de Helena Sanmamede Maneiro
Seguindo co imposto do IVE, que xa comezamos a tratar nos dous capítulos anteriores, afondemos no “IVE deducible”.
No noso papel de profesionais ou empresarias, o IVE non é un imposto que teñamos que asumir. Quen o sufraga realmente é a consumidora final. Como profesionais ou empresarias somos simples recadadoras de Facenda; o diñeiro correspondente as cotas de IVE pasa polas nosas mans, pero non queda porque non é noso: entra polos cobros que facemos ás nosas clientas e sae polos pagos que facemos ás nosas provedoras ou a Facenda.
O que nos pode carrexar é un problema de liquidez. Pode suceder que no momento de facer a declaración de IVE non teñamos cobradas as facturas das nosas clientas e non poidamos facerlle fronte ao pago do IVE. Nese caso, para as autónomas, Facenda dá a posibilidade de aprazamento da débeda, previa solicitude. No caso de que a declaración teña un importe a pagar inferior a 30.000€ e se solicite un máximo de 12 mensualidades, o aprazamento é automático e non é necesario achegar ningunha garantía. Para débedas superiores a 30.000€ hai que xustificar o aprazamento, achegar garantías crediticias e quedar pendente da resposta de Facenda sobre a aceptación do aprazamento. En todo caso, Facenda cobraranos uns intereses que actualmente ascenden ao 3,5%.
Cando é deducible o IVE?
Os gastos ou investimentos dos que derive ese IVE deducible deben ser os necesarios e directamente relacionados coa nosa actividade. Así o IVE dunha compra dunha canoa será deducible se a nosa empresa é de actividades ao ar libre, pero non será deducible se nos adicamos á fabricación de zapatos.
Por outra banda, cando emitimos facturas con IVE, temos que ingresar este en Facenda trimestralmente. Pero como xa temos pagado IVE das nosas facturas de gastos, Facenda permítenos restalo (“deducilo”) do IVE das nosas vendas, porque se non estariamos pagando IVE dúas veces. Isto implica que hai unha correlación directa de IVE devindicado (dos nosos ingresos) e de IVE deducible: ten que haber IVE dos ingresos dos que deducir o IVE dos gastos.
..o IVE dunha compra dunha
canoa será deducible se a nosa
empresa é de actividades ao ar
libre, pero non será deducible se
nos adicamos á fabricación de
zapatos.”
Entón que acontece cando emitimos facturas exentas de IVE?
Neste caso non temos dereito a deducir IVE ningún. O IVE das facturas das nosas provedoras pasará a incrementar os nosos gastos, porque non poderemos recuperalo de Facenda a través das declaracións trimestrais.
E se facemos facturas con IVE e outras sen IVE?
Cando temos actividades exentas de IVE e outras que non o están, non podemos deducir a totalidade dos IVEs soportados nas facturas de compras, gastos e investimentos, precisamente porque non hai esa correlación de cotas de IVE dos ingresos dos que restar cotas de IVE dos gastos. Entón hai que aplicarlles unha porcentaxe ás cotas de IVE que si podemos deducir, en función do que represente o volume de facturas emitidas con IVE respecto ao total da nosa facturación. Isto é o que se chama “regla de prorrata”. A prorrata (rateo) non é unha elección nosa, senón que se aplica obrigatoriamente por lei.
[Continuará]
____________________________________________________
Helena Sanmamede Maneiro. Malabarista bici-pessoa do circo multi-pistas da formación fiscal e económica, facilitación económica, autoconstrución, feminismo, consumo responsable, cultura, linguas, galeguismo, deporte, medio ambiente, finanzas éticas… Sempre aprendendo. Sempre medrando..