por Helena Sanmamede Maneiro

Cursos, conferencias ou elaboración de obras literarias, como se cotizan?

Dicimos sempre que, en calquera actividade empresarial ou profesional, temos que pagar impostos e facer as declaracións correspondentes dende o primeiro euro que gañemos.

Porén, hai dúas excepcións; dous tipos de ingresos que fiscalmente teñen unha consideración asimilada a ingresos ou aos rendementos de traballo:

  • Impartición de cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares;
  • elaboración de obras literarias, artísticas ou científicas, cando se cede o dereito á súa explotación.

O requisito para que estes dous tipos de rendementos non sexan considerados como parte dunha actividade empresarial ou profesional é que: “non impliquen a ordenación por conta propia de factores de produción materiais ou humanos”. É dicir, que sexan traballos realizados por encargo de terceiras persoas e baixo as súas directrices, organización, horarios, medios, locais, clientela, etc.

O feito de que estes ingresos teñan a cualificación fiscal de “traballo” e non de actividade económica ten varias implicacións:

Para comezar, non é necesario facer a alta censual ou a “alta no IAE”.

Por outra banda, non teremos que facer as declaracións trimestrais e anuais, nin de IVE nin de IRPF.

Ademais, ao estar fóra do ámbito do IVE (que só afecta a actividades empresariais e profesionais) nunca teremos que aplicar nin os tipos do 21, 10 ou 4%. Nin tan sequera teremos que facer a mención de “exento de IVE”, porque non procede. Tampouco será necesario facer facturas, que só son obrigatorias para as operacións que están dentro do “radio de acción” do IVE.

Entón, como documentamos estas operacións?

Podemos empregar o “recibín”, que non é un documento oficial como unha factura. En realidade, é a empresa ou entidade que nos paga a que debería facer ese “recibín”. Se non fose así, podémolo facer nós; hai que restar a retención do 15% fixa que marca o Imposto da Renda para este tipo de ingresos.

[continuará]

____________________________________________________________________________

Helena Sanmamede Maneiro

Malabarista bici-pessoa do circo multi-pistas da formación fiscal e económica, acompañamento e asesoramento a entidades e autonómas, finanzas éticas, feminismo, consumo responsable, linguas, galeguismo, deporte, medio ambiente, bioconstrución… Sempre aprendendo. Sempre medrando.

www.etikas.org

Este site usa cookies próprios e de terceiros para o seu correto funcionamento e fins analíticos. Ao clicar no botão ACEITAR, você concorda com o uso dessas tecnologias e o processamento de seus dados para esses fins.   
Privacidad