por Mariola Mourelo 

Rosé fálanos sobre o seu proxecto de Terapia Ecuestre para crianzas con diversidade funcional CETECO e a súa traxectoria persoal nos últimos anos.

R: Tu de onde és exactamente?

Rosé: Eu sou da parte sul do Brasil con antecedentes alemáns e algo máis cadrada do que a típica brasileira (risos). Cheguei á Galiza van facer 15 anos, non sei, ás veces cres que estás namorada e lánzaste á aventura. Eu no Brasil era funcionaria, así que deixei unha vida bastante estábel para vir con promesas que no final non se cumpriron. Daste conta das cousas cando xa estás metida até a cabeza.

Revirada: Rosé, como se che ocorreu esta ideia de traballar con cabalos?

Rosé: Os cabalos sempre foron parte da miña vida. Nunca puiden ter un, mais consegui ter contacto case a diario cos cabalos dos meus veciños. Coa diversidade funcional tomei contacto cando era monitora de baloncesto.

Unha vez aqui, xa en 2012, unha das voluntarias do lugar onde traballaba antes tivo a idea de traer o primeiro cabalo que foi o Gipsy. A partir daí foise moldando a idea . Comecei a prepararme, fixen o típico curso de auxiliar de fin de semana e máis tarde o mestrado que me deu unha preparación moito mais axeitada para traballar con crianzas con problemáticas complexas.

Ese mesmo ano en Abril chegou o que foi e sempre será o meu cabalo, ainda que xa non estexa comigo, Rubio, un cabalo de 1.70 m á cruz. Vou comezar a chorar, non, respira. Recordo perfectamente cando chegou, foi un namoramento inmediato. E axudoume moito, en todos os aspectos, non só nas terapias, mais tamén a nivel persoal. Porque cando traballas cun cabalo, ti tes que estar a 100% presente. El rexéitache se ti non estás ben, e claro, el rexeitábame moitas veces porque eu precisaba encontrar o meu equilibrio. Foi o inicio dun proceso tanto persoal como profesional.

R: Como é traballar con cabalos e crianzas con diversidade funcional?

Rosé: As crianzas autistas normalmente teñen moita sensibilidade. Os cabalos son iguais, perciben as cousas de forma moi distinta. Das crianzas autistas eu procuro primeiro de todo o seu ollar porque moitas son non-verbais, non conseguen expresarse con palabras. Non é que sexa mellor ou pior, é diferente e ti tes que adaptarte para chegar a elas. Na realidade na comunicación a porcentaxe verbal é moi pequena, utilizamos o corpo, outros medios pero non lles damos valor.

rose 3

R: E que beneficios aporta a terapia ecuestre?

Rosé:O cabalo é, como di a miña mestra Sandra, unha máquina de ximnasio perfecta. O seu movemento é similar ao camiñar humano, aporta a nivel de musculatura, a nivel sensorial, de calor  – o cabalo ten un grao de temperatura maior do que nós.

En termos das conexión neuronais entra tamén o tema educativo e re-educativo, de recuperación de persoas con ictus, de persoas con secuelas dalgún accidente, que podan ter  parte do cerebro lesionado. E tamén moi importante a motivación das crianzas. O cabalo é un animal que motiva moito, que “mola” e pódese traballar  en espazos abertos.

As crianzas non teñen tanta presión como con 5 ou 7 horas de escola e a tarde ocupada con actividades para compensar o déficit indo dun profesional a outro, logopeda, psicopedagogo, etc..

Por iso eu tamén teño unha resistencia bastante grande a meter unha crianza nunha hípica porque voltas a estar nun ambiente fechado. Eu preciso estar ao ar libre coas crianzas, ver a súa reacción e ver a reacción dos cabalos, se as crianzas están contentas… bon que dá bastante información.

R: E cal é a primeira reacción dunha crianza autista cando se  encontra cun cabalo?

