por Paloma F. Balado

Beatriz Ranea Triviño, Doutora en socioloxía e en antropoloxía, adicou anos da súa vida a pescudar e escribir acerca de temas transversais do feminismo. Entre os seus libros atopamos o recente “Breve diccionario de feminismo”, publicado neste mesmo ano e do que é coautora ou “Feminismos: antología de textos feministas para uso de las generaciones más jóvenes y de las que no lo son tanto”, publicado no 2019. Porén, un dos seus traballos máis impactantes é a súa tese doutoral que lle valeu, ademais, o premio extraordinario de doutorado: “Masculinidad hegemónica y prostitución femenina: (re) construcciones del orden de género en los espacios de prostitución en el estado español.”

IMG_20180701_151511 (1)

Beatriz Ranea Triviño

Falamos con Beatriz para aprender máis sobre o seu traballo e a súa perspectiva na loita feminista.

Paloma F. Balado: A túa tese doutoral levoute a estudar a figura do consumidor de prostitución durante 6 anos. Cóntanos un pouco acerca do teu traballo e por que decidiches poñer o foco na figura do putero.

Beatriz Ranea Treviño: En primeiro lugar, quérovos agradecer o traballo que facedes e que me désedes a oportunidade de formar parte deste número da revista. 

En canto á miña tese, decidín investigar sobre os puteros porque cando comecei a estudar a prostitución unha das principais cuestións que me chamou a atención é a invisibilidade dos homes que consomen prostitución. No imaxinario colectivo, asóciase a institución da prostitución unicamente coa figura da prostituta, como se esta fose a única protagonista do armazón prostitucional. Este imaxinario reprodúcese tamén nos estudos académicos nos que apenas se centra o interés na figura do consumidor. Por iso, propúxenme contribuír a reverter a invisibilidade dos puteros.

P: Que perfil dirías que teñen os puteros e por que esa imaxe estereotipada que temos deles axuda a enmascarar a realidade?

B: Unha das primeiras conclusións dos estudos sobre a demanda de prostitución é que non hai un perfil sociodemográfico, é dicir, que o consumo de prostitución é interxeneracional, interclasista, interprofesional, etc. Non hai variables sociodemográficas que nos permitan crear un perfil como tal, con excepción do xénero. O que une á demanda de prostitución é que a inmensa maioría das situacións -ao redor dun 99,7%- está composta por homes e, por iso, podemos dicir que é unha práctica masculina onde homes diferentes aparecen igualados no privilexio de pagar por acceder ao corpo de mulleres que non os desexan.

Mais, como dis, hai unha imaxe estereotipada do putero coma un home de idade avanzada, ou con poucas habilidades sociais, ou que se afasta do modelo de beleza masculino… Podémonos atopar homes así nos espazos de prostitución, mais hai que desmontar este estereotipo porque a realidade é que calquera home que non cuestione criticamente esta institución patriarcal pode pagar por prostitución.

P: Entre os puteros atopamos a autodenominada figura do “putero majo”. A que se refiren cando se describen así? Como se contrapón isto ao discurso das prostitutas?

B: O que denominan o “putero majo” é aquel que non é violento explicitamente e que ten unha actitude aparentemente agradable coa muller prostituída; é aquel que quere pensar que está facendo unha boa acción. Isto relaciónase coa masculinidade heroica, o home que “axuda” as mulleres, que as salva… Pero, na práctica, está pagando, igualmente, por acceder ao corpo das mulleres que non o desexan. O “putero majo” busca desidentificarse coa imaxe de putero desagradable e trasmitir un “eu non son como os demais” nunha procura do que poderiamos definir como autoexculpación para sentirse mellor consigo mesmo, ou, máis ben, o que eu atopei nalgúns entrevistados: eran relativamente “majos” para sacar maiores beneficios da relación de prostitución. Isto é, tratan dunha forma máis “agradable” as mulleres prostituídas porque entenden que así lles darán un mellor servizo ou, grazas á súa actitude, conseguirán determinadas prácticas sexuais (por exemplo, sexo sen protección ou máis tempo do orixinalmente pactado…). 

P: Unha cousa que aprendín e sorprendeume escoitando os teus relatorios é a existencia de foros de internet onde os puteros comentan sobre as prostitutas dunha maneira, en moitas ocasións, infrahumana. Poderías contarnos máis acerca destes espazos?

B: Sempre propoño como experimento mergullarse nalgún destes foros porque son comunidades virtuais onde os homes intercambian experiencias, opinións, recomendacións, etc. E onde se poden ler, sen filtros, as percepcións que estes homes teñen sobre as mulleres prostituídas. Non hai que rebuscar moito para comprender como a deshumanización que se fai delas, que son recomendadas e puntuadas como obxectos de consumo.

P: Un dos puteros dicía que “os prostíbulos son espazos onde os homes son homes e as mulleres son mulleres”. A que se refería con esa afirmación?

