Rebeca Raso

Coñecín o Teatro d@ Oprimid@ (TO) [1] no Brasil, lugar da súa orixe, pero foi aquí na Galiza onde me atopei con ese método de auto-transformación social. Non son das persoas que teñen unha relación próxima coas artes, nunca “fixen” nin teño “facilidades” para co teatro, pintura, música, poesía, pero inscribinme no taller de iniciación no que as temáticas principais eran emigración e xénero, unha combinación que casaba moi ben co público co que eu viña traballando.

O taller funcionou moi ben, traballamos diversos temas, vivencias e construímos pequenas obras. Pero o máis interesante veu despois, o de traballar e representar as historias na técnica de Teatro Fórum [2]. Eu, xunto co grupo 100Tolas, contabamos a historia a outras persoas que, aínda que de partida, non era especialmente a miña historia, pronto tornaría a ser. Ao escoitar as historias das outras mulleres do grupo, inmigrantes, e coas achegas feitas polo público nun diálogo co propio corpo, no que o foco estaba en dicir como elas farían naquela situación, e non tanto no que eu debería facer,. Foi nese momento que comecei a ver que a miña propia historia estaba reflectida naquela que eu contaba no Fórum. Dinme conta de que aqueles problemas que eu representaba no escenario, tamén os vivía, só que non era consciente. Que moitos dos conflitos que tiña e teño co traballo, cos papeis [3], así como coa lingua, coa miña identidade nacional, coa miña forma de falar, de camiñar, coa miña cor, o meu corpo, de relacionarme coas outras persoas tamén ten razón polo feito de eu ser muller e inmigrante. O TO fíxome ver que eu tamén era inmigrante, que eu tamén era tratada como muller inmigrante, sen “coma”. Unha identidade que só despois de tres anos vivindo aquí se tornou miña.

Un proceso non pouco doloroso dado que tomar consciencia desa identidade, ou mesmo unha (re)identificación, levoume a ver situacións de opresión que eu non vira antes, ouvir o que non escoitara, sentir o que non sentira. Ese proceso continuo e inacabado de construción da identidade é transformador na medida en que eu me apropio dela como acto político. O TO proporciona, a través do diálogo constante a restitución do meu dereito á palabra e do meu dereito de “ser”. Fortaléceme e dáme ferramentas para me defender e loitar cambiando a miña postura para suxeito en cuestión.

Nese xogo de ensaiar a realidade aprendo que o opresor non se cambia porque el non vai abandonar a súa situación de poder porque si. O deslocamento do poder pode partir de min como actriz social, de forma individual e colectiva. Por iso hai que desmecanizar o corpo, os sentidos… para estar atenta ás oportunidades, ás alianzas, (re)inventar as armas, (re)apropiarse das ferramentas, coas cales nos oprimen, utilizándoas para a loita, isto é, o son, a imaxe e a palabra. Todo iso tendo como base a ética e a solidariedade na busca de construír sociedades máis xustas.

Co principio de que o acto de transformar é transformador, o TO estimula a reflexión, crea a metáfora da realidade, pero el non é a realidade. O acto de dar visibilidade a unha opresión buscando formas de romper con ela, transformoume en suxeito da acción que transforma a realidade, e iso é política. Por iso, tamén se di que para cambiar a sociedade son necesarias outras cousas ademais do Teatro, este é apenas unha ferramenta moi potente.

Notas de rodapé

[1] Diferente dos outros, o TO, é un método teatral que busca a través da reapropiación dos medios de produción artística por parte d@s oprimid@s ampliar as posibilidades de expresión e comprensión da realidade co obxectivo de transformala. Nace no Brasil por volta dos anos 1960-70 período de ditadura militar. A súa principal referencia é o teatrólogo e dramaturgo Augusto Boal, persoa que máis teorizou sobre ese método, pero como el mesmo afirma, o TO é unha ferramenta froito do traballo colectivo e inacabada.

[2] Teatro Fórum é una das técnicas de TO na cal se presenta unha pregunta a través dunha historia real de opresión vivida por alguén ou que é compartida polo propio grupo creador, na que se pide ao público que conteste co corpo en escena, vivindo a mesma situación.

[3] Papeis é o nome popular para referirse á documentación relacionada cos permisos, homologacións, dereitos, etc.