Rosé: Ainda que moitos neurólogos e demais profesionais, fan fincapé nos rasgos comúns que teñen as crianzas autistas, eu teño 4 ou 5 e si teñen algunhas cousiñas iguais mais cada unha é un mundo. A primeira vez que veñen aquí, como o cabalo é un animal grande, fanse xogos para que se vaian achegando. Hai algunhas que non queren tocalos e outras pola contra agárranse directamente para intentar subir. Nas sesións de 45 minutos o importante é que teñas 80% do compromiso motor, que é o cabalo en movemento e que a crianza estexa montada. Axúdate a nivel de conexións neuronais. Mais tan importante ou mais é o traballo que fas previo pé a terra, as informacións que lles das e que a crianza e o cabalo che dan a ti. Se unha crianza tarda varias sesións até perder o medo e subir ao cabalo que as mais e pais non se desesperen porque é un proceso normal. Ás veces están anos con distintos profesionais e tampouco aparece esa maxia. E por falar de maxia eu tiven un neno que me chegou no principio, de dous anos e medio, era un neno que non camiñaba nen falaba, e en 6 meses fíxoo. Non é un milagre, está científicamente probado. Tamén que de repente comezas a traballar coa crianza e hai un momento en que está superabsorbente, moi receptiva e se o traballas ben pois funciona. E bon, sempre estando atenta e coidando a seguridade no traballo con crianzas e cabalos, pois vai funcionando.

rose 4

R: Comentabas que os cabalos alén de para as terapias axudáronte a ti persoalmente.

Rosé: Si, bon, o traballo cos cabalos axudoume a ver en que situación estaba eu. O cabalo é un animal que durante a historia sempre foi sometido, e continúa a selo. Tanto que este fin de semana (Agosto) había un montón de xente aquí en Casas Novas, e eu pregúntome cantos animalistas foron ver os campeonatos de salto e porque non hai unha oposición a estes eventos parecida con a que hai contra as corridas de touros. Eu teño dúas bestas que están machucadas porque veñen dese ámbito. Enfin, entón comezas por identificar eses aspectos de sometemento en que te adaptas a unha situación que te magoa. Unha situación que non permite que sexas ti, que non permite que te desenvolvas, que che quita o sorriso, que che quita a autoestima até chegar a perder a túa identidade. E cando dis “até aquí” ti o que queres é fechar unha etapa e punto. Mais cando ves que chegan as ameazas e a cousa se fai moito mais forte tes que buscar axuda, e a forma de buscar axuda é a denuncia. Eu creo que ningunha muller quere chegar a ese punto, porque é unha carga moi grande. Normalmente para unha denuncia que fas, como foi no meu caso, recibín dúas de volta, e bon, é complicado. Ou tes a posibilidade de mudar de cidade, de desaparecer que tampouco é algo que che vaia axudar porque non é xusto. Aí comezas a ver que o dano está feito, sentes que perdes moito, no meu caso, até a capacidade de concentración. De repente veste nun país que non é o teu, non tes os teus amigos de toda a vida, non tes o apoio da túa familia, tes unha filla que depende única e exclusivamente de ti e bon, que fas?

Eu púxenme en contacto co CIM, o Centro de Información da Muller, que “chapeau”, que teñen unhas profesionais moi boas. Mais a primeira vez que fun á policía nacional saín dalí pior do que entrei porque dei cunha policía, que só puña dificuldades. E eu claro, comprendo o papel deles porque tes de formular unha denuncia que realmente se leve adiante, pero hai formas e formas de facelo. Nese momento estás bastante debilitada, moi tocada, e do que mais precisas é de orientación. Veste perdida. Voltei dous días despois cuns coñecidos e formulei a denuncia directamente coa persoa responsábel. E bon aí comezou todo.

DSC_0002

É moi fácil escoitar a canción de Bebe, esa que di o de dar o portazo e logo todo é moi bonito, mais na realidade é unha fase moi moi fodida, perdón pola palabra, mais é un periodo bastante complicado. Necesitas apoio psicolóxico, venche todo á vez, as axudas son boas mais talvez non suficientes. No meu caso levaba 12 anos dos que coticei só 3 anos como empregada de lar. Había promesas mais nunca chegaba o momento de reafirmarme profesionalmente e poder buscar a miña independencia. Entón, nese momento é cando ti tes que buscar a túa supervivencia. Primeiro, case comer, e ainda estou nese proceso, que é o mais importante e logo o apoio psicolóxico.