B: Esta expresión define o significado actual da prostitución, xa que se converteu nun espazo de reconstrución do patriarcado. Afirmo isto porque, a medida que se avanza en dereitos para as mulleres, vivimos un auxe sen precedentes do feminismo e poñemos sobre a mesa temas como a conceptualización da violencia sexual, interpelamos o modelo de masculinidade patriarcial… Mentres todo isto pasa (fóra dos espazos de prostitución) dentro dos espazos de prostitución,

os privilexios masculinos restitúense e os puteros atopan na performance que executan as prostitutas as mulleres que eles buscan: as que satisfán os seus desexos, as que son compracentes, as que gozan sendo elixidas e sendo obxecto da mirada masculina…

Os puteros proxectan sobre as prostitutas unhas determinadas expectativas de hiperfeminidade que cada vez é máis difícil atopar fóra dos espazos de prostitución; e as mulleres prostituídas a través da performance dan forma a esas expectativas. De feito, se a performance falla e elas non se mostran como o putero agarda, considérase que a relación non foi totalmente satisfactoria. Os puteros pagan por obter o simulacro dunha relación en termos marcadamente patriarcais.

P: Que outras opresións se entrelazan na prostitución?

B: A análise da prostitución debe ser interseccional porque, se ben o xénero é a principal categoría que posiciona as mulleres en risco de ser prostituídas (xa que a maioría das persoas en prostitución son mulleres), non hai que esquecer a clase social e a etnicidade e racialidade.

A prostitución está fortemente vinculada aos procesos de feminización da pobreza e, de feito,

a industria da explotación sexual precisa que a pobreza se siga reproducindo para obter “materia prima”.

E, por outro lado, a inmensa maioría das mulleres en prostitución nos países occidentais son de orixe migrante e racializadas e, polo tanto, hai que falar tamén da colonialidade da prostitución e de como esta institución se nutre e, á súa vez, perpetúa as desigualdades sociais. 

P: Cales son as perspectivas dos puteros acerca da trata?

B: Polo que atopei nas entrevistas, hai unha tendencia á irresponsabilización fronte á trata con fin de explotación sexual. Eles pagan por ter unha boa experiencia en prostitución, “sen complicacións” como din eles, e facerse cargo da posibilidade de explotación sexual ou da situación de vulnerabilidade das mulleres en prostitución supón humanizalas e rematar coa ficción da “prostituta feliz” ou da “prostituta libre” que é o que eles agardan atopar. 

P: Que papel xoga a pornografía en todo isto?

B: Como din outras autoras, como Rosa Cobo, creo que a pornografía hexemónica funciona como pedagoxía da prostitución; actúa como unha escola de sexualidade patriarcal que pode ser levada á práctica nos espazos de prostitución. 

P: Cal é a túa perspectiva sobre o tan debatido dereito da muller a vender o seu corpo?

B: Non entro a debater sobre isto porque

creo que é importante cambiar o foco deste debate e trasladalo a reflexionar sobre o “dereito” dos homes a pagar por acceder ao corpo das mulleres.

Debátese moito sobre as posibilidades de elección dos suxeitos que están en situación de desvantaxe social, neste caso das mulleres, e pouco sobre quen está en situación de claro privilexio e deciden pagar por acceder ao corpo de mulleres (que non os desexan) utilizando para iso a súa posición de privilexio en termos de xénero, clase, etnicidade e, en moitas ocasións, tamén de idade.

P: Que efecto ten o consumo de prostitución femenina no resto das mulleres que non somos prostitutas?

B: A prostitución afecta a todas as mulleres porque non se trata dunhas e outras senón que a existencia da prostitución convértenos a todas en prostituibles e continúa a percepción da prostitución como una opción de supervivencia para as mulleres mentres que a perpetuación do privilexio masculino de pago por prostitución é unha barreira infranqueable no camiño cara a unha sociedade máis feminista porque, ante calquera avance que consigamos, os homes que reproducen a masculinidad patriarcal seguirán tendo os espazos de prostitución como unha especie de “refuxio”. 

P: Que outras autoras recomendarías para seguir aprendendo?

B: Considero imprescindibles a Rosa Cobo, Amelia Tiganus, Beatriz Gimeno, Kajsa Ekis Ekman e, sobre a demanda, é fundamental “El putero español” de Águeda Gómez, Silvia Pérez Freire e Rosa Verdugo. 

P: Cal é, na túa opinión, o camiño que o feminismo debe seguir para garantir as libertades das mulleres en prostitución?

B: Para min o máis urxente agora é garantir que coa crise sociosanitaria e económica provocada pola pandemia non aconteza o que aconteceu coa crise económica anterior na que algunhas mulleres víronse abocadas á prostitución ante o aumento da vulnerabilidade. Hai que esixir medidas redistributivas e un ingreso mínimo vital pode ser un avance neste sentido -poderase medir o seu impacto máis adiante-, que minoren o aumento da vulnerabilidade social de moitas mulleres. Ademais disto, temos que seguir xerando conciencia crítica e reflexión e a implementación de Políticas Públicas encamiñadas á abolición da prostitución. 

P: Segundo o último informe do 2016 do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, 39% dos homes do Estado español son puteros.

______________________________________________________

paloma-407x500Paloma F. Balado

Galega residente na Malasia.

Movéndome entre contrastes retratando o mundo con ironía.