por Mar Oma

O pasado xoves, 8 de marzo produciuse un dos actos máis multitudinarios a efectos de mobilización nesta cidade e non só pola celebración do día internacional da muller TRABALLADORA.  Dende vai décadas o poder incorporou esta data na axenda pública, roubándolle a etiqueta de traballadora, baleirándoa de contido e deixándoa no día da muller, onde tódolos poderes públicos, institucionais e políticos lavan as mans e enchen as bocas coa palabra igualdade, pois xa a ONU en 1975 institucionalizou o día con este fin.

Pero este 8 de marzo era diferente, tanto en contido como en forma e estratexia. Trátase da primeira folga feminista de mulleres, é dicir, por primeira vez a nivel histórico chámase a unha folga xeral de 24 horas, segregada por sexo para ver que acontece se faltamos as mulleres aos nosos postos de traballo, ás nosas tradicionais tarefas de coidados, ademais de ser folga estudiantil e de consumo.
Neste artigo quero discutir diferentes confrontamentos que foron xurdindo na organización deste acto, tanto a nivel institucional coma dende o plano dos movementos sociais de esquerda.
En primeiro lugar, sinalar a polémica que suscitou a existencia de dúas manifestacións ao mesmo tempo (tan só con media hora de diferenza). A primeira marcha, convocada simplificando pola plataforma feminista galega ás 19.00 no Obelisco e a segunda, convocada por galegas 8M ás 19.30 na Praza de Pontevedra. Eu pertencín á organización da segunda manifestación, e me vexo na obriga de argumentar o porqué  de convocar unha marcha autónoma.
Antes de nada, creo que é de xustiza desenmascarar ás organizadoras de ambas. Na marcha convocada no Obelisco atopámonos con organizadoras como a Asociación Casa Museo Emilia Pardo Bazán (na que forma parte o Concello), a Plataforma Feminista Galega (onde intervén tamén o Concello) e partidos políticos como Podemos, a Marea ( si! De novo o concello!), alén de sindicatos como CC.OO e UGT (que dicir destes vendeobreiras?)
Índa por riba da cantosa e vertical convocatoria, liderada polo partido que actualmente ostenta o poder na nosa cidade e co fin de disipar calquera atisbo de dúbida sobre o patrocinio da susodita manifestación, puidemos ver perplexas nos carteis por toda a cidade a convocatoria da marcha baixo a sinatura “Mulleres que transforman realidades”, casualmente o mesmo lema da Marea Atlántica do pasado ano e colocando ven visible o logo do Concello da Coruña.
A resposta que deu a plataforma feminista galega ante esta total evidencia, foi que se pediu unha subvención ao Concello para a tirada de carteis e que este por contrapartida, imprimiunos dotándoos co seu selo, tamén afirmaron que este feito para nada resta autonomía á convocatoria. Encantariame saber se estas mulleres serían de igual opinión se nos seus carteis aparecese impreso o logo do PP ou proclamas electorais de PSOE ou Ciudadanos.
Deseguida decátaste que algunhas compas e colectivos que asistiron ás reunións de salón, deron o seu visto bo a que o Concello de xeito voluntario se responsabilizara de imprimir os carteis, a condición de que iso non supuxese incluir o seu logo, pois obviamente este feito supón o súa fagocitación no acto. Estas actas fixéronse públicas, tamén a demanda e esixencia deses grupos a que se lles borrase da convocatoria do Concello (agora xa se poden dicir as cousas como son, a convocatoria é do Concello da Coruña gobernado pola Marea Atlántica, partido responsable de aniquilar aos movementos sociais), facendo este caso omiso ata un día antes da convocatoria grazas á presión pública destes colectivos.

