por Paula Tomé Espiñeira

Non descubro a pólvora a ninguén se afirmo que todas as mulleres vivimos atravesadas por múltiples violencias, a lista interminable de violencias sistémicas que nos atravesan a pel, a nómina, a psique ou a sexualidade non son de contar aquí, polo simple feito de que este artigo resultaría, tristemente, interminable.

Non me vou deter tampouco nas secuelas, tamén por veces interminables, de todas e cada unha…vouno repetir coa voz máis alta, DE TODAS E CADA UNHA desas violencias. Pero si vou parar un bocadiño, por ser a máis invisibilizada e a máis difícil de probar nun tribunal patriarcal: na violencia psicolóxica. A violencia psicolóxica produto dunha relación de manipulación, ninguneamento, desprezo, falta de apoio nos momentos que máis se precisan, culpabilización psicopática e compulsiva…esa violencia ten secuelas lentas, insidiosas, prolongadas no tempo, peor aínda porque son difíciles de detectar, de atribuír á relación mesma (a táctica da culpabilización das mulleres fai moi complicado conseguir desviar esa autoculpabilización, interiorizada e polo tanto gravada a lume, cara ao verdadeiro foco e orixe da mesma: a intención perversa dun outro que sabe moi ben como desviar toda sospeita cara a súa ausencia total de responsabilidade afectiva, cargando sobre a vítima toda causa do malestar da relación).

Así as cousas, na psicoloxía existe un diagnóstico denominado estrés postraumático. Este diagnóstico, que pon o foco da orixe do malestar mental nun suceso de gran impacto negativo e doloroso, faise moi claro cando ese foco é unha guerra, un accidente de tráfico ou de calquera outro tipo, nunha perda súbita dun ser querido… En cambio non parece resultar tan claro cando a orixe dese trauma é a violencia psicolóxica machista nunha relación de parella (ou de outro tipo).

As secuelas da violencia psicolóxica poden incluír perda de autoestima, de enerxía vital, de concentración, de capacidade para sentir pracer, autoculpabilización, pensamentos obsesivos, perda de memoria, insomnio, pesadelos, anhedonia (dificultade ou imposibilidade para sentir pracer), baixas laborais por falta de forzas para afrontar o día a día, autolesións e mesmo suicidio. Tamén produce a miúdo, e resulta moi grave, unha sensación de confusión sobre quen é quen na relación, sobre o que está acontecendo en realidade, xa que a persoa maltratadora acostuma a xerar esta confusión con comportamentos contraditorios que non teñen outra finalidade ca de minar a interpretación da situación. A maiores da gravidade de calquera destes síntomas por separado, súmase o carácter pegañento e continuado no tempo de todo o conxunto.

Ás mulleres, educadas como estamos polo patriarcado para comprender, aguantar, ver o lado bo dos demais, soster emocionalmente, calar, dubidar do noso criterio e dar miles de oportunidades ante a ética dubidosa do que temos enfronte, cústanos moitísimo, por esta bagaxe educacionalmente perversa, detectar cando chegou o límite. Ou simplemente, detectar cando o malestar vén de fóra, e non dunha falla propia por non responder adecuadamente ante as esixencias emocionais de quen, aínda por riba, descoñece o significado da palabra reciprocidade.

A autodefensa, enfocada dun xeito feminista, permite facer un traballo persoal e colectivo coa maleta das violencias. Colectivo porque todas as mulleres que coincidimos nos cursos temos maleta propia, máis ou menos cargada, máis ou menos identificada. Colectivo porque nos dá a oportunidade de facer ese traballo sobre o trauma das violencias nun ambiente seguro e ate lúdico, onde se pode chorar, desafogar, parar e tamén rir, dar apertas ou golpear máis forte, sempre respectando as reglas que manteñen o traballo con esa violencia nun espazo de control do risco, de empatía, de coidado e autocoidado.

Mesmo que a maleta das violencias individuais non inclúa violencia física, o mero feito de sacar fóra rabias incrustadas (as veces durante anos) axuda a identificar a violencia psicolóxica como violencia, de xeito que a catarse acaecida na aula de autodefensa se sinte como un alivio do mesmo tamaño que se a orixe fose física, ou aínda máis, a propia catarse pode axudar a identificar, finalmente, a experiencia de ter sido violentada psicolóxicamente.

Ademais da segregación de serotonina, común a toda actividade física, o alivio psicolóxico de “xogar coa violencia”, sen riscos, adoita ter consecuencias beneficiosas inmediatas na autoestima das mulleres, consecuencias que son un verdadeiro tesouro e reparación cando o que estivo sistematicamente atacado nunha relación de maltrato foi precisamente iso. O feito de que nas sociedades patriarcais a violencia se presente como un patrimonio exclusivo dos homes, o acceso das mulleres ao control sobre o seu propio corpo nun contexto de agresividade física aumenta a seguridade neste contexto. Sempre, insisto, nun ambiente de seguridade, de coidado, de control dos riscos. É como volver a ser unha nena que xoga, que transgride, que aprende, sen que iso teña custos en forma de represión ou autoritarismo.

Para as mulleres, mesmo feministas, que din que non precisan a autodefensa porque elas nunca foron agredidas nin sentiron medo (xa deben quedar poucas), a práctica da autodefensa pódese defender tamén cun último argumento que se suma aos anteriores: o de estar aí, con esa habilidade, para cando a precisen as compañeiras.

Na miña experiencia particular e brevísima con esta disciplina podo dicir que, ademais de todos os beneficios xa mencionados (porque eu fun vítima de violencias de todo tipo), me entraron unhas ganas irresistibles de escribir este artigo, que considero parte da terapia completísima e imprescindible que para min supón a conciencia e práctica feminista, a todos os niveis.

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad