de Bermud W.

“Se non sabes onde vás, calquera camiño te levará ali”

do libro “Alicia através do espello”

Que se pode escribir sobre identidades feministas? Podería comezar a facer unha lista das diferentes correntes e perspectivas actuais. Podería diseccionalas e metelas nas famosas “ondas”, dándolles unha data de inicio e fin; unha orixe, momento álxido e causas de declínio. Mas non quero falar de identidades históricas e por tanto perfeitas e mortas. Quero falar das imperfeitas feministas vivas aqui e agora. En particular de como construimos atrapalladamente e sobretudo inconscientemente colectividade feminista.

Nos últimos anos teño tido a impresión, outras e outros a certeza absoluta, de que viviamos unha profunda crise no movemento activista. No caso específico do feminismo, unha crise de identidade en que a pasividade, a desmobilización e a apatía estaban a gañar a batalla. O meu mundo dos últimos dez anos, a intensidade, o compromiso, a frenética actividade e creación, o meu grande amor, esmorecía. E iso, non me envergoña dicilo, causoume grande tristeza e non menor desconcerto. Non temos nada polo que loitar colectivamente? Terminaremos todas como activistas de sofá e do “I like” no mundo virtual?

Agora sei que non. Ante a falta de control sobre o noso tempo, espazo e actividade, tributo que pagamos relixiosamente a este sistema chamado capitalismo, aparece un ben de consumo, criando pola propia economía de mercado que se vai tornar nunha poderosa aliada. A etapa virtual, imprescindíbel para o movemento feminista contemporáneo, permitiu que mulleres con axendas frenéticas, traballando desde e/ou en casa, preguizosas de mais para saír en días de choiva e frío, ou de calor e praia, a facer a revolución en cafés e locais amigos, encontrasen o seu recuncho onde continuar creando e denunciando. Talvez foi o feminismo o que mellor soubo tirar proveito do ciberactivismo, pelexar nun espazo que non poñía limites aos nosos discursos e non tiña tempo a perder en invisibilizar as nosas demandas e visión do mundo.

Esa escola, punto de encontro de coñecementos, debates, experiencias e iniciativas das máis radicais ás mais reformistas foi no que convertemos moi habilmente as redes sociais. Nunca antes puideramos chegar a tanta xente, tan fácil, e dar voz a tantas mulleres fóra da academia, fóra das elites sociais, e fóra do status quo feminista.

Bravo por nós!

Aprendemos a utilizalas para chegar a moitas e moi diversas mulleres. Mulleres que estaban desexosas de encontrarse con outras e sentir que non eran un bicho raro e que podían expresarse abertamente sen ser cuestionadas ou atacadas sen piedade.

Certo que algúns dos grupos feministas físicos dos últimos anos tíñanse convertido nun tipo gueto-feminista-masónico en que só podías entrar ou mesmo coñecer deles se tiñas a sorte de contar con alguén que xa estivera dentro. A necesidade de introspección e espazos de seguranza e tamén, porque non dicilo, de auto-compracencia primou sobre a divulgación externa e a abertura organizada a novas integrantes.  A voraxe do mundo virtual chegou para abrir novos espazos a toda aquela disposta a dar o primeiro paso, e desde a comodidade do sofá de casa, e nun clique.
Hoxe, unha vez ultrapasada a efervescencia e carreira vertixinosa con uso desmedido e até absurdo do facebook, twitter, instagram… as ferramentas que parecían un fin en si, encontran o seu lugar na engrenaxe da organización social.

As infinitas identidades que son creadas como avatares queren, por fin, saír ao mundo real. E fano. Utilizan as redes para facer ese primeiro tanteo e/ou chamamento ás afíns e encóntranse logo fisicamente creando colectividades que se tocan, que se cheiran, que se ven e que están a dar a lata, moito e moi ben ao heteropatriarcado. Somos como esa Alicia que atravesa o espello, que se move entre mundos preguntándose cal é o real e cal o imaxinado. Sexa virtual for físico, o feminismo con certeza está reactivado e imparábel.