de Andrea Vegabreu

REPOLO OU COL ASADA

Repolo asado

Repolo asado

Ingredientes básicos

  • 1 repolo ou col
  • 3 culleradas de aceite de oliva
  • 2 culleradas de vinagre
  • Sal e pementa

Ingredientes opcionais

  • Especias ou herbas aromáticas ó gusto (por ex.: comiño, coandro, romeu, ourego…).
  • 3 culleradas de lévedo nutricional ou lévedo de cervexa
  • 1 culleriña de panela ou azucre

Lava, seca e corta o repolo en tiras finas. Engade o aceite, vinagre, sal, pementa e demais condimentos, agás o lévedo nutricional. “Masaxea” ben o repolo ou col para que colla ben o sabor dos condimentos. Estende o repolo nunha fonte ou bandexa de forno e esparexe o lévedo nutricional (opcional). Fornea a 200ºC ata que estea douradiño (podes remover de cando en vez para que se faga de xeito homoxéneo).

HAMBURGUESAS DE LEGUMES E FLOCOS DE AVEA

Hamburguesas de lentellas e avea á mostaza

Hamburguesas de lentellas e avea á mostaza

Ingredientes básicos

1 Cunca e media (aprox. 450gr.) de legumes cocidos (Por ex.: lentellas, feixóns…)

2 culleradas de ketchup

1 cullerada de mostaza

1 culleriña de allo en po

1 culleriña de cebola en po

1/2 cunca de flocos de avea finos (opcional: trituralos antes na picadora para conseguir unha textura máis suave)

Ingredientes opcionais

1/4 cunca de verduras ou hortalizas cortadas en anacos pequenos (por exemplo: millo miúdo, cenouras, remolacha, pementos, cabaza, verzas, acelgas…)

1 ou 2 culleriñas de especias ou herbas aromáticas ao gusto (Por ex. comiño, coandro, pementón, curry, ourego…)

Escorre ben os legumes cocidos e esmágaos cun garfo. Engade as especias e condimentos e, por último, os flocos de avea triturados e as verduras e hortalizas cortadas. Fai bólas coa masa e moldéaa en forma de hamburguesas.

É importante que a masa non quede moi húmida para que non se desfagan as hamburguesas (se queda húmida de máis, pódese rectificar botando máis flocos de avea ou sementes de liño moídas para que a masa ligue mellor). A masa en forma de hamburguesas pódese conxelar ou preparar no momento á prancha ou ó forno.

_____________________________________________________________________

image1 (3)

 

Son Andrea Vegabreu. Muller-toxo, tradutora, intérprete e alquimista vegafeminista apaixonada da cociña 100% vexetal, silvestre e creativa. Biodanzante, batukeira, a(r)tivista e tecedora doutros mundos posibles alén do arco da vella.

https://www.instagram.com/vegabreu/