Hai tempo que que no feminismo galego vivimos un fenómeno sobre o que non discutimos demasiado porque temos tendencia a fuxir do conflito, seguramente porque non nos desenvolvemos todo o ben que nos gustaría en contextos dese tipo.
Este fenómeno que chamaremos de apropiación do colectivo ten dúas expresións diferentes, mais que veñen a producir o mesmo efecto na práctica: desdebuxar o valor da diversidade e da organización.
A apropiación do colectivo semella ás veces unha estratexia para tirar valor a organizarse. E faino mediante un constante apelado á desaparición dos nomes dos colectivos organizados en favor dunha unidade que non se debate nen se constrúe en ningún espazo de encontro digno de ser chamado feminista.
Aparecen espazos dos que colgan palabras como “unidade”, “unitario” ou “galego” que falan do conxunto do movemento feminista (local ou nacional) apropiándose dunha voz que é diversa, que ten axendas diversas e que cando conflúe faino en base a acordos, por pequenos ou concretos que estos sexan.
Con estas dinámicas pretenden crearse e recrearse continuas unidades que non se sustentan en nada real, en nada profundo; non hai bases ideolóxicas a debate nen modelos de participación sobre os que construír apenas a vontade dun espazo pretendidamente neutro. Son espazos nos que o colectivo debe ser abandonado e nos que mesmo se penalizan actitudes propositivas trasladadas dende outros espazos de diálogo, encontro e organización. Continuamente se nos convida a participar de xeito individual, esteamos ou non previamente organizadas, sustentando este convite na unidade e na defensa duns intereses comúns que non estan definidos.
“Quen somos nós para
falar en nome de outras?
Quen ten a autoridade de
autoerixirse no referente
colectivo?”
Este empeño por nomearse coa voz colectiva é similiar ao de non nomearse sequera. Cantas veces vemos convocatorias que non están asinadas colectivamente? Quen as organiza? Con que obxectivo? Dende que coordenadas ideolóxicas? Que feminismo defende? Cales son as bases políticas nas que se asenta? Por que dar difusión a mensaxes anónimas? Por que mirar con máis desconfianza mensaxes asinadas colectivamente, das que coñecemos a procedencia e as bases ideolóxicas de quen as emite, do que miramos algunhas mensaxes anónimas?
Non contribúe isto ao debilitamento do coletivo? Non tira isto valor ao valor de estarmos organizadas? De construír colectivamente? Non é acaso perigoso deixar de nomearnos dende a nosa diversidade? Non é que o que non se nomea non existe?
Tamén nos serven estas reflexións para nomearnos apropiándonos da voz colectiva. Quen somos nós para falar en nome de outras? Quen ten a autoridade de autoerixirse no referente colectivo?
Asdo. As feministas galegas.
PS: a que molesta?