Aí chega o momento en que xa se aceita a denuncia e pasas ás entrevistas co xulgado de violencia de xénero e as profesionais do IMELGA (Instituto Médico Legal). Que tamén entendo que teñen que furgar, teñen que buscar todo para que realmente vexan que a denuncia é real, pero vólveche todo outra vez. Tes que recordar, tes que forzarte a revivir, e iso vamos, é que eu pasei dúas semanas feita cachizas. Son cousas que bon, desde fora talvez non se vexan. Quen traballa con persoas víctimas de violencia de xénero, pois iso, sábenno, e falo de persoas, porque sei que tamén hai homes que talvez sexan víctimas, ainda que a sociedade o vexa de forma distinta, e talvez non se reforce tanto. Non o sei. E bon, chegou o momento en que dixen, non, tes que parar de chorar, erguer a cabeza e buscarte a vida. E a que te agarras? Eu fun á oficina de emprego da Coruña, e unha das profesionais viu ao que me dedicaba e díxome: “Mira, eu non te podo enviar a limpar portais. Con todo o respecto do mundo, mais ti tes unha formación específica que é algo moi bonito e ténselle que buscar saída”. Púxenme en contacto co Consorcio das Mariñas e conseguín unha casa e un terreo, e aínda que foi algo precipitado, e tes que tómalo como unha aprendizaxe, daí criei esta asociación, CETECO, Centro de Terapias Ecuestres Coruña en Arteixo.

Moita xente coa que traballara pois volveu porque coñecían o meu traballo e me apoian, desde clientes, persoas usuarias, benfeitoras, como se queira chamar, e pouco a pouco vaste reconstruíndo, cos teus pequenos hándicaps.

R: E os cabalos que viven aqui son especiais, non son?

Rosé: Si. Os animais que temos agora mesmo son cabalos que veñen dunha situación de maltrato ou son vellos e xa non valen para facer rutas, para salto, para dar clases de equitación. É un pouco complicado dicilo mais, a xente xa non os queren e substitúennos por cabalos novos. En teoría nas terapias ecuestres si que hai espazo para eles, mais claro eu non podo ter vinte cabalos e darlles de comer se eles non traballan, e se eu non teño usuarias, benfeitoras que me van permitir ter eses cabalos. Agora temos seis, dos que tres traballan e os outros tres non. Dúas das vellas van quedar comigo, unha que me axudou ao principio e a outra porque acabaría pois no matadoiro ou non sei que tipo de vida tería. Pipo é de PURAGA, é o único cabalo xoven que temos e que non veu dunha situación de maltrato. Ten xenio mais á vez quere estar coa xente e iso en terapias é moi importante, principalmente coas crianzas. A min, cando o estou preparando para as terapias e o monto intenta tirarme e cando montas unha crianza pois transfórmase totalmente, é outro cabalo. E tamén dúas bestas que veñen de competición de salto. Ademais a xente cando che dá cabalos cóntache parte da historia, dinche “ah, ten artrose”, e logo ves que ten unha lesión de caramba e que non che vai valer nunca, e xa tes o problema en cima.

rose 2

R: E como se presenta o futuro?

Rosé: Estou nese proceso de pór os pés no chán. Necesitamos reducir gastos e agora mesmo do que mais precisamos é dunha carpa porque cando chove teño de cancelar as terapias. Tamén unha pelexa moi grande que temos de facer quen estudamos, quen temos feito mestrados e posgraos, é informar as familias e deixar moi clara, a diferenza entre unha actividade terapéutica e unha actividade lúdica. As persoas que fan cursos de fin de semana non están aptas para vender a actividade como terapia. Está moi ben como tema lúdico mais que non se metan a facer terapia porque poden facer mais dano que beneficio. As crianzas teñen unhas características determinadas que hai que saber traballar.

R: E xa para terminar, quen lea esta entrevista e te queira axudar o que pode facer?

Rosé: Bon, podem ser abonadas (60€ ao ano) ou madriña ou padriño dos cabalos (15€ ao mês). Nos dous casos poden vir pasar un bon momento cos cabalos previo aviso para coñecer e respectar o animal sen ter que montalo. E voluntariado, claro, para o traballo cos cabalos, para recoller esterco, para cortar a herba… Quero ver se consigo tamén facer un convenio coa universidade para prácticas. É outro obxectivo, outro plantexamento.

Pois iso mais ou menos, o meu pequeno drama e a miña pequena vitoria.

 

Ceteco: terapiasceteco.wordpress.com

016 Teléfono contra a violência de género (Estado Espanhol)

Centro de Información ás mulleres:

CIM (Corunha) 981 184 356

CIM (Arteixo) 981-601415