de Mai Insua | LÉSBICAS CREANDO

  • ¿Desde cuándo tienes náuseas?
  • Dende que me levantei hoxe pola mañá, ata agora.
  • ¿Cada cuánto?
  • 10 ou 15 minutos…
  • Súbete la camiseta. ¿Te duele aquí?
  • Non.
  • ¿Y aquí?
  • Non.
  • Ya puedes vestirte.

Camiña ata o seu escritorio mentres me acomodo a roupa. Senta, pon as lentes, fixa a vista nos papeis e lista para escribir di:

  • Bueno, pues estás embarazada.

A miña tía tenta falar cos ollos moi abertos e facendo xestos de calma: “No, mira… Es que eso no….” Ela segue coa vista fixa, agora escribindo. A min dáme por rir.

  • Mira, é que iso non é posible.
  • ¡Ay, sí cariño! ¡Sí que es posible!
  • Bon, eu só me relaciono sexualmente con mulleres, así que estou bastante segura de que non estou embarazada.
  • Bueno-bueno, ¡no me cuentes tu vida!

Creo que logo meteu ese papeliño debaixo dun montón de carpetas e me receitou unhas pastillas.

  • Pero esa mujer… ¿Estás bien, cari?
  • Sí, pero quero irme.

Saímos de urxencias e puxen a man sobre o estómago: non tiña náuseas.

Esta experiencia real de misoxinia e lesbofobia é tamén unha variante de “saída do armario”. As consultas médicas son un lugar de moita actividade nisto: “¿Tienes relaciones con pene-tración?” (é pregunta trampa, caras. Só se refire ao pene e aos homes cisxénero [1], sen máis diversidade) “¿Qué método anticonceptivo usas?”

Hai tan só unhas semanas sucedeume esta:

       ¿Pero ella también se ha echado la crema?

  • Si, estivemos xuntas despois de varias semanas. Pero polo que me dixo a túa compañeira, ao estar a facer o tratamento ao mesmo tempo, ese é un período de seguranza, certo?
  • ¡Mujer, pero por verse y hablar no pasa nada!
  • Non estábamos falando… Ela é a miña parella sexual.
  • Ah…. (Este “ah” foi a dúas voces entre as médicas da sala, e fixéronno totalmente simultáneo).

En realidade, “saír do armario” tradúcese en ser quen ti es fronte a alguén que non considera a túa existencia (ou que cando a considera, ignóraa case a totalidade do tempo). Porque o que existe non é saír do armario, é a presunción de heterosexualidade: que todo o mundo é heterosexual ata que se demostre o contrario. Ser heterosexual segue a ser obrigatorio; natural, norma(l), desexable. Mais ben segue a ser, e todo o demais só segue a ser inevitable.

A presunción de heterosexualidade nega a túa presenza no mundo.
Tamén distorsiona quen ti es para as demais persoas, incluídas as persoas que queres – que te queren.
Ante unha negación tan grande concédesche moi pouca marxe de manobra. E está tan naturalizado que as cousas son así, que a cotidianidade é así, que as vidas son así, que as persoas con identidades normativas non saen de ningún lugar porque son as que están permanentemente no mundo, e todo o que sucede está colocado como espello para reflectilas. Non hai preguntas nin cuestionamentos de “Cando te decataches de que es heterosexual?” porque ser heterosexual, é. De feito, “Eu se teño unha filla heterosexual quereríalle igual”.

Neste sentido a heterosexual é unha identidade socialmente privilexiada: que goza de todos os dereitos, norma(l)izada, non discriminada-rexeitada-marxinalizada, nin violentada por existir, non castigada, non lexislada a nivel de identidade, non cuestionable nin cuestionada pola relixión nin a mediciña, nin a psicoloxía, nin a sexoloxía… Non patoloxizada, non desvalorizada, non ridiculizada, dona do espazos privados e públicos, dona das liberdades e de non ter medo, dona da historia humana e dos contidos da educación regrada, visible e nomeada, con todos os referentes a disposición, dona da beleza, dona da masculinidade e feminidade, das posibilidades de ser verdadeiramente home e verdadeiramente muller (e dona de que non haxa máis posibilidades), dona do natural e o desexable e de non reflexionar sobre si mesma…

Todo isto é moi importante, porque cando existes e rachas a presunción de heterosexualidade (e a heterosexualidade obrigatoria) sacodes toda esta estrutura, e a forma na que actúa como chan por onde pisan a maioría das persoas. A construción do armario non é nosa, senón que funciona en termos heterosexuais agochando o que sacude e interpela.

Dende aí, constrúese toda unha linguaxe culpabilizadora na que toda esta cuestión social pasa a ser unha responsabilidade individual: se se te atribúe o silencio respeito á túa orientación, tes pouco valor e autoestima, non te aceptas, engánaste e enganas, tes problemas; se resultas confusa e non se sabe onde encaixarte: manipulas con premeditación e alevosía, es egoísta e escolles momentos ben desafortunados para ser e expresarte; se se te atribúe visibilidade, existes demasiado, con demasiada pluma, demasiado activismo, demasiadas mostras de afecto, demasiado “lesbiana-bollera” na boca, nas redes sociais, nas consultas médicas… Demasiado-demasiado-demasiado.

