaba na grande pantalla internacional unha estudada imaxe dese país que se atopaba en tempos de mudanza.

Quen podía discutir a apertura e a crecente democratización dunha España que exhibía con orgullo o corpo espido da antes inocente Marisol[2]? O destape, o bikini, o traballo remunerado, a Constitución, a educación e xustiza en igualdade, o aborto, as cotas de xénero, a saída da clandestinidade do Movemento Feminista…

A Transición encheu a boca de igualdade pra devolvernos mentiras.

Mentiras tapadas detrás dun destape que cousificaba.

Mentiras detrás dun traballo tan só aceptado a tempo parcial, porque a muller debía adicar a outra media xornada á familia. Vontade que se manifesta nos propios debates parlamentarios, dende bocas coma a de Pérez Miyares (deputado de UCD), quen afirmaba que esa modalidade de traballo “facilita puestos (…) a personas que no pueden trabajar a jornada completa, tales como mujeres casadas que, sin abandonar de una forma considerable sus obligaciones familiares, consiguen unos ingresos complementarios a los del marido”.

Foron maioritarias as intervencións deste corte no hemiciclo, no que apenas ten representación nin representatividade a muller, igual que na elaboración da Constitución.

Constitución creada por sete pais, e unha soa nai (Mª Teresa Revilla – UCD), que declaran a igualdade entre os sexos (artigo 14), ao mesmo tempo que manteñen a lei sálica (artigo 57.1).

Educación que conservaba o corpus de profesorado franquista, igual que se mantiña o corpus xudicial.

Aborto tardío, restritivo e ineficaz. Condenado mesmo despois da súa legalización polos mesmos xuíces que pasaban por alto o acoso ou a violación:

“Un empresario de Llérida fue multado por abusos deshonestos a una trabajadora. El juez (…) dijo para explicar una pena tan leve que “la víctima, al parecer ataviada con una prenda corta, pudo provocar, si acaso inocentemente, al empresario” (…) “la Audiencia Provincial de Pontevedra, absolvió a dos acusados de violación, argumentando que la víctima “llevaba una vida licenciosa y desordenada, como revela que careciese de domicilio fijo y se encontrase sola en una discoteca a altas horas de la madrugada” (Testemuños de Cristina Alberdi, avogada e integrante do Colectivo Feminista de Mulleres Xuristas)[3].

Outros testemuños de mulleres militantes (xa nos anos de goberno de Suárez), evidencian unhas cotas de xénero establecidas “ao peso”, que alimentaban con forza ese teito de vidro acerrimamente sólido [4].

E como pano de fondo, un Movemento Feminista acosado polas forzas policiais [5], escurecido e baleirado de conteúdo polos medios de comunicación: o ABC, xornal máis consumido do momento, falaba á altura de 1978 de “feminismo digno”, mentres criticaba aqueloutro que masculinizaba e ridiculizaba a muller [6].

1  Ese “feminismo digno” coincide, a nivel estrutural, co “feminismo aceptable” de principios de século. Ese “feminismo digno”, coincide hoxe co “feminismo necesario” mencionado hai cousa dun ano neste mesmo xornal, en referencia a unha serie de televisión en que a cousificación feminina está tan presente coma a excesiva luminosidade [7].

Hoxe semella que o feminismo digno, aceptable e necesario é o triunfal. O que defende institucións historicamente patriarcais en nome dunha liberdade que non nos fai xustiza. O resto, é o feminismo radical, cuxo último vocábulo foi intelixentemente dotado de características – equivocamente – negativas. O resto, é catalogado con agravo como “feminazismo”. O resto, hoxe é hembrismo.
          

A española non só foi utilizada a nivel individual como forza de traballo, ícona propagandístico ou obxecto de consumo. Tamén lle roubaron o seu movemento pola liberación e a emancipación, deturpando o seu fondo e contido, para crear un novo que non puxese en causa a supremacía do varón.

Utilizáronnos. Deixáronnos saír da casa, espirnos publicamente ou mesmo tomarmos ás veces o fusil. Sempre en prol de intereses maiores. E agora semella que debemos dar as grazas, porque a iso lle chamaron feminismo.

   [1]             Alarcón y Meléndez, J. “Un feminismo aceptable”. Madrid: 1908.

   [2]             Refírome a Pepa Flores, protagonista do cine musical infantil do franquismo.
  [3]             Alberdi, C. “El poder es cosa de hombres”. Madrid: 2001. pp. 62 – 63

   [4]             Barrio, E. “Historia de las transgresoras. La transición de las mujeres”. Barcelona: 1996. pp. 155 – 156

    [5]           Escario, P; Alberdi, I; López, A.I. “Lo personal es político. El movimiento feminista en la transición”. Madrid: 1988. pp. 64 – 65, 124.

    [6]            Calleja, J.L. “Manifestación Feminista”, ABC. 17 de Maio de 1978. Ver en http://hemeroteca.abc.es/nav/Navigate.exe/hemeroteca/madrid/abc/1978/05/17/003.html. “Por un feminismo digno”, ABC. 08 de Decembro de 1976. Ver en http://hemeroteca.abc.es/nav/Navigate.exe/hemeroteca/sevilla/abc.sevilla/1976/12/08/032.html
  [7]             Zamora, I. “<<G.L.O.W.>>: Feminismo necesario”. ABC, 23 de Xuño de 2016.  Ver en http://www.abc.es/play/series/noticias/abci-netflix-glow-feminismo-necesario-201706230158_noticia.html

____________________________________________________________________________

Sin títuloEnya Antelo

Enya Antelo Alvite, nada na Serra de Outes (A Coruña, Galiza) o 7 de decembro de 1992. Actualmente residindo en Santiago de Compostela.

Graduada en Historia pola USC.

Especializándome en Historia de Xénero dende o remate da carreira, motivada pola tentativa de dar voz a un colectivo silenciado polo panorama androcéntrico que domina na historiografía. Comecei polo meu traballo de fin de Grao, adicado á muller na Guerra Civil e a posguerra. Durante o máster (Máster en Historia Contemporánea pola USC) realicei outros traballos arredor da muller e a Historia, tales como a representación do ideal feminino a través da gran pantalla durante o Franquismo, ou o feminismo na performance durante a Transición. Actualmente estou a facer a tese doutoral entorno a unha temática semellante á que se reflexa no artigo: Os usos políticos da muller e do Movemento Feminista durante a Transición á democracia no Estado Español.

Son tamén co – fundadora, secretaria e conferenciante da Asociación Entre Clío e Euterpe: Arte e Poder, a cal pretende reunir a novos investigadores de moi diversas ramas entorno a un mesmo tema; o poder a través do arte.

Imagem de destaque:  “Cuadernos para el Diálogo”, Nº 211, Maio de 1977.