de Ana Fernández
Falamos co equipo de Roller Derby `As Brigantias´ durante a previa do seu último partido na Coruña para coñecer un pouco máis deste deporte feito `por e para mulleres´ que continúa medrando con forza na Galiza.
-Como nace o Roller Derby e cales son as súas regras básicas?
O roller derby moderno naceu nos anos vinte. Nun principio tratábase de facer carreiras de velocidade, pero despois co tema do contacto comezaron a organizarse partidos amañados, unha cousa como Pressing Catch. Entón empezou a decaer e desapareceu, ata que nos anos 70, en Texas, un grupo de mulleres decidiron retomar o roller e crearon unha liga, que se chama WFTDA, e toda a normativa, todo o regulamento, parte daí sobretodo co lema de que é un deporte `para e por patinadoras´.
Un partido de roller derby dura unha hora dividida en dous tempos marcados por jams de dous minutos. Saen a pista cinco xogadoras de cada equipo, catro bloqueadoras e unha jammer. A primeira jammer en cruzar o pack de xogadoras, é a jammer líder e ten a vantaxa de poder cortar as seguintes jams antes do tempo. Cóntanse os puntos por cada cadera de bloqueadora contraria que pasa a jammer. E despois hai un montón de normativas, hai unhas zonas legais e ilegais tanto para impactar coma para bloquear, por iso hai sete persoas arbitrando. Isto cunha pizarra… (risas) enténdese millor.
-E como vos achegastes a este mundo? Sabíades patinar?
Eu persoalmente si que fixera patinaxe, pero pola miña conta. Un día vin que un colega puña que lle gustaba Roller Derby Madrid no Facebook e dixen: “Oh!.. patín e contacto que guai”, entón metinme a ver se había na Coruña e vin unha páxina pero ninguén respondía ás mensaxes. Decidimos reunirnos tal día no Obelisco e miramos de formar o noso propio equipo. E así foi.
-Canto tempo hai diso?
Cinco anos. A primeira reunión eramos seis e hoxe desas seis quedamos dúas. A media de idade do equipo é alta, rondamos os 30 anos, super diversas todas a nivel persoal-profesional e ainda así o equipo está funcionando moi ben. Custou moitísimo porque, claro, non o tomamos como un pasatempo fan falla moitas cousas: buscar patrocinios, o material…
-Porque é todo autoxestionado? Coma vos organizades?
Claro. Traballamos cos comités entón na axenda de traballo levamos rexistro de todas as actividades que imos facendo. E co tema da financiación tiramos do merchandaising que afortunadamente está tendo bastante éxito e logo con subvencións municipais. Bueno, as xogadoras pagamos tamén unha cuota mensual de 20 euros e a tesouraría e aberta, todo o mundo ten acceso.
-Cal diríades que é a situación actual do derby na Galiza?
Pois que hai un montón de equipos, de feito, somos a comunidade autónoma con máis equipos de Derby, pero, o tema é que é difícil, por iso nós decidimos que queríamos formar un equipo potente. E, de feito, está dando resultado porque estamos xogando partidos, pero levamos cinco anos loitando para chegar ao punto en que estamos agora. Cremos que o deporte é un pouco máis coñecido de cando comezamos pero ainda hai moito traballo…
-E a nivel do estado español? Cal é a situación?
Pois mira hai unha selección española que xoga a principios de febreiro o mundial de Derby de Manchester. Agora o que pasa é que a asociación de deportes de rodas (FIRS) quere meter Roller Derby, entón o que nos están pedindo dende as federacións é que se xogue só baixo o reglamento da FIRS e non baixo o da WTFDA. Iso sería rexeitar a nosa normativa sobre todo a nivel integrador, porque no Roller participan por exemplo persoas tranxénero, cousa que noutros deportes non; sen embargo, se entramos dentro da FIRS, esa sería outra cuestión…traballaríamos dunha forma completamente vertical. Agora o que queremos facer e unha liga Galega pero ainda non sei se se fará este ano, porque non hai equipos suficientes.
-Cal diríades que é a relación entre o roller e os feminismos?
Eu creo que non existe outro deporte que sexa autoxestionado por mulleres en absolutamente todo. De feito, quen levantou o Roller moderno e está a crear mundiais europeos e a WFTDA e a intención e ademais clara: é un deporte feito por e para mulleres. Ademais, non encerra nen límite de idade nen tampouco tes que ter ningún tipo de corpo. Creo que realmente é unha oportunidade aberta ás mulleres para podermos entrar en redes sociais totalmente distintas ás habituais, porque aquí ningunha nos coñecíamos e agora somos practicamente inseparables.
-Entón, pensades que existe relación entre o mundo do roller e o activismo?
Penso que sí. A verdade polos equipos que coñezo e despois nós, a nivel de Brigantias, si que estamos bastante involucradas sobre todo no tema das violencias. Colaboramos con algunha campaña porque realmente cremos que vivimos nunha sociedade machista e sufrimos violencias a diario e si que queremos visibilizalo. Tamén fixemos un evento polo 25n e viñeron equipos de Pontevedra, de Ourense…sumouse moita xente.
-E con que estereotipos e mandatos de xénero cres que rompe o derby?
Uf! Eu creo que moitísimos. De feito, a min encantaríame que se dese nas escolas, que hoxe nas bancadas houbese mogollón de nenas. Porque toda a cultura da patinaxe na Coruña é a patinaxe artística. Refírome a que tes que levar maillot e estar super delgadiña para facer as piruetas…e aquí poden ver corpos diversos e que todas participan. Dá o mesmo como sexas. Sobre todo, que podemos practicar un deporte en equipo, un deporte de contacto, que é estratéxico e que ante todo somos compañeiras.