As dúas primeiras adoitan construír a linguaxe de “saír”, “asumir”, “recoñecer”, “revelar”, “confesar” (si, como os pecados e os crimes). A terceira adoita construír a linguaxe dos “peros” (“Pero a min non me importa con quen te deites” – como se a miña identidade se reducise a iso…- e “Vale que vaias por aí así, pero se sabes que pode ser perigoso ou hai xente á que lle molesta…”).

Un exemplo: Patricia Yurena, “La primera Miss en reconocer públicamente que es lesbiana.”[2] Isto é un titular. E “reconocer”[3] non é neutro: significa “admitir la certeza ajena o el propio error / dar por suya, confesar como legítima una obligación / aceptar como legítima la autoridad / aceptar la culpabilidad”.

Publicadas por Patricia Yurena en Instagram antes da foto considerada como “saída do armario”

Sobre isto hai novas e entrevistas máis e menos “desafortunadas”, mais en xeral ilustran como a presunción de heterosexualidade fica naturalizada inundándoo todo, así como o funcionamento heterosexual dos armarios. Un exemplo audiovisual é a entrevista a Patricia no programa “Hable con Ellas”[4]. Durante a entrevista aparece varias veces o texto “Patricia Yurena es la primera Miss que ha salido del armario”, mentres lle preguntan por que decide “revelar”[5] a súa homosexualidade, e por que decide facelo cunha foto a través de Instagram. Ela di que publica o que vai facendo a diario e que a súa parella forma parte da súa vida, que o fixo de forma natural como calquera persoa que está namorada, que subira máis fotos e vídeos antes con ela mais que foi esa a que chamou a atención, que deberían recoñecela polos seus logros profesionais e non como “a Miss Lesbiana”, cousa que lle parece bastante patética, pero que dentro de todo se pode ser un referente positivo para outras persoas iso é bon. Chámanlle “pareja gay” e “secreto a voces” e revisan se cando se xuntaron en plató se bicaron nos beizos.

E todo isto sucede con bastante boa intención, bastantes boas formas, entre humor, dicindo que a homosexualidade tería que ser normal a estas alturas, que cada quen faga o que queira e que como pode haber aínda xente retrógada no mundo e poden existir o escándalo e a discriminación pola “condición sexual”. E todo isto sucede mentres ela conta que as persoas do seu entorno coas que comparte aspectos da súa vida saben que é lesbiana, que na súa familia coñeceron ás súas parellas e coñecen a Vanesa, e que ela “fixo pública a súa orientación sexual”.

E fixo público que non era heterosexual.

 Ás veces chámanlle armario a que non poidas informar (e informar en tempo real) a todo o universo de que o que tiñan asumido e decidido por ti non é certo. (E iso que Patricia Yurena foi Primeira Dama de Honor en Miss Universo…). Un titular como “Patricia Yurena no es heterosexual y nos sorprende mucho porque sólo imaginábamos esa posibilidad” sería máis xusto e certo.

Por suposto está claro que non se sae intacta[6] de toda esta imposición que funciona igual de explícita que de sutil e que da mesma forma que inunda todo, inúndache a ti. A construción do armario e todo o entramado en torno a “estar dentro” ou “fóra” é violencia, e esta violencia interatúa con outros factores como a etnia, o estatus social e as posibilidades económicas, o nivel de pluma atribuído, así como o nivel de axuste ás convencións sociais, a corporalidade, funcionalidade, o entorno familiar e afectivo, a lexislación do lugar de orixe e residencia, a discriminación e agresións vividas…

O resultado crea diferentes posibilidades entre nós. Ás veces o armario imposto fica, ou fica para uns tempos e circunstancias concretas. Ás veces é útil como estratexia de autodefensa. Ás veces é útil incorporar unha “saída” como empoderamento persoal e de outrxs (e Ellen Page resúmeo todo e faino brava na conferencia de Human Rights Fundation do 2014[7]). Ás veces podes usalo ata como arma arroxadiza.

Queridxs heteros, Liberádevos dos armarios.

____________________________________________________________

[1] Fai referencia ás persoas que identifican a súa identidade de xénero coa que lle foi asignada polos seus caracteres sexuais no nacemento.

[2] http://www.elmundo.es/loc/2014/08/23/53f7a9afe2704e251e8b4585.html

[3] http://www.wordreference.com/definicion/reconocer

[4] http://www.dailymotion.com/video/x2cu4jg_patricia-yurena-y-vanesa-klein-en-hable-con-ellas_fun

[5]“Descubrir lo secreto”

[6]“Que no ha sufrido alteración o daño”

[7] https://www.youtube.com/watch?v=WIYPC_dAI1o

*Nota da Revirada Revista feminista: este texto nom foi submetido a qualquer revisom linguística pola redaçom.