28782837_1910738662570459_4515857971203135763_n

Con este fio, chama poderosamente a atención que publiquen alegremente que as organizadoras son, cito textualmente, “movemento feminista unitario A Coruña”. Nesta cidade existen e existiron grupos autónomos feministas, activos, cañeros, libres de partidos e siglas, e contestatarios como Acción Rabuda, Feminismos Coruña, Curuxa Feminista ou a Asamblea Feminista d´A Insumisa. Algúns como Feminismos Coruña contaban nas filas da súa organización coa actual concelleira de Igualdade, Diversidade e Seguridade Cidadá, Rocío Fraga. Estes colectivos, índa que é certo que algúns (curuxa está vixente) xa non están en activo, seguen tendo a súas listas de difusión que se empregan para comunicar convocatorias ou ben para informar de sucesos relevantes. Non existiu por parte deste feminismo unitario (¿?) ningún afán de invitación para que mulleres que pertencen ou pertenceron ao feminismo autónomo a nivel local participasen nesta manifestación conxunta.
Tamén é importante sinalar que a Plataforma Feminista non só non se sumou ao chamamento unitario de Vigo o 4M, gran antesala da folga a nivel Galicia, senón que o rexeitou tachándoo de violento. Non esquezamos o apoio incondicional deste colectivo cando o ano pasado CC.OO parou a manifestación unitaria do 8M en Santiago de Compostela, esixindo que a policía levase detidas a unhas compañeiras por faceres pintadas ou escachar un escaparate do Bershka. Pregúntome eu a cantas mulleres máis terán que violar e asasinar para que estos señoros nos dean o beneprácito de nos poder encolerizar.
Outro motivo de desconcerto consiste no acto en si, pois a culminación do mesmo consistía en render homenaxe a Emilia Pardo Bazán, non vou entrar a debater sobre o valor e a valentía desta muller en contradicir á súa sociedade, estudar e escribir en prol dos dereitos á educación das mulleres. Claro que hai que respectar a Pardo Bazán, pero non nos esquezamos da condición social desta muller, trátase dunha aristócrata pertencente á alta nobreza da Corunha. O seu contexto, condición económica e estrato social lle permitía estar nunha situación privilexiada fronte a outras mulleres, iso non lle resta valor á súa labor, por suposto que non. Outra cousa é que co gallo de render homenaxe a esta señora nun día sinalado como internacional e da muller traballadora, no contexto previo que contorna unha folga está fóra de lugar, posto que doña Emilia carecía da condición de traballadora ao poder vivir da súa condición de aristócrata.
Por outra banda, compre resaltar o incómodo da prohibición explícita por parte do Concello ante levar bandeiras fóra da cor lilás. A resposta a isto é, ao meu entender, lóxica por unha parte, explícome, podo entender e asumir como sensato que non se queira que a xente acuda con bandeiras fóra das feministas, pois dilúe o motivo principal e rematan por ter protagonismo sindicatos e/ou partidos, ata o entendo e o respecto. Mais seguramente por outros motivos ben distintos aos da Marea. Para min é fundamental a autonomía política apartidista de calquera convocatoria cidadá, agora ben, tratándose dunha folga xeral e a primeira feminina e feminista a nivel histórico, creo que é fundamental deixar liberdade a que cada muller exprese o feminismo ou a súa condición de muller do xeito que considere oportuno. É dicir, se quere sacar a bandeira independentista estreleira e iso tamén a define que a saque, se quere levar a bandeira antifa porque sente que é outro trazo distintivo nela, que o leve, se sinte que desexa portar a bandeira do seu sindicato porque é imprescindible a súa loita sindicalista neste día, pois que a porte. Creo que non se debe nin se pode coartar a liberdade de levar cada unha os símbolos de loita que nos identifique nun día de folga.
Non deixa de resultarme gracioso, ou canto menos entre chamativo e hipócrita, que a Marea faga unha defensa tan fervorosa á autonomía da convocatoria no senso da prohibición de portar bandeiras,  namentres impón o seu selo e eslogan ao chamamento, entón por aclararnos, o feito de que as mulleres leven de xeito voluntario as súas bandeiras resta autonomía ao evento e que nos carteis apareza o concello non? ou se cadra máis ben o concello quere ter un protagonismo absoluto neste acto, instrumentalizándoo co fin de sacar del un rédito electoralista?

28685417_1910738842570441_8902012744157332067_n

Neste contexto, mulleres feministas e autónomas organizamos unha alternativa a este insulto por parte do poder. Organizámolo de xeito horizontal, convidando a calquera organismo, grupo, e/ou individualidades a sumarse ao evento. Convidamos tamén a sindicatos. Nas reunións eramos poucas mulleres, non superando en ningunha asamblea as 15 integrantes. Había mulleres moi plurales en canto a activismo e métodos de loita, sendo o común denominador a necesidade de realizar unha convocatoria autónoma. Había mulleres militantes da CIG, que nunca quixeron que a súa organización tomase relevancia neste acto. Pediuse permiso a galegas 8M para utilizar a súa convocatoria, eslogan, tipografía e manifesto, pois había acordo de que este era a maneira máis plural e unitaria.
Na manifestación contábase por miles as persoas que acudiron, mulleres e homes, sendo as primeiras as que tomaron o protagonismo.  Índa que é certo que había moitas bandeiras da CIG tamén o é que existían outras bandeiras como a de Coruña Antifascista, a independentista, anarquistas, okupas ou bandeiras moradas, mostra da diversidade das integrantes e das simpatías individuais no percorrido.

