por Lara Iglesias Formoso
Luces e tebras na alianza entre tecnoloxías e a loita política ciberfeminista
“Cada avance en autonomía é un avance político e require unha recomposición das relacións de poder, unha reconfiguración da política, e require unha linguaxe política, pois a autonomía debe ser enunciada politicamente”. (Lagarde, 2001: 13).
Estes dous elementos, a adquisición de autonomía e o poder, son valores concomitantes nas loitas dos feminismos e nos valores atribuídos á dixitalización. No escenario actual, os recursos tecnolóxicos emerxen como un instrumento para a conquista da autonomía individual e o empoderamento; permiten o acceso e maila participación cívica dos máis diversos suxeitos. Neste contexto, os feminismos fan uso das tecnoloxías da información e comunciación para a loita política.
A categorización do espazo dixital como político abre a porta á incorporación de novas propostas para a contrución social, moitas delas asentadas na “areté” da Rede. O reto desta virtude, que se atribúe á rede, consiste na exploración dos límites de circulación do poder social, abordando en paralelo as súas arestas técnicas e éticas (Ippolita, 2016: 65). De acordo con Sidney Tarrow (2007: 34), a acción colectiva contenciosa é o “acto irredutible que subxace en todos os movementos sociais, protestas, rebelións, disturbios, folgas e revolucións”. Estas accións son posíbeis por un cambio de marco; o contexto que achega a oportunidade de contribución a persoas que antes non podían formar parte dela. As persoas que comparten un desafío colectivo únense, coordinan e desenvolven propostas encamiñadas a cambiar a orde establecida. O éxito dos movementos sociais estribaría en conseguir a atención das demandas que formulan, ou mesmo o inicio dun proceso onde esas demandas sexan consideradas a unha escala pública e política máis ampla.
O ciberactivismo defínese como unha estratexia de activismo pacífica xenuinamente dixital. Ao igual que outras formas de activismo, visibiliza problemáticas que non fan parte da axenda pública e, partindo delas, xs ciberactivistas organizan e poñen en marcha tácticas encamiñadas cara a intervención activa e o cambio social.
Neste eido, e lonxe de constituír un grupo cohesionado, os ciberfeminismos abranguen un conglomerado difuso de proxectos, intereses, representacións, pensamentos e accións. Na súas axendas irrompen con vigor temas como a violencia sexual, a falta de equidade laboral e a pobreza femenina endémica; a progresiva mercantilización dos corpos femininos, o ecofeminismo e os postulados sobre a sostibilidade da vida. Nos últimos tempos, coincidindo coa cuarta vaga, o feminismo retoma en boa medida a súa posición de actor de vindicación política, a pesar do feminismo emocional, e prodúcese unha toma de conciencia social que transcende os seus propios muros, unindo unha parte da cidadanía a propósito da / arredor dasúa axenda.
Os movementos ciberfeministas adoitan xerar dinámicas de alianzas que unen voces procedentes de distintos lugares, non necesariamente cunha visión común, para fortalecer mutuamente as súas reivindicacións e gañar resonancia. A mobilización das mulleres ao redor dos distintos civeractivismos consegue politizar demandas como as relativas ao acoso sexual. Mais, ao mesmo tempo, os sistemas de representación establecidos, en conxunción cos medios de comunicación de masas, relegan moitas destas reivindicacións ao ámbito local ou á mera anécdota e nin sequera nesa esfera se visibilizan. Elas, como moitas outras activistas, permanecen fóra dos espazos territoriais e das TIC, que actúan como mecanismos de lexitimación das voces que compoñen os suxeitos lexítimos do patriarcado.
A participación que posibilita a rede, que reforza a autonomía individual, podería alterar o o poder dos ciberfeminismos para actuar a longo prazo e favorecer programas de acción aliñados co poder hexemónico. É dicir, a innegable capacidade para mobilizar un gran número de persoas nun período breve de tempo podería contrastar co poder para manter, a longo prazo, un compromiso político e social. Hoxe, o ciberfeminismo caracterízase, ao igual que moitos movementos sociais, por compromisos débiles pero mediáticos, e obstaculiza procesos de deliberación que poderían fixarse nos movementos.
O poder da alianza entre os ciberfeminismos e a tecnoloxía reside no seu potencial para actuar como un proceso contrahexemónico que deconstrúa os mecanismos de subalternidade das mulleres.
Noutras palabras, esta alianza será tan positiva para o feminismo como a súa capacidade para producir cambios nas conexións de poder.
As fronteiras a este poder atópanse especialmente nas barreiras de acceso e no desenvolvemento de mecanismos estables, inclusivos e abertos de compromiso político da sociedade civil.

Lara Iglesias Formoso.
Licenciada en Dereito, coa especialidade económico-empresarial e máster en Ética para a Construción Social pola Universidade de Deusto. As miñas liñas de investigación sitúanse na intersección entre feminismo, democracia, movementos sociais e participación política. Actualmente resido en Chile.
laraiglesiasformoso@gmail.com