de Libraria Lila de Compostela

 

SANGUE 12. Cris Pavón. Urco Editora. 2014

Vanesa, unha vampira adolescente lésbica acorda na actualidade en Vigo despois dun longo sono. Coñece a outra adolescente e, ao tempo que asistimos ao decorrer desta relación,  vamos descubrindo o pasado da protagonista no século XIX. A novela aborda o tema do tránsito á idade madura, e, para facelo, tira polo chan varios tabús, algúns moi evidentes e outros por descubrir (ollo que facemos spoiler de aquí a un pouco 😉 … Desde a libraría Lila e facendo análise feminista queremos salientar varios aspectos: sendo unha novela destinada a público xuvenil, aínda que nós a recomendamos tamén para público adulto, as protagonistas son dúas mozas novas (isto xa ten a súa importancia) que establecen unha relación lésbica e non se corta (a autora) en describir as relacións sexuais entre elas. Isto entroncaría cunha tradición, pouco coñecida, de vampiras lésbicas en fase de recuperación pola historiografía feminista. Queremos nomear, tamén, a presencia de mulleres tan importantes como Mary Wollstonecraft Shelley (autora de Frankestein, ou o moderno Prometeo) e Ada Lovelace (a primeira programadora da historia) que aparecen como personaxes da novela. Ademáis disto, e non menos relevante desde a nosa perspectiva,  a autora reinventa o mito vampiresco e, polo menos a nosa vampira, non precisa de matar para nutrirse… o segredo está no título, cal será o sangue que utiliza para alimentarse? se ainda non o adiviñáchedes non volo vamos desvelar para que supoña un presente a quen se decida a ler este libro tan suxestivo.

 

Cris Pavón (A Coruña, 1962) é profesora de informática no ensino secundario. Até o momento ten publicado, ademáis deste título, Limiar de conciencia (2012) en formato dixital e que sairá en papel despois do verán tamén con Urco editora, e  Á busca da orixe perdida das especies (2015) con Laiovento, ademáis de participar nun par de obras colectivas, a última delas: De Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño2015, A Sega

Urco editora, é unha editora compostelá especializada en literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Queremos, desde a Lila, salientar dous títulos máis desta editora: Non hai luz sen escuridade de Andrea Barreira Freije (2015) onde unha bruxa adolescente fai o seu camiño iniciático para desenvolver ao máximo os seus poderes, e,  Alaia e a deusa de Tomás González Ahola (2014), neste caso a protagonista é unha rapariga de 13 anos  moi valente, curiosa, intelixente que namora doutra rapariga mentres vive unha grande aventura.

 

Recomendamos a análise feita por María Reimóndez para a Sega neste enlace: http://www.asega-critica.net/2015/06/o-doce-abxecto.html

 

O enlace coa páxina da editora. http://urcoeditora.com/titulos/sangue-12/

E a páxina da autora: http://crispavon.com/