Os medios de desinformación, apresuráronse en afirmar e reducir a convocatoria á CIG, mais isto é algo que os medios fixeron sempre, reducir, simplificar e mentir sen contrastar. Puiden ver e escoitar como compañeiras deste sindicato esforzábanse en explicar que elas apoiaban esta marcha e que se trata dunha convocatoria libre de siglas e sindicatos, pois por iso é unha convocatoria autónoma. Mais xa sabemos como funcionan as fábricas de opinión.
Tamén quero sinalar que se convidou a mulleres da CUT e de CGT, sen resposta. Algo despois decateime por un compañeiro(¿?), que estes facían unha convocatoria propia o 3 de Marzo por cualificar a do 8M como fascista e nazi (¿?!¿) ao non permitir que os homes participaran da organización. Isto é certo, non se permitía aos homes vir aos preparativos previos e asambleas decisorias, pois é unha folga de mulleres e entendemos que somos nós as que o temos que organizar. Eu con sinceridade, negueime a facer pedagoxía. Penso que se es un home comprometido coa igualdade e o feminismo é sinxelo de entender que debes respeitar que as mulleres se organicen como lles prazca para unha folga que lles pertence a elas de puro dereito, porque son elas ás que se quere visibilizar, e que ti como home podes, por suposto apoiar, endexamais copar e vir dirixir, nin ousar dicirnos como organizarnos e coordinarnos. Se es deste pensamento, ou simplemente non respeitas nin entendes que as mulleres nos organicemos de xeito autónomo e non mixto, non fai falla que nos apoies, quédate na túa casa ou vaite ao bar a consumir, simplemente apártate e deixa facer. De ser certa esta información, o único que da mágoa, é que me consta que mulleres deste sindicato apoiaban a organización non mixta, pero tiñan que respeitar o mandato dunha organización xerárquica e patriarcal.

28685353_1910738795903779_1660508567737855878_n
No trancurso da manifestación fixéronse paradas para amosar o noso rexeitamento a organizacións como Intermon Oxfam, a Igrexa, os abusos a traballadoras do Mercadona, a aniquilación do barrio das putas para convertelo nun bulevar comercial capitalista, recuperouse a memoria da loita por parte de anarquistas mulleres nas Atochas e ata se cambiou de novo o nome da praza das Atochas por praza das Mulleres Libres. Léronse comunicados, portáronse antorchas, bengalas, foguetes e se pendurou a pancarta de cabeceira, bastante precaria que fixemos as mulleres que o organizamos.
Entendo o malestar de moitas mulleres cando expresan a súa tristura de que un día tan importante non poida existir unidade, por iso a necesidade miña individual de expresar as razóns.
Cando o poder trata de impoñer a súa idea de feminismo esixindo e negando o dereito ás mulleres de expresalo como consideren é preciso crear un bloco crítico xa na propia manifestación ou ben en forma de convocatoria propia. Cando o poder prescinde do dereito a organizarse de mulleres pertencentes a un feminismo crítico, autónomo, activo e de base, e este mesmo poder as silencia e vende unha convocatoria como feminismo unitario, é pertinente que estas mulleres se xunten e se organicen de xeito autónomo. Cando o poder imprime o seu selo e o seu logo á convocatoria, é de xustiza o non acudir cando se entende que eles son parte do problema. Non existe un único feminismo, e de así ser, non sería nin burgués nin institucional.
Para rematar, é importante mencionar que ás mulleres desta cidade negóusenos o dereito á folga por facelo festivo neste concello, no acto institucional da Marea o xoves pola mañá, foi o Alcalde e non unha muller o que falou alegando os motivos desta folga, pero estas causas non lles importaron para organizar e contratar a mulleres que desen concertos durante esta xornada, aquí non lles pareceu importar que había unha folga de mulleres.
O que máis se leva discutindo nestes días é a confrontación que supón unha organización e percorrido propio, aquí tentei albiscar as razóns e relatar como vivín estes días a título individual. Se fixésemos bloco crítico leriase en clave de provocación, se facemos convocatoria propia tamén se nos tachará de confrontadoras, mais penso que a confrontación non só é boa senón necesaria, non por ser feministas debemos unificarnos cando iso supón unha perda de autonomía, apoiar o liderazgo do poder político e doblegarse a unha convocatoria levada pola Marea. O feminismo é diverso e estamos no dereito de criticar tanto os xeitos de actuar como de intentar instrumentalizar un día para levarse crédito político os que ostentan o poder.
MILLOR DESCONTROLADAS QUE INSTITUCIONALIZADAS!
FEMINISMO OU BARBARIE!

 

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad