Que é A Morada? Quais som os seus objetivos? Que atividades e bens (materiais, humanos, emocionais, etc) oferece?
A Morada é unha cooperativa sen ánimo de lucro no eido social en Vigo. Ofrecemos ás mulleres un espazo de encontro, un lugar de lecer, asesoramento e formación, conectado coa comunidade e onde os coidados estean no centro.
Os nosos obxectivos son:
- Ser un espazo de referencia para as mulleres de Vigo, onde coidarmos colectivamente nun ambiente de seguridade e confianza.
- Desenvolver proxectos formativos e de empoderamento con mulleres de diferentes colectivos, idades e ámbitos socioculturais.
- Acompañar e asesorar a mulleres en situación de vulnerabilidade creando unha rede de apoio e colaboración comunitaria.
- Facilitar o desenvolvemento integral das mulleres en todas as súas dimensións: artística, cultural, física, emocional e afectivosexual.
- Ofrecer un lugar de visibilización e soporte a proxectos laborais e artísticos de mulleres.
AS DÚAS PRINCIPAIS LIÑAS DA NOSA ACTIVIDADE SON:
PROXECTOS SOCIAIS
- Os Grupos de Mulleres inclusivos, prestando especial atención ás mulleres con discapacidade.
- Asesoramento e acompañamento de mulleres, especialmente en situación de violencia e vulnerabilidade.
- Dinamización comunitaria interactuando co tecido veciñal e asociativo do barrio e da cidade para promover accións culturais e que fomenten a igualdade entre mulleres e homes.
OBRADOIROS E ACTIVIDADES DE DESENVOLVEMENTO PERSOAL E COLECTIVO
Atendendo ás diferentes dimensións humanas como a creatividade e a expresión artística en toda a súa diversidade (música, poesía, danza, teatro, artes plásticas e visuais), a saúde (física, emocional e mental), a consciencia corporal e a afectivo-sexual, así como outras que facilitan a adquisición de novos saberes e fomentan o intercambio de coñecemento.
Facilitamos que as mulleres coidadoras poida realizar os obradoiros e actividades que propoñemos mentres acompañamos as persoas dependentes que están ao seu cargo.
Outros servizos que ofrecemos son:
Unha BAIUCA: como espazo de encontro e interacción entre as usuarias da Morada, ofrecendo bebidas e almorzos saudábeis.
EVENTOS ARTÍSTICOS E CULTURAIS: espazo aberto ás propostas de mulleres e colectivos que realizan espectáculos de diferente índole, prestando especial atención aos proxectos que están empezando e aos colectivos con menos posibilidades de visibilización.
Quem a conforma? Quem está no núcleo principal de trabalho? Que outros projetos e/ou aliadas tem?
Somos Majo, Ana e Fedra.
Majo é a responsable da área de xestión e administración. Diplomada en Graduado Social, desenvolveu diversos traballos ata asentarse durante 16 anos no departamento de contabilidade dunha empresa da rama da hostalaría. Tras serlle diagnosticado Alzheimer á súa nai, asiste a diversos cursos de formación nos coidados de persoas con esta enfermidade e a grupos terapéuticos de coidadoras nos que descobre a necesidade dun sitio como A Morada.
Ana é a responsable da área de dinamización comunitaria e asesoramento. Diplomada en Traballo Social, participa en diversos proxectos de cooperación internacional. Traballa durante 8 anos con persoas con parálise cerebral e as súas familias en APAMP , onde tamén participa na creación do grupo de mulleres As Bandidas. Esta experiencia lévaa a profundar na súa formación en xénero así como en facilitación e xestión de grupos, que xermola no proxecto da Morada.
Fedra é a responsable da área artística e pedagóxica. Licenciada en Belas Artes, dedica a súa vida, entre outras cousas, á ensinanza artística en ámbitos de ensino regrado e non regrado. Desde hai 7 anos traballa en APAMP, onde desenvolve diferentes proxectos artísticos, implicándose tamén noutros aspectos da atención ás persoas, como a dimensión afectivo-sexual. A creación do grupo As Bandidas supón unha experiencia transformadora e unha das sementes do xardín da Morada.
Na Morada compartimos espazo con Outro Conto, un proxecto que combina a oferta de menús deliciosos e saudábeis a domicilio para toda a semana e o activismo contra a cultura de dieta, a presión estética contra as mulleres e o terrorismo corporal exercido sobre todos e todas por parte das institucións do poder.
Como se organiza? Como se financia? Como pode ser matrocinadora ou vizinha? Que implica? Por que é importante?
Finánciase a través dos obradoiros e actividades que ofrecemos. Tamén co sevizo da Baiuca.
Pero o que fai que o proxecto poida ser sostible no tempo é a rede de matrocinadoras que estamos a construir. As matrocinadoras son as persoas que fan unha achega económica mensual adapatada ás posibilidades de cada unha:
- VECIÑA: 5€/mes.
- PRIMA: 10€/mes.
- MADRIÑA: 15€/mes.
- AMIGA DA ALMA: 20€/mes
Ademais temos a figura da VECIÑA VIAXEIRA: Se non vives na cidade ou non podes vir pola Morada podes achegar a cantidade que queiras de forma puntual e contribuír á sostibilidade do proxecto e ademais a financiar o noso sistema de bolsas para mulleres que queiran asistir a un obradoiro e pola súa situación non poidan pagalo.
Como contactar? Onde está? Como chegar? Quando está aberta?
O noso horario é:
De luns a venres de 10:00 a 21:00
Os sábados de 10:00 a 14:00
Estamos na rúa Enrique X. Macías, 636203 Vigo (Pontevedra)
A nosa páxina: http://www.amoradacooperativa.com
Instagram: @amoradacooperativa
Teléfono: 613047626
Mail: ola@amoradacooperativa.com
web Outro Conto: www.outroconto.com