-E o tema do contacto? Pensades que é algo que empodera?
Eu creo que si. De feito, o primeiro que traballamos nos adestramentos cando chegan as fresh meats (1) é o de pedir disculpas. Porque o tema é que se queres ser boa bloqueadora, tes que aprender a bloquearme. Ao principio sempre dicimos `non, ti golpéame ben porque logo na pista vai ser o dobre´. E, claro, agora vas pola rúa, inconscientemente tropezas, apoias un xeonllo e segues camiñando (risas). Non é que sexa violento, é sobre todo descubrirmos que somos máis fortes e temos máis resistencia do que pensamos.
-Antes falabas da comunidade trans dentro do Derby. Teño entendido que en España existe algún equipo especificamente Queer…
-Si, si, chámanse Vagine Regime.
-Existe algo similar na Galiza?
É todo a nivel nacional. De feito, este verán hai unha Derby Comme, que son catro días de Derby en Barcelona onde se fan scrimatch (2) temáticas e está tamén o Vagine Regime. Hai un grupo propio tamén a nivel mundial e despois en cada país hai un equipo que o representa. Ademáis, agora, lendo as entrevistas que lles fan as xogadoras para o mundial, si que vin que moitas ao meterse no Derby aprenderon a entender máis as persoas trans e as persoas homosexuais…
-E máis aló da ética, pensades que estética punk con que nace o Derby e algo que está tan presente na Galiza?
Ben, si que é certo que o Derby atrae iso. Despois, claro, é un pouco tamén o que queres desmitificar pero si, hai de todo, xa che digo, no noso equipo temos a `Shakira´ (risas). E despois temos os nosos derby names, iso cada xogadora.
– Escollédelos vós?
A ver, mola poñerllo as túas compañeiras, que pasa? as primeiras que chegamos escollémolo nós. Eu chámomelle `Lady Moratón´ porque un dos meus comics favoritos é Lady Snowblood. É coma o teu alter ego.
-E se alguén está interesadx en pasar a formar parte do equipo agora mesmo, é unha opción?
Si, claro, esa tamén é outra das cousas, porque hai equipos que traballan con `try outs´ (3) e o resto do ano estan pechados, nós decidimos non pechar. Calquera interesada que se poña en contacto connosco derivámola para o comité de recrutamento e xa che mandan que tes que facer para ser unha derby girl. Tes un mes de proba, se necesitas material, e temos nese momento, pois deixámosche e a partir dos tres meses tes que entrar nun comité. Ademáis, as fresh meats teñen que sacar unhas mínimas e é a nosa responsabilidade motivalas. Porque, bueno, xogamos tamén coa idea de que as veteranas somos madriñas das fresh meats, entón calquera cousa que precises dentro do equipo, tela coma persoas de referencia. Pero, vamos ,que calquera que lle que apeteza entrar tanto para patinar como para ser voluntaria pode facelo porque tamén necesitamos persoal na pista.
– E se alguén en Galiza quere ir ver un partido, como pode facelo?
Pois polas redes sociais e tamén enviamos notas de prensa a semana anterior aos partidos. Polo de agora e mentres poidamos tirar, queremos que a entrada sexa gratuita e que a xente veña ver derby, sobre todo cantas máis nenas e nenos millor. O deporte é unha ferramenta super poderosa, educacional. Ademais, nos coles xa se marca moito a diferenza, no deporte sobre todo co tema da forza e do traballo en equipo.
Nós participamos no `Deporte na rúa´ na Coruña e abrimos a que probaran nenas. E, claro, quedamos alucinadas porque si que é certo que, se cadra, coa idade vas tendo certos medos, pero, jolín, as nenas nos alucinabamos porque era en plan: `tes que atravesar por aquí´ e era coma ´pum pum pum´, e daste conta de que é algo que vas cambiando cos anos. De feito, un dos obxectivos de Brigantias e formar un equipo infantil.
-E que significou o Roller dende unha perspectiva persoal?
Un salvavidas (risas). Teño 35 anos e parte das miñas amigas teñen iso… vida familiar, e o Derby permíteche pois á parte de ocupar o teu tempo, desafogar todo nun espazo onde ninguén ten esa relación de amizade dende fai tempo ou familiar. Aquí coñécenme coma `Lady Moratón´. Dentro disto eu son `Lady Moratón´.
-E xa por último: cales son os vosos obxetivos a curto prazo como equipo?
Estamos pendentes de que oficialmente nos consideren WFTDA, entón xa teríamos o logo da patinadora e virían sobre todo máis equipos europeos, porque ca WFTDA, estás dentro do ranking mundial. E, bueno, o equipo infantil … e encher hoxe Monte Alto, e a after party tamén! (risas).
(1) Carne Fresca. As principiantes.
(2) Pachangas.
(3) Xornadas para reclutar xogadoras
_____________________________________________________________________
A liga As Brigantias Roller Derby é un club sen fin de lucro que busca fomentar a cultura Roller Derby e a visibilización dos deportes femininos na sociedade galega. Estamos na procura de persoas emprendedoras que compartan a nosa visión e paixón polo deporte, fomentando a inclusión, a diversidade e o respecto entre deportistas.
Son Ana e gústame escoitar historias, as veces escribilas. Vivo na Coruña a ratos e a ratos en Granada, Santiago ou Portugal. Os feminismos son pra min unha revolución que brota do miudo para arramplar con todo, deconstruir para reconstruir dende o placer e o amor coletivo, estar atentxs a escoita e coidar uns dxs outrxs. Coma dixo algunha por ahí: Se non me fai rir prefiro non seguir.